Capítulos 21-25

Caída de Babilonia

 

Capítulo 21

 

1Oráculo contra o Deserto Marítimo:

Como o furacán atravesa polo sur, vindo do deserto, da terra terrible,

2así déuseme a coñecer unha visión cruel.

O traidor está traizoando, o saqueador está saqueando:

"¡Sube, Elam, asedia, Media, que xa acabei con toda a súa soberbia!"

3Por isto os meus riles retórcense de angustia,

apértanme dores coma as da parturiente.

Retórzome polo que vin, estou estarrecido polo que oín.

4Túrbaseme o sentido, cólleme un tremor,

a mesma frescura da tardiña, tan agradable, vólveseme terror.

5A preparar a mesa, a estender o mantel, a comer e a beber:

Póndevos de pé, príncipes, untade os escudos.

6Si, díxome así o meu Señor:

"Vai e fai estar de pé ó vixiante, que dea a coñecer o que vexa.

7Cando vexa carros, tiros de cabalos, carros de burros, carros de camelos,

que espreite con atención, con moita atención".

8Entón o vixiante exclamou:

"Na vixilancia, meu Señor, mantéñome de pé durante o día,

na miña garda eu estou firme todas as noites;

9e, velaí vén: un carro, tiros de cabalos".

Entón un colleu a palabra e dixo: "Caeu, caeu Babilonia,

e todas as imaxes dos seus deuses esnaquizáronse contra a terra".

10¡A miña malla e o froito da miña eira!

O que oín de parte do Señor dos Exércitos, Deus de Israel,

déivolo a coñecer.

 

A liberación de Dumah

 

11Oráculo sobre Dumah.

Alguén berra por min desde Seir:

"¿Sentinela, que tal a noite? ¿Sentinela, que tal a noite?".

12A sentinela responde: "Chegou a mañanciña e tamén a noite.

Se queredes preguntar, preguntade; dade a volta, vide".

 

A sorte das cidades e tribos árabes

 

13Oráculo sobre o deserto.

Entre a bouza da estepa pasade a noite, caravanas de dedanitas.

14Levade auga ó encontro do sedento, habitantes da cidade de Temá;

ofrecédelle ó fuxido o seu pan.

15Si, foxen da presenza das espadas, da espada desenvaiñada,

afástanse do arco, escapan do fragor da guerra.

16Pois así falou o meu Señor:

"Despois dun ano, día a día, toda a gloria de Quedar desaparecerá. 17E o resto dos arqueiros, fillos de Quedar, será ben pequeno. Si, díxoo o Señor, Deus de Israel".

 

Xerusalén, librada por Deus do perigo, expiará a súa iniquidade coa morte

 

Capítulo 22

 

1Oráculo do Val da Visión.

¿Que che pasa agora, que con todos os teus estás subido nas terrazas?

2Está chea de ruído a cidade rebuldeira, a vila festeira.

Os teus caídos non son acoitelados coa espada, nin mortos na guerra.

3Todos os teus xefes fuxiron á vez, foron collidos co arco.

Todos os que te pillaron, foron collidos xuntos, escapaban lonxe.

4Por isto dixen: "Non olledes para min, que vou amargar con choros,

non vos empeñedes en consolarme pola desolación da filla do meu pobo,

5porque o día da confusión, do esmagamento e do escarnio

vén do meu Señor, Deus dos Exércitos.

No Val da Visión derrúbase unha muralla,

os berros diríxense á montaña.

6Elam levantou a alxaba, homes en carros de cabalos,

Quir destapa os escudos.

7Carros e cabalos encheron o mellor da túa barxa,

tomaron posición xunto á porta,

8e puxeron ó descuberto a defensa de Xudá".

 

No día aquel ollastes para o arsenal da Casa do bosque,

9vistes as brechas da cidade de David ‑¡cantas eran!‑

e xuntastes as augas do estanque de abaixo.

10Contastes as casas de Xerusalén e botastes algunhas abaixo,

para facer inaccesible a muralla.

11Fixestes unha presa entre os dous muros, para a auga do estanque antigo;

pero non ollastes para quen a facía,

nin vistes a quen desde lonxe a ideaba.

 

12No día aquel o meu Señor, Deus de Israel,

fixo unha chamada ó pranto e á lamentación,

a raparse e vestirse de saco.

13Pero velaí: vós, xúbilo e ledicia:

matar becerros, sacrificar reses, comer carne e beber viño.

"A  comer e beber, que mañá imos morrer".

14Pero o meu Señor, Deus dos Exércitos, reveloume ó oído:

"Esta iniquidade non vos será expiada ata que morrades",

‑díxoo o meu Señor, Deus dos Exércitos‑.

 

Caída de Xebná e subida de Eliaquim, coa conseguinte caída

 

15Así falou o meu Señor, Deus dos Exércitos:

"Ponte de camiño e entra onda ese mordomo, Xebná,

que está á fronte da casa do rei, e dille:

16¿Que tes ti aquí? ¿A quen tes ti aquí,

pois cavaches aquí unha sepultura para ti?

