Capítulos 16-20

CAPÍTULO 16

 

Revolta de Coré, Datán e Abiram

 

1Coré, fillo de Ishar, fillo de Quehat, fillo de Leví; e Datán e Abiram, fillos de Eliab, fillo de Pélet, fillo de Rubén, 2levantáronse contra Moisés con douscentos cincuenta homes dos fillos de Israel, príncipes da comunidade, membros do consello, persoas que eran das máis significadas e sinaladas polo seu nome. 3Subleváronse contra Moisés e contra Aharón, e dixéronlles: ‑"¡Xa é abondo! Toda a comunidade é santa, todos eles o son, e no medio deles está o Señor. ¿Por que vos elevades vós sobre a comunidade do Señor?" 4Logo de oír isto, Moisés botouse rostro en terra. 5Despois díxolles a Coré e a toda a súa facción: ‑"Mañá o Señor dará a coñecer quen é seu e quen é santo, e farao achegarse a El: ó que teña escollido, farao achegarse. 6Facede isto: collede cada un o voso incensario, Coré e toda a súa facción, 7e mañá ponde neles lume e botade enriba incenso diante do Señor. O home que o Señor escolla, ese será o santo. ¡Abonda xa, fillos de Leví!"

8Moisés díxolle a Coré: ‑"¡Escoitade, por favor, fillos de Leví! 9¿Parécevos pouco para vós que o Deus de Israel vos separase da comunidade israelita e vos aproximase a El, para que desempeñedes o servizo do Tabernáculo do Señor e para vos manter na presidencia da comunidade e oficiar por ela? 10Ademais, aproximouvos a ti e a todos os teus irmáns, fillos de Leví, ¿e reclamades aínda o sacerdocio? 11Ti e toda a túa facción sublevástesvos contra o Señor; pois ¿quen é Aharón para que murmuredes contra el?".

12Moisés mandou chamar a Datán e Abiram, fillos de Eliab, que responderon: ‑"¡Non iremos! 13¿É pouco obrigarnos a subir dun país que deita leite e mel, e facernos morrer no deserto, para que, enriba, pretendas tamén señorearte de nós? 14Abofé, non nos trouxeches a un país que deita leite e mel, nin nos deches en herdanza campos e viñas! ¿Pensas arrincar os ollos desta xente? ¡Non iremos!" 15Moisés alporizouse moito, e díxolle ó Señor: ‑"¡Non te volvas para a súa oblación! Nin un asno só lles quitei nin maltratei a ningún deles".

16Logo Moisés díxolle a Coré: ‑"Mañá ti e toda a túa facción presentádevos ante o Señor; ti, eles e mais Aharón. 17Collede cada un o voso incensario, ponde nel incenso, e ofrecede ante o Señor cada un o voso, en total douscentos cincuenta incensarios. Tamén ti e Aharón, cada un co seu incensario". 18Colleron, pois, cadanseu incensario, puxeron neles lume, botándolle enriba incenso, e puxéronse á entrada da Tenda do Encontro con Moisés e Aharón.

19Coré congregara contra eles a toda a comunidade á entrada da Tenda do Encontro. Entón a Gloria do Señor apareceu ante toda a asemblea. 20O Señor díxolles a Moisés e Aharón: 21‑"¡Separádevos do medio desta comunidade, para que de improviso os destrúa!" 22Eles, entón, caeron co rostro por terra e exclamaron: ‑"¡Deus, o noso Deus, fonte do espírito de todos os viventes!, ¿acaso, se un home só peca, acenderase a túa ira contra toda a comunidade?" 23O Señor faloulle a Moisés, para lle dicir: 24‑"Fálalle á comunidade: ¡afastádevos das tendas de Coré, Datán e Abiram!"

