Capítulos 1-5

I. ÚLTIMAS DISPOSICIÓNS ANTES DE PARTIR DO SINAÍ

 

CAPÍTULO 1

 

Censo das tribos de Israel

 

1No deserto do Sinaí, na Tenda do Encontro, no primeiro día do segundo mes, no segundo ano despois da saída do país de Exipto, díxolle o Señor a Moisés: 2‑"Facede o censo xeral de todos os israelitas, por familias e por casas patriarcais, escribindo o nome de cada un dos varóns, 3dos vinte anos para arriba, capaces de manexar as armas en Israel. Alistádeos para os respectivos exércitos, ti e Aharón. 4Teredes presentes convosco un home de cada tribo, o xefe de cada familia patriarcal.

5Os nomes dos homes que estarán convosco serán estes:

De Rubén, Elisur, fillo de Xedeur.

6De Simeón, Xelumiel, fillo de Surixadai.

7De Xudá, Nahxón, fillo de Aminadab.

8De Isacar, Natanael, fillo de Suar.

9De Zebulón, Eliab, fillo de Helón.

10Dos fillos de Xosé: por Efraím, Elixamá, fillo de Ammihud; por Menaxés, Gamaliel, fillo de Pedahsur.

11De Benxamín, Abidán, fillo de Guideón.

12De Dan, Ahiezer, fillo de Amixadai.

13De Axer, Paguiel, fillo de Ocrán.

14De Gad, Eliasaf, fillo de Deuel.

15De Naftalí, Ahira, fillo de Enán.

16Estes son os escollidos como cabezas das respectivas familias patriarcais; son xefes de milleiros en Israel". 17Moisés e Aharón rexistraron a todos estes homes chamados polo seu nome, 18e mandaron xuntar a toda a comunidade no primeiro día do mes segundo. Fixeron o seu censo por familias e por casas patriarcais, rexistrando o nome de cada varón de máis de vinte anos, xunto co seu xefe correspondente, 19conforme o tiña mandado Iavé a Moisés. Fixo o censo no deserto do Sinaí.

20Dos descendentes de Rubén, primoxénito de Israel, contados por familias e por casas patriarcais, rexistraron os nomes dos varóns de máis de vinte anos, todos os que podían ir á guerra: 21total 46.500 da tribo de Rubén.

22Dos descendentes de Simeón, feito o reconto da súa tribo por familias e por casas patriarcais, chamados polo nome xunto co seu xefe, todos os varóns, que podían ir á guerra, de vinte anos para arriba: 23foron 59.300 da tribo de Simeón.

24Dos descendentes de Gad, feito o reconto da súa tribo por familias e casas patriarcais, chamados polo seu nome, os que podían ir á guerra de máis de vinte anos para arriba: 25contáronse 45.650 da tribo de Gad.

26Dos descendentes de Xudá por familias e por casas patriarcais, o número dos nomes dos varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 27contaron 74.600 da tribo de Xudá.

28Dos descendentes de Isacar, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome do seu xefe, os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 29foron contados 54.400 da tribo de Isacar.

30Dos descendentes de Zebulón, por familias e casas patriarcais, o número dos nomes dos varóns, de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 31o total foi de 57.400 da tribo de Zebulón.

32Dos descendentes de Xosé, os fillos de Efraím por familias e casas patriarcais, chamados polo nome dos varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 33feito o reconto, deu un total de 40.500 da tribo de Efraím.

34Dos fillos de Menaxés, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome, os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 35feito o reconto da tribo de Menaxés, deu un total de 32.200.

36Dos descendentes de Benxamín, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 37o reconto deu un total de 35.400 da tribo de Benxamín.

38Dos descendentes de Dan, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 39feito o reconto, deu un total de 62.700 da tribo de Dan.

40Dos descendentes de Axer, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de máis de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 41feito o reconto, deu un total de 41.500 da tribo de Axer.