Eu estou cavando no alto a miña sepultura,

estou tallando na pedra o meu lugar de descanso".

17Velaí: o Señor vaite estender ben estendido,

valente, e logo vaite envolver,

18vaite enrolar ben, e facerte rodar,

coma unha pelota cara a un país de anchas fronteiras.

Alí vas morrer, alí irán as túas gloriosas carrozas,

vergonza do pazo do teu Señor.

19Chimpareite do teu posto prominente,

botareite abaixo do teu pedestal.

20Sucederá no día aquel, que chamarei ó meu servo, Eliaquim, fillo de Hilquías.

21Farei que vista a túa túnica, e fortalecereino co teu cinguideiro

e porei na súa man o teu posto de mando:

será un pai para os habitantes de Xerusalén e para a casa de Xudá.

22Porei a chave da casa de David sobre o seu ombreiro:

abrirá, e non haberá quen feche; e fechará, e non haberá quen abra.

23Cravarei a caravilla da súa tenda nun lugar seguro,

e será trono de gloria para a casa de seu pai.

24Colgarase nel todo o peso da casa de seu pai ‑ramas e follas‑, todos os cacharros pequenos, desde as tazas ata os pucheiros.

25No día aquel ‑é o Señor dos Exércitos quen fala‑ abaneará a caravilla cravada en lugar seguro, fallará e caerá, e esnaquizarase todo o peso que estaba sobre ela, porque o dixo o Señor.

 

Lamentación e senso teolóxico da caída de Tiro

 

Capítulo 23

 

1Oráculo contra Tiro.

Facede lamentación vós, barcos de Tárxix,

que o porto de refuxio quedou esnaquizado.

De volta do país de Kitim foille revelado isto a Tárxix.

2Chorade, habitantes da costa, traficantes de Sidón.

Os teus mensaxeiros cruzan por augas abundantes:

3a semente de Xihor viña da colleita do Nilo,

a súa ganancia era o comercio cos pobos.

4Avergónzate Sidón, que fala o mar, o refuxio de Iam, nestes termos:

"Non me retorcín de dor nin te dei eu á luz:

nin criei fillos xa mozos, nin saquei adiante fillas mozas".

5Cando pasa a noticia ós exipcios, retórcense de dor, coa noticia de Tiro.

6Cando pasa a Tárxix, os habitantes da costa fan lamentación.

7¿É isto causa de alegría para a vosa cidade que ten a orixe nos días remotos,

e pés que a levarán lonxe a vivir de emigrante?

8¿Quen planeou isto contra Tiro, que distribuía coroas,

cando os seus comerciantes eran príncipes e os seus traficantes honrados no mundo?

9O Señor dos Exércitos foi quen o dispuxo, para humillar o orgullo do seu esplendor, para facer desprezables a todos os nobres do mundo.

10Pasa ó teu país, que eu lle puxen emboscada a Tárxix e xa non hai porto de refuxio.

11A miña man estaba estendida contra Iam, fixo tremer os reinos.

O Señor ordenou que a Canaán lle destruísen as prazas fortes,

12e dixo: "non volverás a alegrarte, moza maltratada (filla de Sidón; aínda que vaias a Kitim, tampouco alí haberá descanso para ti.

13A mesma cidade dos caldeos non será para ti. Asiria fundouna para os barcos.

Ergueron as torres de asalto, arrasaron os seus castelos, volvérona unha ruína.

14Facede lamentación, barcos de Tárxix,

que o voso porto de refuxio quedou esnaquizado".

 

A liberación de Tiro

 

15Sucederá no día aquel, que Tiro quedará esquecida durante setenta anos. Pero nos anos doutro rei, ó cabo dos setenta anos, sucederalle a Tiro coma no cantar da prostituta:

16"Colle a arpa, dálle a volta á cidade, prostituta esquecida.

Toca ben a arpa, alonga o teu cantar para que sexas recordada".

17E sucederá ó cabo dos setenta anos que o Señor visitará  Tiro, e Tiro volverá a facer asúa ganancia de prostituta. Prostituirase con todos os reinos que hai sobre a superficie da terra. 18A súa ganancia no comercio e a súa paga de prostituta consagraralla ó Señor. Non se almacenará nin amoreará, senón que a súa ganancia será para os que habitan ante a presenza do Señor: comerán e fartaranse e vestirán esplendidamente.

 

 

APOCALIPSE GRANDE

 

I.  Deus fai xustiza arrasando o mundo:

A) Xuízo cósmico de Deus

 

Capítulo 24

 

1Velaí o Señor: arrasa a terra e devástaa,

revolve a súa superficie e dispersa os seus habitantes:

2Aconteceralles isto ós sacerdotes o mesmo ca ó pobo,

ó servo o mesmo ca ó seu señor, á serva o mesmo ca á súa señora,

a quen compra coma a quen vende, a quen presta coma a quen recibe    prestado,

ó debedor o mesmo ca ó acredor.

3A terra quedará totalmente asolada e saqueada.

Si, o Señor decidiu estas cousas.

