CAPÍTULOS 16-20

CAPÍTULO 16

 

Hagar e Ismael

 

1Sarai, muller de Abram, non podía ter fillos. Pero tiña unha serva exipcia, Hagar de nome, 2e díxolle a Abram: ‑"Xa ves que o Señor non me deixa ter fillos. Achégate á miña serva, a ver se por ela teño un fillo". Abram fixo caso da proposta de Sarai.

3Os dez anos de habitaren en Canaán, Sarai, muller de Abram, colleu a súa serva exipcia Hagar e deulla como muller ó seu home Abram. 4Abram achegouse a Hagar, e esta quedou embarazada. O ver que concibira, perdeulle o respecto á súa ama.

5Entón díxolle Sarai a Abram: ‑"Esta inxuria recae sobre ti. Puxen a serva nos teus brazos e, embarazada, pérdeme o respecto. Que xulgue o Señor entre nós os dous".

6Abram respondeulle a Sarai: ‑"Ter a túa serva nas túas mans. Fai con ela o que che pareza". Entón Sarai maltratábaa, e ela escapou da casa.

7Encontrouna o anxo do Señor onda unha fonte no deserto, a que está no camiño do Sur, 8e díxolle: ‑"Hagar, serva de Sarai, ¿de onde vés e para onde vas?"

E ela respondeu: ‑"Estou fuxindo de Sarai, a miña ama".

9O anxo mandoulle entón: ‑"Volve onda a túa señora e sométete á súa autoridade". 10E engadiu: ‑"Dareiche tantos descendentes, que non se poderán contar". 11E díxolle aínda: ‑"Ves que estás embarazada. Terás un fillo e chamaraslle Ismael, xa que o Señor escoitou a túa aflición. 12Será un onagro entre os homes. A súa man erguerase contra todos e a man de todos contra el; habitará á parte, fronte a todos os irmáns".

13Hagar púxolle un nome ó Señor que lle falara: ‑"Ti es o Deus da miña visión". Pois razoaba para si: ‑"¿Non vin eu tamén aquí a quen me ve?" 14Por iso chámase aquel pozo, pozo de Lahai-Roí. Está entre Cadex e Bered.

15Hagar deulle a Abram o fillo que concibira, e este púxolle o nome de Ismael. 16Abram tiña oitenta e seis anos cando Hagar lle deu a Ismael.

 

 

 

CAPÍTULO 17

 

Alianza de Deus con Abraham

 

1Abram tiña noventa e nove anos, cando se lle apareceu o Señor para lle dicir: ‑"Eu son o Deus Xadai. Camiña de acordo comigo e se perfecto. 2Eu establezo entre nós os dous unha alianza. Fareite crecer moito".

3Abram prostrouse por terra, e Deus díxolle: 4‑"Esta é a alianza que eu fago contigo: Serás pai de moitos pobos. 5Non te seguirás chamando Abram; o teu nome será Abraham, porque te fago pai de moitos pobos. 6Dareiche fecundidade, sacarei de ti nacións, de ti sairán reis. 7Establezo a miña alianza, alianza perpetua, contigo e cos teus descendentes, polas xeracións vindeiras. Eu serei o teu Deus e o dos teus descendentes. 8Dareiche a ti e a eles, en posesión perpetua, a terra onde habitas, o país de Canaán. Eu serei o teu Deus".

 

A circuncisión

 

9Deus díxolle a Abraham: ‑"Gardarás a miña alianza, ti e mais os teus descendentes, polas xeracións vindeiras. 10Esta é a alianza que eu fago contigo e cos teus descendentes, e que habedes de gardar: 11Circuncidade a pel do prepucio, en sinal de alianza entre nós.

12Os oito días de nacer, circuncidade todos os varóns, unha xeración tras outra, o mesmo os nacidos na casa, coma os forasteiros adquiridos por diñeiro, que non son descendentes teus. 13Circuncidade os nacidos na casa e os adquiridos por diñeiro, e a miña alianza estará no voso corpo como alianza perpetua. 14O varón non circuncidado, coa pel do prepucio sen cortar, será el cortado do seu pobo, pois viola a miña alianza".

 

Un fillo de Sara

 

15O Señor díxolle a Abraham: ‑"A túa muller non seguirá chamándose Sarai. O seu nome é Sara. 16Bendicireina e dareiche un fillo dela; bendicireina e será nai de nacións, nacerán dela reis de pobos".

17Abraham prostrouse por terra e sorriu, pensando para si: ‑"¡Un home de cen anos terá un fillo, e Sara ós seus noventa parirá!" 18E suplicoulle a Deus: ‑"¡Oxalá deixes vivir a Ismael!"