42Dos descendentes de Naftalí, por familias e casas patriarcais, chamados polo nome os varóns de vinte anos para arriba, todos os que podían ir á guerra: 43feito o reconto, deu un total de 53.400 da tribo de Naftalí.

44Estes son os que foron censados por Moisés e Aharón e polos xefes dos israelitas: doce homes, un por cada tribo, representando a súa casa patriarcal. 45O total dos contados dos fillos de Israel por casas patriarcais, varóns de vinte anos para arriba, os que podían ir á guerra en Israel, 46por xunto todos os censados son 603.550 homes.

 

Funcións propias dos levitas

 

47Os levitas, con todo, non foron rexistrados entre os alistados para a guerra, segundo as casas patriarcais da súa tribo. 48O Señor dixéralle a Moisés: 49‑"Non debes alistar ós da tribo de Leví, nin ós seus cabezas de familia entre os fillos de Israel. 50Débeslles confiar a eles o coidado da Morada do Testemuño e de todos os seus vasos sagrados e de canto pertence ás cerimonias. Soamente eles os poderán transportar e soamente eles os poderán manexar e meter na Tenda da Alianza. Acamparán arredor do tabernáculo. 51Cando o tabernáculo teña que ser transportado, só eles poderán desarmalo, e cando teñan que erguelo, serán os levitas quen o farán; calquera estraño que se achegue para tocalo, será castigado coa morte. 52Os fillos de Israel erguerán as súas tendas, cada un no propio campamento, onda a correspondente bandeira. 53Pero os levitas acamparán arredor do Tabernáculo do Testemuño, de tal xeito que os fillos de Israel non caian no castigo de Deus. Soamente a eles lles corresponde gardar o Tabernáculo do Testemuño".

54Os fillos de Israel cumpriron todas estas cousas, facéndoas conforme lle tiña ordenado o Señor a Moisés.

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

Orde das tribos nos campamentos

 

1Díxolle o Señor a Moisés: 2‑"Que cada un acampe baixo a súa insignia e estandarte propio da súa familia patriarcal, arredor da Tenda da Alianza.

3Os acampados pola parte do oriente, baixo o seu estandarte de guerra no campamento, serán os soldados de Xudá, que levan á fronte do seu batallón a Nahxón, fillo de Aminadab. 4O seu número total é de 74.600. 5Acamparán ó seu lado os da tribo de Isacar, levando á súa cabeza a Natanael, fillo de Suar. 6Os soldados alistados son 54.400. 7Logo a tribo de Zebulón. O xefe dos seus soldados é Eliab, fillo de Helón. 8Todo o corpo dos seus homes de guerra alistados son 57.400. 9O total dos censados da tribo de Xudá, no campamento, 186.400 homes de guerra. Serán os primeiros en saír.

10Para a parte do mediodía poranse as insignias da tribo de Rubén en orde de batalla. O xefe dos soldados de Rubén é Elisur, fillo de Xedeur; 11o número de soldados é de 46.500. 12O seu lado acamparán os da tribo de Simeón, levando por xefe a Xelumiel, fillo de Surixadai. 13O exército dos alistados suma 59.300. 14Logo a tribo de Gad con Eliasaf, fillo de Deuel, por xefe. 15Contado todo o seu exército, foron 45.650. 16O total dos alistados no campamento de Rubén foi de 151.450, que saíron os segundos por escuadróns.

17Despois irá a Tenda da Alianza do campamento, levada polos levitas, no medio dos batallóns, tal e como estaban acampados. Así camiñarán, cada un baixo as súas insignias, levadas en alto nas mans.

18A insignia do batallón de Efraím situarase no campamento pola parte do occidente, levando por xefe a Elixamá, fillo de Amihud. 19Os censados dos descendentes de Efraím foron 40.500. 20A beira deses acampa a tribo de Menaxés, levando por xefe a Gamaliel, fillo de Pedahsur. 21Compoñen o batallón 32.200 censados. 22A tribo de Benxamín, con Abidán, fillo de Guideón, por xefe dos seus homes, 23conta no seu batallón 35.400 censados. 24O total dos censados no batallón de Efraím é 108.100 homes por escuadróns, e sairán os terceiros.