25Levantouse Moisés e foi onda Datán e Abiram e seguírono os anciáns de Israel. 26Entón díxolle á comunidade: ‑"¡Afastádevos, por favor, de onda as tendas destes homes perversos, e non toquedes nada de canto lles pertence, para que non sexades arrastrados no medio dos seus pecados!" 27Afastáronse, logo, de onda as tendas de Coré, Datán e Abiram. Mentres, Datán e Abiram saíran e mantíñanse firmes á entrada das súas tendas coas súas mulleres, os seus fillos e demais parentes. 28Entón dixo Moisés: ‑"Nisto recoñeceredes que o Señor me mandou para facer todas estas accións, e que non fago nada pola miña conta: 29se todos estes homes morren de morte natural, e lles toca a mesma sorte que a todos os homes, non foi o Señor quen me enviou; 30pero se o Señor fai un portento e a terra abre a súa boca e os engole con todo o que lles pertence, de sorte que baixen vivos á morada dos mortos, entón saberedes que estes homes blasfemaron contra o Señor". 31E aconteceu que, tan pronto como acabou de falar, fendeuse a terra debaixo dos seus pés. 32A terra abriu a súa boca e enguliunos a eles e ás súas familias, toda a xente de Coré e toda a súa facenda. 33Descenderon, pois, vivos á morada dos mortos, eles e todos os seus; a terra pechouse sobre eles, e desapareceron do medio da comunidade. 34Todos os israelitas que estaban arredor deles fuxiron ante os seus berros, pois dicían: ‑"¡Non sexa que nos engula a terra!". 35E ó mesmo tempo saíu un lume da parte do Señor e devorou os douscentos cincuenta homes que ofrecían o incenso.

 

 

 

CAPÍTULO 17

 

Castigo dos partidarios de Coré

 

1Díxolle o Señor a Moisés:

 2‑"Manda que Elazar, fillo do sacerdote Aharón, retire os incensarios que están no medio do lume e que espalle as brasas, porque son santas. 3Os incensarios deses que morreron polo seu pecado, sexan reducidos a láminas para recubrir o altar, porque foron ofrecidos ó Señor e están santificados. Serviranlles de sinal ós fillos de Israel". 4O sacerdote Elazar colleu, logo, os incensarios de bronce que ofreceran os mortos polo lume, e laminounos para recubrir o altar. 5Isto era coma un aviso para os fillos de Israel, a fin de que ningún estraño que non pertenza á descendencia de Aharón se aproxime a queimar incenso diante do Señor e non sufra a sorte de Coré e a súa facción, conforme o Señor lle ordenara por medio de Moisés.

 

Nova murmuración do pobo e intercesión de Aharón

 

6O día seguinte, toda a comunidade dos fillos de Israel murmurou contra Moisés e Aharón, dicindo: ‑"¡Vós matastes o pobo do Señor!" 7E aconteceu que, mentres se xuntaba a comunidade contra Moisés e contra Aharón, estes achegáronse á Tenda do Encontro, e de seguida os cubriu a Nube e apareceu a Gloria do Señor. 8Moisés e Aharón chegáronse diante da Tenda do Encontro, 9e o Señor faloulles: 10‑"¡Retirádevos do medio desta comunidade, pois vouna consumir nun instante!" Eles prostráronse por terra, 11e Moisés díxolle a Aharón: ‑"Colle o incensario e pon nel lume collido do altar e bótalle enriba incenso; vai despois axiña ó medio do pobo e ofrece expiación por eles, porque xa saíu a cólera do Señor: xa comezou o castigo". 12Aharón colleu o incensario, conforme lle indicara Moisés, e foi correndo ó medio do pobo, pois xa comezara o castigo entre o pobo; puxo incenso e fixo a expiación polo pobo. 13Colocouse de pé entre os mortos e os vivos, e o castigo cesou. 14Foron os mortos polo castigo 14.700, sen contar os mortos por culpa da revolta de Coré. 15Aharón volveu onda Moisés, á entrada da Tenda do Encontro, porque o castigo xa cesara.