19Deus respondeulle: ‑"Non; Sara, a túa muller, darache un fillo, e poraslle o nome de Isaac. Con el e cos seus descendentes vindeiros establezo unha alianza, alianza perpetua. 20En canto a Ismael, tamén te escoitarei. Bendicireino, dareille fecundidade e fareino crecer moito. Xerará doce príncipes e convertereino nun gran pobo. 21Pero a miña alianza establecereina con Isaac, o fillo que che dará Sara de hoxe nun ano".

22En acabando de falar, Deus foise de onda Abraham. 23Abraham colleu o seu fillo Ismael, os servos todos nacidos na súa casa e os adquiridos por diñeiro, todo varón da súa casa, e circuncidou ese mesmo día a pel dos seus prepucios, conforme Deus lle mandara.

24Abraham tiña noventa e nove anos cando circuncidou a pel do seu prepucio, 25e Ismael tiña trece. 26No mesmo día circuncidouse Abraham e seu fillo Ismael. 27Con eles circuncidáronse tamén todos os varóns da súa casa, o mesmo os nacidos nela coma os adquiridos por diñeiro.

 

 

 

CAPÍTULO 18

 

Teofanía en Mambré

 

1O Señor apareceuse na carballeira de Mambré a Abraham, estando este sentado á entrada da súa tenda, nas horas da calor. 2Abraham ergueu os ollos e viu tres homes de pé diante del. En véndoos, correu ó seu encontro, desde a entrada da tenda, e prostrouse, 3dicindo: ‑"Meu Señor, se merezo o teu favor, non pases sen te deteres onda o teu servo. 4Farei traer unha pouca auga, bañaredes os pés e descansaredes baixo a árbore. 5Coa mesma e xa que pasades por onda o voso servo, traerei un anaco de pan. Repararedes con el as forzas, para logo seguirdes camiño".

Responderon eles: ‑"Está ben. Fai como dis".

6Abraham correu á tenda onda Sara, para lle dicir: ‑"Trae tres cuncas de flor de fariña, axiña: amásaa, e prepara unha bica". 7E el foi correndo ó cortello, colleu o vitelo máis tenro e mellor, e deullo a un criado, para que o guisase ó momento. 8Despois, co vitelo guisado, colleu manteiga e leite, e servíullelos. Mentres eles comían, el estaba ó seu lado baixo a árbore.

9Nisto eles preguntáronlle: ‑"¿Onde está Sara, túa muller?"

El respondeu: ‑"Aí dentro, na tenda".

10E un deles engadiu: ‑"Volverei verte para o ano, e entón Sara a túa muller, terá un fillo". Sara oíu o que dicía, detrás da entrada da tenda. 11Abraham e Sara eran vellos, moi entrados en anos, e ela xa deixara de ter a regra das mulleres. 12Sara riu ás escondidas, de pensar: ‑"Despois que estou acabada e o meu home vello, ¿coñecerei aínda o pracer?"

13Mais o Señor díxolle a Abraham: ‑"¿Por que ri Sara, dicindo: Será certo que vou ter un fillo ós meus anos? 14¿Hai cousa que non poida o Señor? De hoxe nun ano, cando eu volva, Sara terá un fillo".

15A Sara estáballe entrando medo, e negou: ‑"Non rin". Pero el insistiu: ‑"Non o negues: ti riches".

 

Intercesión por Sodoma

 

16Os homes erguéronse de alí e ollaron cara a Sodoma. Abraham acompañábaos para lles dar a despedida. 17O Señor dixo para si: ‑"¿Voulle esconder a Abraham o que penso facer? 18Abraham converterase nun pobo grande e podente e nel veranse benditas todas as nacións da terra. 19Escollino para que lles mande a seus fillos, a toda a súa casa e ós seus descendentes mantérense nos camiños do Señor, obrando con rectitude e con xustiza, de xeito que o Señor lle outorgue a Abraham o que lle prometeu".

20O Señor seguiu dicindo: ‑"O clamor contra Sodoma e Gomorra é moi grande; o seu pecado é grave. 21Vou baixar e ver se este clamor que chega onda min corresponde cos feitos; e se non, sabereino". 22Os homes dirixíronse desde alí cara a Sodoma, pero Abraham quedou diante do Señor. 23Abraham adiantouse cara ó Señor e preguntoulle: ‑"¿Por caso aniquilarías os inocentes cos culpables? 24Se houbese cincuenta xustos na cidade, ¿aniquilaríalos tamén, e non perdoarías o lugar por mor dos cincuenta xustos que houber nel? 25¡Lonxe de ti facer tal cousa! Matar o inocente co culpado, e que teñan os dous a mesma sorte. ¡Lonxe de ti! O que xulga a terra enteira, ¿non vai facer xustiza?"