25Por xefe do batallón dos fillos de Dan, irá Ahiézer, fillo de Amixadai, que erguerá a súa insignia polo norte. 26O número de homes censados é de 62.700. 27O seu lado acampa a tribo de Axer, levando por xefe a Paguiel, fillo de Ocrán. 28O número dos censados é de 41.500. 29Vai logo a tribo de Naftalí, que leva por xefe a Ahirá, fillo de Enán. 30E conta con 53.400 censados. 31O total do batallón de Dan suma 157.600, e sairán os derradeiros, seguindo as súas insignias".

32Feitas as listas dos israelitas por casas patriarcais, todos os censados nos campamentos por escuadróns, dan por xunto 603.550 homes. 33Os levitas non foron censados cos demais israelitas, porque así llo mandara o Señor a Moisés. 34E facían os israelitas canto lle mandara o Señor a Moisés, sexa cando acampaban arredor da súa insignia, sexa cando se puñan en camiño, cada un coa súa familia e casa patriarcal.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

Número e funcións dos levitas

 

1Estes son os descendentes de Moisés e Aharón, no día en que lle falou o Señor a Moisés no monte Sinaí. 2E os nomes dos fillos de Aharón son: Nadab, o seu primoxénito, Abihú, Elazar e Itamar. 3Estes son os nomes dos fillos de Aharón, consagrados e unxidos, para exerceren o sacerdocio con plenitude de poderes. 4Mortos Nadab e Abihú na presenza do Señor, por prenderen un lume profano diante del no deserto do Sinaí, e non deixando fillos, quedaron só Elazar e Itamar para exercer o sacerdocio baixo a autoridade do seu pai Aharón.

5Díxolle o Señor a Moisés: 6‑"Manda viren os da tribo de Leví á presenza de Aharón, para que o axuden no seu servizo. 7Encargaranse de facer todas as gardas que lles correspondan a el e á comunidade reunida na Tenda do Testemuño e farán así todos os servizos do tabernáculo. 8Coidarán todos os ornamentos e demais obxectos da Tenda da Alianza e procurarán todo canto lles cumpra ós israelitas reunidos no tabernáculo. 9Porás os levitas baixo as ordes de Aharón e de seus fillos, e serán como unha oblación perfecta de entre os fillos de Israel para o seu servizo. 10Para Aharón e seus fillos farás un estatuto das funcións que eles poderán desempeñar no exercicio do seu sacerdocio; calquera estraño que llelas queira usurpar será castigado coa morte".

11Díxolle o Señor a Moisés: 12‑"Velaí que eu escollín de entre os fillos de Israel os levitas no lugar de todos os primoxénitos, de todos os que abren o seo materno, entre os fillos de Israel. Os levitas serán da miña pertenza, 13porque todo primoxénito é meu, desde o día en que ferín a todos os primoxénitos na terra de Exipto e consagrei para min todo primoxénito de Israel, tanto dos homes como dos animais. Serán meus. Eu son o Señor".

14Díxolle o Señor a Moisés no deserto do Sinaí: 15‑"Alista a todos os fillos de Leví por casas patriarcais e por familias, a todos os varóns desde un mes para arriba". 16Moisés fixo o censo conforme a palabra do Señor, tal como lle ordenara facer. 17Estes son os fillos de Leví polo seu nome: Guerxón, Quehat e Merarí. 18E estes outros son os nomes dos fillos de Guerxón, segundo as súas familias: Libní e Ximí. 19E os fillos de Quehat, conforme as súas familias: Amrán, Ishar, Hebrón e Uziel. 20Os fillos de Merarí conforme as súas familias: Mahlí e Muxí. Estas son as familias de Leví polas súas casas patriarcais.