 

A vara de Aharón

 

16Díxolle o Señor a Moisés: 17‑"Fálalles ós fillos de Israel e toma deles unha vara por cada casa patriarcal, de parte de todos os príncipes, segundo a súa casa paterna, isto é, doce varas. Escribirás o nome de cada un sobre cada vara. 18Pero na vara de Leví escribirase o nome de Aharón, pois só haberá unha vara por casa patriarcal. 19E mandaralas pousar na Tenda do Encontro, diante do Testemuño, onde eu me aparezo a ti. 20Agora ben, acontecerá que a vara do home que eu escolla, florecerá; así farei cesar as queixas, que os fillos de Israel murmuran contra vós".

21Faloulles Moisés ós fillos de Israel. Todos os seus príncipes lle deron a súa vara, cada un a súa, segundo as casas paternas, ou sexa, doce varas, e a vara de Aharón estaba entre elas. 22Moisés puxo as varas diante do Señor na Tenda do Testemuño. 23E aconteceu que ó día seguinte, cando entrou Moisés na Tenda do Testemuño, achou que a vara de Aharón, correspondente á casa de Leví, estaba florecida: aparecéranlle os botóns, saíranlle flores e dera améndoas. 24Moisés levou da presenza do Señor todas as varas ós fillos todos de Israel. Recoñecéronas, e cada un recolleu a súa. 25O Señor díxolle a Moisés: ‑"Torna a levar a vara de Aharón diante do Testemuño, para que sirva de sinal contra os fillos rebeldes, e para que cesen as súas queixas diante de min, e non morran".

26Fíxoo Moisés; como o Señor lle mandara, así o fixo.

27Os fillos de Israel dixéronlle a Moisés: ‑"¡Mira que somos consumidos, xa perecemos, todos nós perecemos! 28¡Calquera que se aproxima ó Tabernáculo do Señor, morre sen remedio! ¿Acaso acabaremos por morrer todos?"

 

 

 

CAPÍTULO 18

 

Funcións e dereitos dos levitas

 

1Díxolle o Señor a Aharón: ‑"Ti e os teus fillos e a casa de teu pai cargaredes coa responsabilidade das faltas cometidas no Santuario; ti e teus fillos cargaredes coa responsabilidade dos pecados cometidos no exercicio do voso sacerdocio. 2Toma tamén contigo ós teus irmáns, a tribo de Leví, liñaxe do teu pai, para que contigo se unan e te axuden cando ti e os teus fillos estiverdes diante da Tenda do Testemuño. 3Estarán ó teu servizo e ó da Tenda enteira, pero non se acercarán ós obxectos sagrados nin ó altar, para que non morran nin eles nin vós. 4Soamente eles estarán contigo no servizo da Tenda do Encontro, para todo o servizo da Tenda; ningún estraño se acercará a vós. 5Soamente vós atenderedes o servizo do Santuario e o servizo do altar, para que a cólera non se levante máis sobre os fillos de Israel. 6De feito fun eu quen escollín os fillos de Leví, vosos irmáns, do medio dos fillos de Israel e volos entreguei como oblación ó Señor, para faceren o servizo da Tenda do Encontro. 7Ti, non obstante, e teus fillos contigo exerceredes a vosa función sacerdotal en todo o que toca ó altar e á parte interior do veo: é unha doazón que vos fago eu a vós, o voso sacerdocio, e calquera estraño que se aproxime, morrerá".

 

O destino dos tributos

 

