CAPÍTULOS 21-25

CAPÍTULO 21

 

Os servos

 

1Ensínalles tamén estas decisións:

2Se mercas un servo hebreo, servirate por seis anos; pero no sétimo quedará libre, sen rescate. 3Se entrou solteiro, solteiro sairá; se estaba casado, a muller sairá con el. 4Se o amo lle deu muller e esta lle deu a luz fillos e fillas, a muller e mais os seus nenos serán para o amo, e el sairá só. 5Se o servo di: Quérolle ó meu amo, á miña muller e ós meus fillos e non quero saír libre, 6entón o amo levarao á presenza de Deus, porao contra a porta ou contra os linteis, furaralle a orella cunha subela, e el quedará coma servo seu para sempre.

7Se alguén vende a súa filla por escrava, esta non sairá libre como saen os escravos. 8Cando non lle guste ó amo que a destinara para si, este tena que deixar rescatar. Non a poderá vender a estranxeiros, cometendo traizón con ela. 9Se o amo a tiña destinada para o seu fillo, trataraa coma filla. 10Se el toma para si outra muller, non lle negará á serva a mantenza, o vestido e os dereitos maritais. 11Se non lle dese estas tres cousas, ela sairía libre sen rescate.

 

Leis sobre crimes e feridas

 

12O que fira de morte a un home, será reo de morte. 13Para o que non estaba ó axexo, senón que Deus llo puxo nas mans, sinalareiche un sitio, onde poida atopar asilo. 14Pero se alguén se ergue aleivosamente contra o próximo e o mata a traizón, sacarédelo mesmo de onda o altar para que morra.

15O que fire a seu pai ou súa nai é reo de morte. 16O que rapte un home, o mesmo se logo o vende coma se o retén no seu poder, é reo de morte. 17O que maldiga a seu pai ou a súa nai é reo de morte.

18Se estala unha rifa e un home fire a outro cun croio ou co puño e o ferido non morre, pero ten que gardar cama, 19no caso de que poida erguerse e andar por fóra cun caxato, o que o feriu será absolto, pero terá que pagarlle o tempo que bote na cama e as medicinas.

20Se un home malla a paus ó seu servo ou á súa serva, de xeito que chegue a matalo, será reo de crime. 21Pero se o servo dura con vida un día ou dous, o amo non será suxeito de vinganza, pois era a súa propiedade.

22Se nunha pelexa entre homes algún bate a unha muller embarazada e lle provoca un malparto, pero sen que aconteza outra desgraza, o culpado pagará a cantidade que sinale o home da muller e que estimen os xuíces. 23Se chega a resultar un dano grave, a compensación será vida por vida, 24ollo por ollo, dente por dente, man por man, pé por pé, 25queimadura por queimadura, ferida por ferida, mancadela por mancadela.

26Se alguén fire nun ollo ó seu servo ou á súa serva e os deixa tortos, deberá darlles a liberdade polo ollo. 27Se lles rompe un dente, deberá darlles a liberdade polo dente.

28Se un boi cornea a un home ou a unha muller, causándolles a morte, o boi será acantazado, e ninguén comerá a súa carne; o dono será declarado inocente. 29Pero se o boi era turrón xa de atrás e, advertido o seu dono, este non o gardou, o boi morrerá acantazado e o seu dono será reo de morte. 30Se lle impoñen un rescate pola vida, terá que pagar a cantidade que lle impoñan. 31Se o boi cornea un rapaz ou unha rapaza, seguirase a mesma regra. 32Se o boi turra contra un servo ou unha serva, o dono terá que pagar ó dono destes trinta siclos de prata, e o boi morrerá acantazado.

33Cando alguén cave un pozo ou abra unha foxa, se non a tapa e cae nel un boi ou un asno, 34o dono do pozo terá que pagar o que lle valía o animal ó seu dono, pero aquel quedarase co animal morto. 35Se o boi de alguén manca o boi doutro e o mata, venderán o boi vivo e repartirán os cartos, e o boi morto irá tamén a medias. 36Pero se era sabido de atrás que o boi era escornón, e o seu dono  non o gardou, terá que pagar un boi por outro e o boi morto será seu.

 

Roubo e outros danos

 

37Se alguén rouba un boi ou unha ovella e os mata ou os vende, pagará cinco bois por un e catro ovellas por unha.

 

 

CAPÍTULO 22

 

 

1Se un ladrón é sorprendido furando unha parede e niso o feren e morre, non terá vinganza do sangue. 2Se o sol xa saíra, o ladrón será vingado, pero pagará polo furto; se non ten con que pagar, será vendido. 3Se o boi, o asno ou a ovella que roubou se atopan no seu poder aínda vivos, terá que pagar o dobre.