21De Guerxón naceu a familia de Libní e a de Ximí, ámbolos dous son os guerxonitas. 22Anotados por número todos os varóns dun mes para arriba, deu un total de 7.500. 23As familias dos guerxonitas acampaban detrás do Tabernáculo pola banda do solpor. 24O xefe da casa dos guerxonitas era Eliasaf, fillo de Lael. 25O coidado dos fillos de Guerxón, tanto na Tenda do Encontro coma no Tabernáculo, estaba a tenda mesma, a súa cuberta e a cortina de entrada na Tenda do Encontro, 26as cortinas do adro, a cortina da entrada do mesmo, que se pón por enriba e ó redor do altar, e as cordas e todos os demais utensilios.

27De Quehat descenden as familias de Amraní, de Isharí, de Hebrón e de Uziel: todos eles son a familia de Quehat. 28Os nomes de todos os varóns de máis de un mes para arriba suman un total de 8.600, todos eles encargados da custodia do santuario. 29As familias dos descendentes de Quehat acampaban a carón do tabernáculo polo mediodía. 30O xefe dos quehatitas era Elisafán, fillo de Uziel. 31Tiñan ó seu cargo o coidado da Arca, da mesa, do candelabro, dos altares e demais utensilios sagrados do culto, da cortina e de todo o que se precisa no seu servizo. 32O xefe supremo dos levitas era Elazar, fillo do sacerdote Aharón, a quen tiñan que obedecer todos os encargados do coidado do santuario.

33De Merarí descenden as familias de Mahlí e de Muxí: estas son as familias meratitas. 34Censados todos os varóns de máis dun mes para arriba, fixeron un total de 6.200. 35O cabeza da casa patriarcal de Merarí era Suriel, fillo de Abihail, e tiñan que acampar polo costado norte do Santuario. 36O cargo dos fillos de Merarí estaba coidar as táboas do Tabernáculo, as trabes, as columnas coas súas bases e todos os demais utensilios precisos para o seu servizo; 37e tamén as columnas que están ó redor do adro, coas súas bases, cravos e cordas. 38Os que acamparan diante do Tabernáculo, diante da Tenda do Encontro, polo abrente, son Moisés, Aharón, os seus fillos e os encargados das quendas da garda do santuario dos fillos de Israel; calquera estraño que se achegue, será condenado a morte. 39O número de todos os levitas anotados por Moisés e Aharón, conforme a palabra do Señor, segundo a súa familia, todos os varóns de máis dun mes, sumaron un total de 22.000.

 

Os levitas substitúen ós primoxénitos

 

40Díxolle o Señor a Moisés: ‑"Anota a todos os primoxénitos varóns dos fillos de Israel, dun mes para arriba, e fai unha lista de todos os seus nomes. 41Collerás para min ‑¡Eu son o Señor!‑ todos os levitas no canto dos primoxénitos dos israelitas, e os animais dos levitas no canto de todos os primoxénitos dos animais dos israelitas". 42Moisés anotou, como lle mandara facer o Señor, a todos os primoxénitos dos fillos de Israel. 43Contados todos os nomes dos varóns primoxénitos dun mes para arriba, deu un total de 22.273.

44O Señor díxolle de novo a Moisés:

45‑"Colle os levitas no canto de todos os primoxénitos dos fillos de Israel, e os animais dos levitas no canto dos animais dos israelitas: serán todos para min. ¡Eu son o Señor! 46Como prezo do rescate polos douscentos setenta e tres primoxénitos dos israelitas que exceden do número dos levitas, 47recibirás, por cada un, cinco siclos, do valor dos siclos de santuario, de vinte óbolos cada siclo. 48Entregarás o diñeiro a Aharón e a seus fillos, é o prezo do rescate polos que exceden do seu número". 49Colleu Moisés o diñeiro do rescate polos que excedían do número dos rescatados polos levitas. 50Polos primoxénitos dos fillos de Israel, colleu en diñeiro 1.375 siclos, dos do santuario. 51E Moisés deulles o diñeiro do rescate a Aharón e a seus fillos, tal como llo mandara o Señor.