26O Señor respondeu: ‑"Se houbese cincuenta xustos en Sodoma, perdoaría a toda a cidade por mor deles".

27Abraham insistiu: ‑"Perdoa o atrevemento de lle falar ó meu Señor, sendo eu po e cinsa. 28Se para cincuenta xustos faltan cinco, ¿aniquilarías por culpa dos cinco toda a cidade?"

Respondeu o Señor: ‑"Non a destruirei, se atopo corenta e cinco".

29Abraham insinuou: ‑"Se cadra, hai corenta".

El respondeu: ‑"Non o farei, en vista dos corenta".

30Abraham dixo: ‑"Que non se enfade o meu Señor, se volvo falar aínda. ¿E se houbese trinta?"

El respondeu: ‑"Non o farei, se atopo trinta".

31Abraham teimou aínda: ‑"Voume atrever a lle falar outra vez ó meu Señor. Podería ser que houbese vinte".

Respondeu o Señor: ‑"Non a destruirei en graza ós vinte".

32Abraham dixo: ‑"Que non se alporice o meu Señor, e falarei aínda unha vez. ¿E se houbese dez?"

El respondeu: ‑"Non a destruirei por mor dos dez".

33Desque acabou de falar con Abraham, o Señor retirouse, e Abraham volveu ó seu lugar.

 

 

 

CAPÍTULO 19

 

Corrupción de Sodoma

 

1Os dous anxos chegaron pola tarde a Sodoma. Estaba Lot sentado á porta da cidade e, en véndoos, ergueuse para ir ó seu encontro, e saudounos, prostrándose por terra. 2Díxolles Lot: ‑"Pídovos, meus señores, que veñades á casa do voso servidor, para pasar a noite nela. Lavaredes os pés e, de mañá, seguiredes camiño".

Responderon eles: ‑"Non. Durmiremos na praza".

3Pero Lot porfioulles tanto, que o seguiron, e entraron na súa casa. El preparoulles comida, coceu pan, e eles cearon. 4Aínda non se deitaran, cando os homes de Sodoma, desde os rapaces ós vellos, toda a cidade a feito, rodearon a casa, 5e chamaban por Lot, preguntando: ‑"¿Onde están os homes que entraron na túa casa esta noite? Sácanolos fóra. Queremos achegarnos a eles".

6Pechando a porta tras de si, Lot saíu fóra, e faloulles: 7‑"Pídovos, irmáns, que non fagades este mal. 8Mirade, teño dúas fillas, que non se xuntaron aínda con ningún home. Daréivolas, e facede con elas o que vos pareza ben. Pero non lles fagades nada a estes homes, que se acolleron á sombra do meu teito".

9Responderon eles: ‑"¡Arreda de aí! Este que veu de fóra, pretende ser o noso xuíz. Agora tratarémoste a ti peor ca a eles". Empuxaron contra Lot, e por pouco non botaron abaixo a porta da casa. 10Niso os dous visitantes alongaron as mans, tiraron de Lot para dentro e pecharon a porta da casa. 11E ós que estaban á entrada, desde os pequenos ós grandes, feríronos de cegueira, e non puideron dar coa porta.

 

Lot salvado da morte

 

12Os dous homes dixéronlle a Lot: ‑"¿Que xente da túa tes aquí? Cantos parentes teñas na cidade, xenros, fillos, fillas, sácaos do lugar, 13pois imos aniquilalo. O clamor contra El chegou onda o Señor, e mandounos destruílo".

14Lot saíu para lles dicir ós xenros, que desposaran a súas fillas: ‑"Dispoñédevos para abandonar este lugar, pois o Señor destrúe a cidade". Pero eles collérono a riso.

15Os anxos, ó amañecer, espertaron a Lot: ‑"Érguete, e leva de aquí a túa muller e as dúas fillas, non sexa que perezades coa cidade". 16Como el se demorase, agarrárono da man, a el, á súa muller e as dúas fillas. Pola compaixón de Deus con el, sacáronos e deixáronos fóra da cidade. 17Alí fóra dixéronlle: ‑"Fuxe, salva a túa vida. Non olles para atrás. Non te deteñas nesta veiga. Corre á montaña, se non queres perecer".

18Lot respondeulle: ‑"Non, Señor meu, por favor. 19Xa que mostraches o teu favor a este teu servo e me trataches con amor, salvándome a vida, mira que non vou poder chegar ata a montaña, antes de que me acade a desgraza e morra. 20Aí preto está esa pequena vila, para fuxir alá e salvar a vida nela. ¿Non é cousa ben pequena? E alí salvarei a vida".