8E díxolle o Señor a Aharón: ‑"Son eu quen poño á túa disposición todas as ofrendas que me pertencen; e todas as cousas consagradas polos fillos de Israel, douchas a ti e a teus fillos por dereito perpetuo, e serán santas. 9Isto é o que che tocará a ti das cousas máis sagradas, fóra do que é queimado no lume: todas as ofrendas que me presenten nas súas diversas oblacións, nos seus sacrificios polo pecado e sacrificios polo delito: como cousa santísima, corresponderanche a ti e a teus fillos. 10Comerédelas en lugar santísimo; todo varón as poderá comer; será cousa santa para ti. 11Tamén serán para ti estas outras cousas: os tributos de todas as doazóns dos fillos de Israel dóuvolos a ti e ós teus fillos e ás túas fillas, como dereito perpetuo. Poderaos comer calquera da túa familia que estiver puro. 12O mellor do aceite novo e o mellor do viño e do trigo, as primicias que se ofrecen ó Señor, douchas a ti. 13As primicias de todas as cousas da terra, na que vos vou facer entrar, que lle pertencen ó Señor, serán para ti; soamente os que estean puros da túa familia as poderán comer. 14Todo canto sexa consagrado en Israel será para ti. 15Todos os seres de calquera criatura que nacen os primeiros, sexan homes ou animais, que sexan presentados ó Señor, serán para ti, agás os primoxénitos do home, que o terás que rescatar, como tamén rescatarás os dos animais. 16Canto ó seu rescate, será desde a idade dun mes, e conforme a túa valoración: cinco siclos de prata, conforme o siclo do Santuario, que vale vinte óbolos cada un. 17Pero non rescatarar o primeiro froito dunha vaca, o primeiro nacido dunha ovella ou o primeiro nacido dunha cabra: son cousa sagrada. O seu sangue derramaralo sobre o altar, e farás arder a súa graxa en ofrenda de aroma agradable ó Señor. 18A súa carne, con todo, será para ti; e tamén o peito abalado ritualmente e a perna dereita serán para ti. 19Todos os impostos das cousas santas que os israelitas consagran ó Señor douchas a ti e ós teus fillos e ás túas fillas, en dereito perpetuo. É unha alianza selada con sal perdurable ante o Señor, para ti e a túa descendencia".

 

Décimos para os levitas

 

20Díxolle o Señor a Aharón: ‑"Non posuirás herdanza ningunha na súa terra nin terás parte ningunha no medio deles: eu son a túa parte e a túa herdanza no medio dos israelitas. 21Canto ós fillos de Leví, doulles por herdanza todos os décimos percibidos en Israel, polo servizo que me teñen que facer na Tenda do Encontro. 22De agora en diante os fillos de Israel non se aproximarán máis á Tenda do Encontro, para que non incorran en pecado castigado con pena de morte. 23Só os levitas farán o servizo da Tenda do Encontro, e eles cargarán coa iniquidade dos israelitas. É un estatuto perpetuo nas vosas sucesivas xeracións, e no medio dos israelitas non haberán de ter herdanza. 24Porque eu lles dou ós levitas en herdanza o décimo que os fillos de Israel ofrecerán como oblación ó Señor. Por iso lles dixen: no medio dos fillos de Israel non han ter herdanza".

25O Señor faloulle a Moisés: 26‑"Dilles ós levitas: Cando recibades dos fillos de Israel o décimo que vos dei en herdanza, ofrendaredes unha parte del, como oblación, ó Señor, o décimo do décimo. 27E valeravos como tributo voso, como se for trigo da eira, ou mosto do lagar. 28Así tamén ofreceredes unha oblación ó Señor de todos os vosos décimos, de canto recolledes dos fillos de Israel e darédesllos ó sacerdote Aharón, como oblación do Señor. 29De todas as doazóns que recibades, separades unha parte para o Señor; tomaredes como décimos o mellor, e neles o mellor como parte consagrada.30Logo diraslles: Cando teñades separado o mellor das ofrendas, reservarase o resto para os levitas, coma se fose para vós o produto da eira ou o do lagar. 31Poderédelo comer en calquera lugar, vós e a vosa casa, pois constitúe o voso salario a cambio do voso servizo na Tenda do Encontro. 32Así, unha vez que teñades deducido disto o mellor, non incorreredes con este motivo en pecado; así, non profanaredes as cousas santas dos fillos de Israel, e non morreredes".