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

Funcións dos levitas

 

1Díxolles o Señor a Moisés e Aharón: 2‑"Fai o censo dos descendentes de Quehat, entre os fillos de Leví, por familias, segundo as súas casas patriarcais; 3desde trinta anos para arriba ata a idade de cincuenta anos, todos cantos poidan ir á guerra, e que se encarguen do servizo litúrxico na Tenda do Encontro.

4Estes serán os servizos dos fillos de Quehat na Tenda do Encontro: as tarefas máis sagradas. 5Cando se teña que cambiar o campamento, virán Aharón e seus fillos e farán baixar a cortina de protección e taparán con ela a Arca da Alianza. 6E poranlle enriba a cuberta de pel de teixugo e estenderán por riba un pano todo de púrpura violeta e logo colocarán os varais. 7Cubrirán a mesa da proposición cun pano de púrpura violeta e pousarán por riba as fontes, os pratos, as cuncas e as copas de libacións; e o pan perpetuo. 8Estenderán por riba de todo isto un pano escarlata, que cubrirán cunha cuberta de pel de teixugo, e colocaranlle os varais de transporte. 9Entón collerán o pano de púrpura violeta e envolverán o candelabro do alumado e as súas lámpadas, as súas tenaces e pinzas e todos os demais vasos de aceite, dos que se usan no servizo do candelabro. 10Envolverán todo nun coiro fino e pousarano sobre os varais. 11Enriba do altar de ouro estenderán un pano de púrpura violeta e taparano cunha pel de teixugo e colocarano nos varais. 12Collerán todos os utensilios que se usan no servizo do santuario, colocaranos no pano de púrpura violeta, taparanos coa pel de teixugo e colocaranos sobre os varais. 13Limparán as cinsas do altar e estenderán enriba o pano de púrpura. 14Sobre el porán todos os utensilios usados no servizo: os braseiros, as tenaces, e os tridentes, os garfos e as pás, e todos os outros utensilios do altar, e estenderán enriba unha pel de teixugo e colocaranlle os varais.

15Cando Aharón e os seus fillos dean envolto todos os obxectos do santuario con todos os seus utensilios sagrados, para pór en marcha o campamento, virán os fillos de Quehat para levalo, pero non poderán tocar nada sagrado, pois morrerían. Este é o cargo que teñen os fillos de Quehat, referente á Tenda do Encontro. 16O cargo de Elazar, fillo de Aharón, sacerdote, estará o aceite para alumar, o incenso para o recendo da ofrenda perpetua, o óleo da unción; o coidado de todo o Tabernáculo e de todas as cousas que hai nel, tanto o tocante ó santuario coma ós seus utensilios".

17Díxolles o Señor a Moisés e Aharón: 18‑"Non deixedes desaparecer as familias de Quehat do medio dos demais levitas. 19Para que vivan e non morran, habedes proceder con eles deste xeito: cando teñan que se achegar ás cousas sagradas do santuario, Aharón e seus fillos entrarán e sinalaranlles cadanseu servizo e cargo. 20Non entren eles para ver as cousas sagradas, nin sequera cando as están tapando, porque morrerían".