 

Lamentación polo asolamento do mundo e da cidade da nada

 

4Está de loito, murcha a terra; está reseco e murcho o orbe, están resecos tanto o que está arriba coma a terra.

5A terra está profanada baixo os pés dos seus habitantes,

porque quebrantaron leis, pasaron por enriba dos preceptos,

romperon a alianza eterna.

6Por isto a maldición devorou a terra, e son culpables os que habitan nela,

por isto se consomen os habitantes da terra: queda só un pequeno resto.

7Está de loito o viño novo, murchou a viña,

laméntanse todos os de alegres ilusións.

8Acabouse o xúbilo dos pandeiros, rematou o ruído dos ledos,

acabouse o son xubiloso da arpa.

.9Co canto xa non beberán viño,

o licor xa non fará tusir ós que o beben.

10Quedou asolada a cidade da nada,

todas as casas quedaron pechadas, ninguén entrou nelas;

11a lamentación polo  viño resoou nas rúas,

desapareceu toda a ledicia, o xúbilo da cidade foi deportado.

12Soamente quedou na cidade a desolación, a porta está arrasada.

13Certo, así acontecerá no medio da terra, no medio dos pobos,

coma no vareo da oliva, coma nos rebuscos cando acabou a vendima.

 

Cantos de loanza ó Deus Xusto.

 

14Eles levantarán a súa voz, aclamarán a grandeza do Señor,

exultarán desde o mar,

15por isto glorificarán ó Señor no nacente do sol;

nas costas do mar o Nome do Señor, Deus de Israel.

16Desde as beiras da terra oímos alegres cantares: ¡Gloria ó Xusto!

 

Repercusión universal da maldade humana

 

Pero eu pensei: "¡Pobre de min! ¡Pobre de min!  ¡ Ai de min!

¡Os impíos seguen cometendo maldades; si, seguen cometéndoas!".

17¡Terror, cova, trampa están sobre ti, habitante da terra!

18E sucederá que o fuxitivo do terror caerá na cova,

e quen sae do medio da cova caerá na trampa.

Si, as xanelas que hai na altura féchanse

e abalan os alicerces da terra.

19Estoupando, rómpese a terra; parte en anacos, estremécese toda.

20Cambalea a terra coma un borracho, móvese dun lado para outro,

coma se fose unha tenda improvisada, pois pesa sobre ela a súa rebeldía:

caerá e non se volverá a erguer.

 

Xuízo de Deus sobre os reis e reinado de Deus en Sión

 

21Sucederá no día aquel que o Señor lles pedirá contas

arriba ó exército de arriba, e na terra ós reis da terra;

22serán amoreados presos no pozo e pechados no cárcere,

e despois de moitos días pediránselles contas.

23A lúa chea virará rubia de vergonza,

e o sol do mediodía quedará branco de estupor.

O Señor dos Exércitos reinará no monte de Sión e en Xerusalén:

e a gloria aparecerá ante os seus anciáns.

 

B) Himno á acción de Deus na transformación do seu pobo

 

Capítulo 25

 

1Señor, ti es o meu Deus: enxálzote, loo o teu Nome,

porque realizaches plans marabillosos,

a túa fidelidade vén de lonxe.

2Si, convertiches a cidade nunha morea de pedras; a fortaleza, nunhas ruínas;

a cidadela dos soberbios desapareceu, endexamais non será reconstruída.

3Por isto un pobo forte hate glorificar,

a capital de pobos poderosos mostrarache o seu respecto,

4pois fuches refuxio para o pobre, e para o miserable na súa angustia

acubillo para escapar da tormenta, sombra para se librar da calor.

Pois o bufido dos poderosos é como a tormenta no inverno,

5coma forte calor na terra reseca.

Acabarás co tumulto dos soberbios, coma nube espesa coa calor:

o canto de triunfo dos poderosos será humillado.

 

O banquete do Reino de Deus

 

6Nesta montaña o Señor dos Exércitos ofreceralles a todos os pobos

un banquete de boas talladas, de viños anellos,

carnes ben condimentadas, viños refinados.

7Destruirá nesta montaña o veo que tapa a todos os pobos, a cuberta que cobre a todas as nacións.

8O meu Señor, Deus dos Exércitos, destruirá a morte para sempre,

enxugará as bágoas de todas as caras,

afastará de todo o país a vergonza do seu pobo.

Si, díxoo o Señor.

 

II. A esperanza do crente

A) A caída de Moab é signo apocalíptico

 

9No día aquel dirase:

"Ollade, este é o noso Deus, esperamos nel: El hanos salvar.

Este é o Señor, esperamos nel, gozaremos e alegrarémonos coa súa salvación".

10Si, a man do Señor descansa sobre esta montaña;

Moab será esmagada no seu sitio, coma a palla no montón de esterco.

11O Señor estenderá no medio del as súas mans, como fai o nadador cando nada.

Así humillará o seu orgullo, aínda que el erga as mans.

12O empinado e a altura das súas murallas abaixarase, virase abaixo, será tirado por terra, estrado no po.