 

 

 

CAPÍTULO 19

 

Sacrificio da vaca vermella. A auga lustral

 

1Díxolles o Señor a Moisés e Aharón: 2‑"Esta é a lei que preceptuou o Señor: Dilles ós fillos de Israel que collan para ti unha vaca vermella sen defecto, que non teña defecto ningún e que aínda nunca foi xunguida. 3Entregarédela ó sacerdote Elazar, que a levará fóra do campamento, e será inmolada na súa presenza. 4O sacerdote Elazar tomará sangue dela co seu dedo e asperxerá co sangue sete veces en dirección á parte anterior da Tenda do Encontro. 5Logo fará queimar a vaca diante dos seus ollos; a pel dela, a súa carne e o seu sangue xunto co seu excremento, será todo queimado. 6O sacerdote collerá leña de cedro, hisopo e púrpura escarlata, e botaraos no medio da fogueira da vaca. 7Lavará despois os seus vestidos, bañará o seu corpo na auga e volverá logo ó campamento, pero quedará impuro ata a tarde. 8E aquel que queime a vaca tamén lavará a súa roupa e bañará o seu corpo en auga e quedará impuro ata a tarde. 9Un home puro recollerá as cinsas da vaca e depositaraas fóra do campamento, en lugar puro, onde se gardarán para a comunidade dos fillos de Israel, a fin de facer auga lustral. É un sacrificio polo pecado. 10Logo o que recolleu as cinsas da vaca, lavará os seus vestidos e quedará impuro ata a tarde. Esta será a lei perpetua tanto para os fillos de Israel como para o forasteiro que mora no medio deles.

 

Casos de impureza

 

11O que toque o cadáver de calquera ser humano, quedará impuro por sete días. 12Terase que lavar con aquela auga o día terceiro e no sétimo día, e quedará puro. Mais se non se lava no día terceiro e no dia sétimo, non quedará puro. 13Quen toque o cadáver dunha persoa, se non se purifica, profanou a morada do Señor, e ese tal terá que ser exterminado de Israel, porque a auga lustral non caeu sobre el: é impuro, e a súa impureza ficará sobre el.

14Esta é a lei: Cando un home morra nunha tenda, todo o que na tenda entre e canto na tenda exista, será impuro durante sete días. 15E todo vaso descuberto que non teña a tapa ben atada, será impuro. 16Calquera que no campo toque unha vítima da espada, ou un morto, ou ósos de home, ou unha tumba, será impuro sete días. 17Para este home impuro collerase cinsa da fogueira do sacrificio polo pecado, e sobre ela verterase auga corrente dentro dun vaso. 18Logo un home puro collerá hisopo, mollarao na auga e asperxerá a tenda, así como todos os utensilios e persoas que alí haxa, como tamén a quen tocou os ósos, a vítima, o morto ou a tumba. 19O home puro asperxerá o inmundo no terceiro dia e no día sétimo; no sétimo día darao purificado, e entón lavará os seus vestidos e bañarase en auga, e á tarde quedará puro. 20Pero se o home que é impuro non se purifica, deberá ser botado do medio da comunidade, por contaminar o santuario do Señor; as augas lustrais non foron asperxidas sobre el, está impuro. 21Esta será unha lei perpetua para eles. O que asperxeu auga lustral, terá que lavar os seus vestidos; e o que foi tocado coa auga lustral será impuro ata a tarde. 22Todo o que toque a quen é impuro, quedará impuro; e toda persoa que o toque a el, quedará impura ata a tarde".

 

 

 

CAPÍTULO 20

 

As augas de Meribah

 

1Os fillos de Israel, a comunidade enteira, chegaron ó deserto de Sin no primeiro mes, e o pobo acampou en Cadex. Alí morreu María e alí foi sepultada.