 

Os fillos de Guerxón

 

21Díxolle o Señor a Moisés: 22‑"Fai tamén o censo dos fillos de Guerxón por familias e casas patriarcais. 23Desde os de trinta anos para arriba ata os de cincuenta anos, e anota a todos os que sexan capaces para o servizo da Tenda do Encontro. 24Estes son os cargos das familias de Guerxón e os seus traballos: 25levarán as cortinas do Tabernáculo e da Tenda do Encontro, as súas cubertas e os coiros de teixugo que se usan para cubrilos por riba, a cortina da entrada da Tenda do Encontro, 26as cortinas do adro e as da entrada da porta do adro, os panos cos que se cobre o Tabernáculo e o altar por todo o arredor, as cordas e todos os demais utensilios para o seu servizo, e ensinaraslles o que teñen que facer con eles. 27Conforme as ordes de Aharón e de seus fillos, distribuiranse os cargos dos fillos de Guerxón con todas as funcións e servizos correspondentes, que lles encomendaredes en cada caso. 28Estes son os cargos dos fillos de Guerxón na Tenda do Encontro. No referente ás gardas, estarán baixo a autoridade de Itamar, fillo do sacerdote Aharón.

 

Os meraritas

 

29Censarás os fillos de Merarí, por familias e casas patriarcais. 30Farás o censo dos varóns de trinta anos para arriba ata os cincuenta anos, todos os que sexan capaces para o servizo da Tenda do Encontro. 31Estes son todos os traballos dos que se encargarán na Tenda do Encontro: levarán as táboas do Tabernáculo, os seus varais, as columnas, as súas bases, 32e tamén as columnas que están ó redor do adro coas súas bases, as súas estacas e as cordas con todos os accesorios correspondentes. Apuntaredes co nome deles os utensilios que teñen que gardar por cargo. 33Estes son os traballos que lles corresponden ós fillos das familias de Merarí, referentes todos ós servizos da Tenda do Encontro, baixo a autoridade de Itamar, fillo do sacerdote Aharón".

 

Censo dos levitas

 

34Moisés, Aharón e os príncipes da comunidade fixeron o censo dos fillos de Quehat por familias e casas patriarcais. 35De trinta anos para arriba ata os cincuenta, todos os que eran capaces para o servizo na Tenda do Encontro. 36Os censados por familias sumaron 2.750. 37Estes son os censados da familia de Quehat que Moisés e Aharón dedicaron ó servizo da Tenda do Encontro conforme as ordes do Señor, baixo a autoridade de Moisés. 38Os fillos de Guerxón anotados por familias e casas patriarcais, 39desde a idade de trinta anos para arriba ata os cincuenta, todos os que tiñan de ingresar no servizo da Tenda do Encontro, 40contados por familias e casas patriarcais, foron 2.630 en total. 41Estes son os contados por familias de entre os fillos de Guerxón, todos os que servían na Tenda do Encontro, que censaron Moisés e Aharón segundo as ordes do Señor. 42Os fillos de Merarí anotados por familias e casas patriarcais, 43desde trinta anos para arriba ata a idade de cincuenta anos, todos os que tiñan que ingresar no servizo da Tenda do Encontro, 44contados por familias, sumaron en total, 3.200. 45Estes son os censados da familia de Merarí, que anotaron Moisés e Aharón seguindo as ordes do Señor, baixo a autoridade de Moisés. 46O total dos censados por Moisés, Aharón e os xefes de familia de Israel, dos descendentes de Leví por familias e casas patriarcais, 47de trinta anos para arriba ata cincuenta, todos os que tiñan que ingresar no servizo da Tenda do Encontro da comunidade, segundo os respectivos cargos, 48sumaron 8.580. 49Conforme as ordes do Señor, Moisés censounos un por un, segundo os servizos que debían desempeñar. Os designados foron aqueles que o Señor lle mandara a Moisés.

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

Leis hixiénicas e sociais

 

1Díxolle o Señor a Moisés: 2‑"Manda ós fillos de Israel que boten fóra do campamento a todo leproso, a todo o que padece gonorrea e a todo o contaminado por un cadáver. 3Sexa home ou muller, botádeos fóra do campamento, para que non contaminen o lugar onde moro eu no medio deles". 4Os fillos de Israel fixérono así e botáronos fóra do campamento. Tal como llo mandara o Señor a Moisés, así o fixeron.