21El respondeulle: ‑"Tamén che concederei este favor de non destruír a vila da que falas. 22Corre de présa e ponte a salvo nela, pois non podo facer nada ata que ti chegues alá". Por iso puxéronlle a esa vila o nome de Soar. 23O sol saía polo horizonte cando Lot chegou a Soar.

 

Aniquilamento de Sodoma

 

24O Señor fixo chover sobre Sodoma e Gomorra xofre e lume desde o ceo. 25Destruíu as cidades e a veiga ó arredor, cos seus moradores todos e coa súa vexetación. 26A muller de Lot mirou para atrás, e trocouse en estatua de sal. 27Abraham ergueuse cedo, para ir de contado ó lugar onde estivera co Señor. 28Ollou cara a Sodoma, Gomorra e toda a veiga, e viu que do chan subía fume, coma fume dun forno. 29O destruír as cidades da veiga, Deus pensou en Abraham, e librou a Lot do aniquilamento das cidades onde estaba.

 

As fillas de Lot

 

30Lot subiu de Soar e asentou coas súas dúas fillas na montaña, pois tivo medo de quedar en Soar. Vivía nunha cova coas dúas fillas. 31A máis vella díxolle á máis nova: ‑"O noso pai é vello e por aquí non hai un home que se achegue a nós, como se fai en todos os lados. 32Imos emborrachar ó noso pai, e logo deitarémonos con el, e teremos fillos del". 33Aquela mesma noite emborracharon a seu pai, e a máis vella deitouse con el. Pero el non se decatou de cando ela se deitou nin de cando se ergueu. 34O seguinte día díxolle a máis vella á máis nova: ‑"Onte deiteime eu con meu pai. Emborracharémolo tamén esta noite, e déitaste ti con el. Deste xeito teremos fillos da súa mesma semente". 35Emborrachárono tamén aquela noite, e a máis nova deitouse onda el, sen que el se decatase de cando se deitou nin de cando se ergueu.

36As dúas fillas de Lot quedaron embarazadas de seu pai. 37A máis vella pariu un fillo, e puxéronlle o nome de Moab. Este é o devanceiro dos moabitas de hoxe. 38Tamén a máis nova tivo un fillo, e puxéronlle Benamí. Este é o devanceiro dos amonitas de hoxe.

 

 

 

CAPÍTULO 20

 

Abraham e Abimélec

 

1Abraham colleu o camiño cara ó Négueb e asentou entre Cadex e Xur. Residiu tamén por un tempo en Guerar. 2Abraham dicía que Sara a súa muller, era súa irmá, e Abimélec, rei de Guerar, mandou que lla trouxesen.

3Pero Deus aparecéuselle de noite nun soño a Abimélec e ameazouno: ‑"Vas morrer por causa da muller que tomaches, pois ten home".

4Abimélec non a tocara aínda, e respondeu: ‑"Señor, ¿matarías tamén un inocente? 5¿Non me dixo el que ela era súa irmá, e ela que el era seu irmán? Con intención sincera e mans limpas fixen isto".

6Deus díxolle en soños: ‑"Sei que o fixeches con recta intención. Por iso eu gardeite de que pecases, non deixei que a tocases. 7Agora vólvelle a muller a seu home que é profeta, e el pregará por ti para que vivas. Pero se non lla volves, ten por certo que morrerás, ti e todos os teus".

8Abimélec ergueuse cedo, chamou a toda a súa xente e contoulles o que pasaba. Todos colleron moito medo. 9Despois Abimélec chamou a Abraham para dicirlle: ‑"¿Que fixeches connosco? ¿En que che faltei eu, para botares enriba de min e do meu reino este pecado tan grande? Fixéchesme o que non se fai. 10¿Que buscabas ó faceres isto?"

11Abraham respondeulle: ‑"Pensei para min: Quizais neste país non teñen temor de Deus, e mataranme por causa da miña muller. 12Polo demais tamén é certo que ela é miña irmá, filla do mesmo pai, aínda que non da mesma nai, e eu tomeina por muller. 13Cando Deus me levou lonxe da casa de meus pais, díxenlle así: Vasme facer este favor: en calquera lugar a onde cheguemos, di que eu son teu irmán".

14Abimélec colleu ovellas, vacas, servos e servas, e deullos a Abraham. E volveulle a Sara, súa muller. 15E díxolle: ‑"Aí tes diante de ti a miña terra. Asenta onde che pareza". 16E a Sara díxolle: ‑"Ves que lle dei mil moedas de prata a teu irmán. Será o veo dos teus ollos diante de todos os teus. Quedas xustificada".

17Abraham intercedeu, e Deus sandou a Abimélec, á súa muller e ás súas concubinas, e puideron ter fillos outra vez, 18pois Deus pechara todo útero na familia de Abimélec, por causa de Sara, muller de Abraham.