4Cando alguén asoballe un eido ou unha viña, deixando pacer no eido alleo o seu rabaño, pagará o dano co mellor do seu eido e da súa viña. 5Se se escapa o lume e pega nas silveiras e queima as medas do trigo, os palleiros ou as leiras, o que acendeu o lume pagará o queimado.

6Cando alguén poña en depósito diñeiro ou alfaias onda outro e rouben os bens da casa deste, se aparece o ladrón, este pagará o dobre. 7Se o ladrón non aparece, o dono da casa comparecerá na presenza de Deus, para xurar que non tocou os bens do próximo.

8En caso de prexuízo na propiedade dun boi, dun asno, dunha ovella, de roupa e de calquera cousa que falte e da que un poida dicir: é esta, levarase o caso dos dous á presenza de Deus, e aquel que Deus declare culpado pagará o dobre ó seu próximo.

9Cando alguén lle encargue ó seu veciño a garda dun asno, dun boi, dunha ovella ou de calquera outro animal e ese animal morre, creba un óso ou é roubado, sen que ninguén o vexa, 10o segundo xurará polo Señor ó primeiro que non tocou os seus bens. Este terá que conformarse, pois non haberá compensación. 11Pero se lle roubaron o animal á súa vista, terá que restituírllo ó seu dono. 12Se o animal foi despezado, presentará unha proba e non terá que pagalo.

13Cando alguén lle pida a un veciño un animal prestado, se o animal morre ou rompe un óso, estando ausente o seu dono, aquel terá que pagarllo. 14Se o dono estaba presente, non terá que pagarllo. Se o animal era alugado, entra no aluguer.

 

Leis morais e relixiosas

 

15Se un home engaiola unha rapaza solteira e se deita con ela, deberá pagar o seu dote e tomala por muller. 16Se o pai dela se nega a darlla, o home pagará unha cantidade de diñeiro igual ó dote polas doncelas.

17Non deixarás con vida ás feiticeiras.

18O que se axunte cun animal será reo de morte.

19O que ofreza sacrificios a outros deuses, fóra do Señor, será condenado.

20Non aflixirás nin asoballarás os forasteiros, pois forasteiros fostes vós en terras de Exipto.

21Non oprimirás as viúvas nin os orfos. 22Se de feito os oprimes, e eles se queixan a min, eu escoitarei certamente a súa queixa. 23O meu noxo acenderase e fareivos morrer a espada. As vosas mulleres quedarán viúvas e os vosos fillos orfos.

24Se lle emprestas diñeiro a un do meu pobo, ó pobre que vive onda ti, non te portarás coma un usureiro, cobrándolle intereses. 25Se tomas en peñor o manto do teu próximo, antes de poñerse o sol devolverasllo, 26pois é o vestido que ten para cubrir o seu corpo. ¿Con que, se non, se taparía ó deitarse? Se se queixa a min, escoitareino, porque eu son misericordioso.

27Non blasfemes de Deus nin maldigas o xefe do teu pobo.

28Non te descoides na oferta da colleita e da vendima.

Dáme os teus fillos primoxénitos. 29E o mesmo farás cos dos teus gandos e cos dos teus rabaños. Deixarás sete días a cría coa súa nai e no oitavo entregarasma.

30Seredes persoas santas para min. Non comeredes carne de animais esnaquizados: botarédesllela ós cans.

 

 

 

CAPÍTULO 23

 

Xustiza

 

1Non propagarás rumores mentireiros. Non te xuntarás cun malvado para dar testemuño en favor da inxustiza.

2Non te deixes ir coa maioría para facer o mal, nin te poñas do lado dela nun xuízo, violando o dereito.

3Non favorecerás ó poderoso na súa causa.

4Se atopas o boi ou o asno que perdeu o teu inimigo, levaralos onda el.

5Se ver o asno do adversario caído baixo a súa carga, non o deixes abandonado; axúdalle a erguelo.

6Non torzas o dereito no xuízo do pobre.

7Fuxe da causa mentireira. Non fagas condenar ós inocentes nin ós xustos, pois eu non declaro inocente ó malvado.

8Non admitas regalos, pois os regalos cegan mesmo ós asisados e torcen o dereito dos xustos.

9Non oprimas o estranxeiro. Vós coñecedes a súa condición, pois fostes estranxeiros en Exipto.

 

O sábado e as festas

 

10Seis anos sementarás a túa terra e recollerás os seus froitos. 11Pero o sétimo deixarala en barbeito, para que poidan comer os pobres do teu pobo e pazan do que lles sobre os animais do monte. Farás o mesmo coa túa viña e coas túas oliveiras. 12Seis días traballarás, e o sétimo descansarás, para que descanse o teu boi e o teu asno, e para que teñan un respiro o teu servo e o forasteiro.

13Observade todo o que vos digo. Non invoquedes o nome doutros deuses; que nin sequera se sinta nos teus labios.