5Díxolle o Señor a Moisés: 6‑"Dilles ós fillos de Israel: o home ou a muller que cometa unha inxustiza contra o seu próximo, ofendendo así ó Señor e volvéndose culpable, 7confesará o pecado cometido, e restituirá todo o dano causado co recargo dun quinto, e entregarallo a aquel a quen llo fixera. 8Se xa non houber un parente a quen restituír, o que se había de restituír ofrecerallo ó Señor, sendo para o sacerdote, e ademais ofrecerá o carneiro da expiación para conseguir a súa purificación. 9A ofrenda de toda clase de cousas que ofrezan os fillos de Israel ó sacerdote, pertenceralle a este. 10A ofrenda sagrada de cada home será del mesmo, mais a que un dá para o sacerdote, será deste".

11Faloulle o Señor a Moisés: 12‑"Dilles ós fillos de Israel: Todo home a quen a súa muller se lle extravía e comete contra el infidelidade, 13e dorme con outro home, pero a infidelidade non chega ó coñecemento do marido, por cometela en segredo e non existir testemuña ningunha contra ela nin ser sorprendida no acto; 14se entón o espírito dos celos se apodera do home e este se cela da súa muller, sexa que ela cometese infidelidade, sexa que non a cometese, 15o home levará a súa muller ante o sacerdote e fará unha ofrenda por ela: un décimo de efah de fariña de cebada, sen lle botar aceite nin lle pór enriba o incenso, por tratarse dunha ofrenda de celos para descubrir unha falta. 16O sacerdote fará que se poña de pé diante do altar, na presenza do Señor. 17Tomará o sacerdote auga bendita nun vaso de barro cocido e agarrando po do chan do Tabernáculo, mesturarao coa auga. 18O sacerdote colocará de pé á muller diante do Señor, descubriralle a cabeza e porá nas súas mans a ofrenda recordatoria dos celos; mentres, el agarrará na súa man as augas amargas da maldición. 19O sacerdote esconxurará á muller dicíndolle: Se ningún home estraño durmiu contigo e se non cometiches ningunha infidelidade contra o teu home, que te vexas libre da maldición destas augas amargas. 20Mais se te apartaches do teu home e te manchaches dándote a outro home distinto do teu, deitándote con el 21(o sacerdote mandaralle facer o xuramento da maldición á muller, e diralle:) faga o Señor baixar contra ti a maldición, e fágate maldita no medio do teu pobo; que as túas pernas perdan as forzas e que inche o teu ventre; 22que estas augas amargas da maldición entren nas túas entrañas e che fagan inchar o ventre e enfraquecer as coxas. A muller responderá: Amén, amén.

23O sacerdote escribirá logo esta maldición nunha folla, que botará moída nas augas amargas. 24Despois faralle beber á muller estas augas amargas da maldición, que entrarán nela. 25E collerá o sacerdote da man da muller a ofrenda dos celos e axitaraa diante do Señor e ofreceraa sobre o altar.

26E collerá o sacerdote unha manchea de gran da ofrenda e queimaraa no altar; e despois daralle a beber as augas á muller. 27Despois que a muller as beba, se ela de verdade está manchada por cometer unha infidelidade contra o seu home, ó entraren nela as augas amargas da maldición, incharalle o ventre e enfraqueceranlle as coxas, e a muller será aldraxada por todo o seu pobo. 28Pero se a muller non ten culpa, senón que é inocente, non lle fará mal ningún, recobrará a honra e terá descendencia.

29Esta é a lei dos celos, pola que se rexerá a muller que, apartándose do seu home, comete algunha infidelidade; 30e tamén do home, en quen entra o espírito dos celos e entra en sospeita contra a súa muller. El faraa comparecer diante do Señor, para que o sacerdote a someta a toda esta lei. 31O marido quedará limpo de culpa, e a muller cargará con toda a súa iniquidade".