2Como non había auga para a comunidade, xuntáronse contra Moisés e contra Aharón. 3O pobo levantouse contra Moisés e laiouse con berros, dicindo: ‑"¡Oxalá perecésemos, cando pereceron os nosos irmáns diante do Señor! 4¿Para que fixestes vir á comunidade do Señor a este deserto, para morrermos nel nós e o noso gando? 5¿Por que nos fixestes saír de Exipto, para nos traer a este lugar maldito, que non se pode sementar e que nin ten figueiras, nin viñas, nin granadas, e amais diso non ten auga para beber?" 6Moisés e Aharón, retirándose de diante da comunidade, foron á entrada da Tenda do Encontro, e prostráronse co rostro por terra. Aparecéuselles por riba deles a Gloria do Señor, 7e o Señor díxolle a Moisés: 8‑"¡Colle a vara, e fai xuntar á comunidade, ti e Aharón, teu irmán; na presenza deles ordenarédeslle ó penedo que dea auga; farás manar para eles auga do penedo e daraslle de beber á comunidade e ó seu gando!" 9Moisés colleu a vara de diante do Señor, conforme lle ordenara. 10Logo Moisés e Aharón reuniron a comunidade diante do penedo, e faloulles: ‑"¡Escoitade, rebeldes! ¿Poderemos sacar auga para vós deste penedo?" 11E Moisés levantou a man e bateu no penedo coa súa vara por dúas veces: e saíu auga abundante, e a comunidade bebeu, e o seu gando tamén. 12O Señor díxolles a Moisés e a Aharón: ‑"Por non confiardes en min e non manifestardes así a miña santidade ós ollos dos israelitas, non seredes vós quen introduza esta comunidade na terra que eu lles vou dar". 13Estas son as augas de Meribah, onde os fillos de Israel se queixaron contra o Señor e El manifestou a súa santidade.

 

 Vanse de Cadex

 

14Desde Cadex Moisés enviou embaixadores ó rei de Edom:

‑"Isto fala o teu irmán Israel: Ti ben coñeces todos os traballos que pasamos, 15como os nosos pais tiveron que baixar a Exipto, onde habitamos por moito tempo. Os exipcios maltratáronnos a nós e ós nosos devanceiros; 16pero nós queixámonos ó Señor. El escoitou o noso lamento, e enviou o seu anxo, que nos sacou de Exipto. Velaquí que xa chegamos a Cadex, cidade que está nos teus últimos límites. 17¡Déixanos pasar, por favor, pola túa terra! Non atravesaremos campos, nin viñas, nin beberemos das augas dos pozos, camiñaremos pola estrada do rei, non sairemos nin para a dereita nin para a esquerda, ata que deamos saído do teu territorio".

18E respondeulles Edom:

‑"¡Ti non pasarás polo meu territorio; do contrario, saireiche ó encontro coa espada!"

19Os fillos de Israel contestáronlle:

‑"Subiremos polo camiño, e se eu e os meus gandos bebemos das túas augas, pagaremos o seu prezo: permite soamente que pasemos a pé".

20Mais el respondeu:

‑"¡Non pasarás!"

E saíu Edom ó seu encontro con moita xente e con fortes armas. 21E non quixo Edom deixar pasar a Israel polo seu territorio. Entón Israel retirouse de onda el.

22Marcharon de Cadex os fillos de Israel, toda a comunidade, e chegaron ó monte de Hor.

 

Morte de Aharón

 

23O Señor díxolles a Moisés e Aharón no monte Hor, situado na fronteira de Edom: 24‑"É preciso que Aharón se xunte cos do seu pobo, pois non debe entrar na terra que eu lles dei ós fillos de Israel, porque fostes rebeldes ás miñas ordes nas augas de Meribah. 25Colle a Aharón e ó seu fillo Elazar e lévaos ó monte Hor. 26Fai espir a Aharón dos seus vestidos e faillos vestir a Elazar, seu fillo, porque Aharón se ten que xuntar cos seus e alí morrerá". 27Moisés fixo como lle ordenara o Señor, e subiron ó monte Hor na presenza de toda a comunidade. 28Moisés fixo espir a Aharón dos seus vestidos e fíxollos vestir a Elazar, seu fillo. Morreu Aharón alí no cume do monte, e logo descenderon Moisés e mais Elazar do monte. 29E comprendeu toda a comunidade que morrera Aharón, e toda a casa de Israel chorou a Aharón durante trinta días.