14Celebrarás tres festas no ano. 15Garda a festa dos Ácimos. Sete días comerás pan sen levedar, conforme che mandei, no tempo fixado do mes de abib, pois nel saístes de Exipto. E non viredes onda min coas mans baldeiras. 16E a festa da Seitura, dos primeiros froitos dos teus traballos, do que sementaches nos teus eidos. E a festa da Colleita, á fin do ano, cando recolles nos teus eidos o froito do teu traballo.

17Tres veces no ano comparecerán os varóns todos do pobo diante do Señor.

18Non me ofrecerás o sangue dos sacrificios con pan lévedo. Non deixarás a graxa da festa ata a mañá.

19Traerás á casa do Señor o teu Deus as primicias dos froitos da terra.

Non cocerás o cabrito no leite da súa nai.

 

O anxo de Deus

 

20Eu vou mandar o meu anxo diante túa, para que te garde na viaxe e te leve ó lugar que che teño disposto. 21Respéctao e faille caso. Non te rebeles contra el. Non perdoará as vosas rebeldías, pois leva con el o meu nome. 22Se de verdade o obedeces e fas o que eu che mande, eu serei inimigo dos teus inimigos, adversario dos teus adversarios.

 

Na terra dos cananeos

 

23O meu anxo irá diante de ti e levarate á terra dos amorreos, dos hititas, dos perizitas, dos cananeos, dos hivitas e dos iebuseos, que eu destruirei. 24Non te prostrarás diante dos seus deuses nin os adorarás. Non farás o que fan eles, senón que os destruirás e romperás as súas imaxes. 25Vós serviredes ó Señor o voso Deus, e el bendicirá o voso pan e a vosa auga. Eu afastarei de ti todas as doenzas. 26Non haberá na túa terra muller estéril nin que aborte. E ateigareite de vida.

27Eu mandarei o meu terror diante de ti, espantarei os pobos ós que chegues, e todos os teus inimigos viraranse de costas ante ti. 28Mandarei diante de ti avésporas, que farán fuxir da túa presenza ós hivitas, ós cananeos, ós hititas. 29Non os botarei todos á vez, para que non quede a terra deserta e que non se multipliquen as feras salvaxes contra ti. 30Botareinos ós poucos, namentres ti vas crecendo e tomando posesión do país.

31Fixarei os lindeiros da túa terra desde o mar Rubio ó mar dos filisteos e desde o deserto ata o Éufrates. Porei nas túas mans os habitantes do país, botareinos da túa presenza. 32Ti non farás con eles nin cos seus deuses ningún pacto. 33Tampouco non os deixarás quedar na túa terra, para que non te fagan pecar contra min servindo ós seus deuses, que serán para ti unha trapela".

 

 

 

CAPÍTULO 24

 

Conclusión e rito da alianza

 

1O Señor díxolle a Moisés: ‑"Subide onda min, ti, Aharón, Nadab, Abihú e setenta anciáns de Israel, e prostrádevos desde lonxe. 2Soamente Moisés se aproximará ó Señor, pero non os outros. E o pobo que non suba".

3Moisés veu e expúxolle ó pobo as palabras do Señor e as súas decisións, e o pobo a unha respondeu: ‑"Faremos todo o que dixo o Señor". 4Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor.

O día seguinte Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estelas, polas doce tribos de Israel. 5Despois mandou a algúns mozos israelitas que ofrecesen holocaustos e sacrificios de comuñón ó Señor. 6Moisés colleu a metade do sangue e botouna en recipientes, e a outra metade asperxeuna no altar. 7Despois colleu o libro da alianza e leullo en voz alta ó pobo. Este respondeu: ‑"Faremos todo o que dixo o Señor, e obedeceremos". 8Entón colleu Moisés o sangue e asperxeu ó pobo con el, dicindo: ‑"Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco, conforme as palabras lidas".

9Moisés, Aharón, Nadab, Abihú e setenta anciáns de Israel subiron á montaña 10e viron ó Deus de Israel. Debaixo dos seus pés había coma un pavimento de zafiro, limpo coma o mesmo ceo. 11Deus non alongou a man contra os escolleitos de Israel, que puideron ver a Deus. Despois comeron e beberon.

12O Señor díxolle a Moisés: ‑"Sube á montaña e queda onda min. Dareiche as táboas de pedra coa lei e cos mandamentos que escribín, para que llos ensines ó pobo".

13Moisés foi, co seu axudante Xosué, e subiu ó monte de Deus. 14Os xefes do pobo deixáralles encomendado: ‑"Agardade aquí, ata que volvamos onda vós. Aharón e Hur quedan convosco. Se alguén tiver un preito, que llelo expoña a eles".

15Moisés subiu á montaña, que estaba cuberta pola nube. 16A gloria do Señor fixera morada sobre o monte Sinaí. A nube tapou o monte por seis días. O sétimo día chamou o Señor a Moisés desde o medio da nube. 17Os israelitas a gloria do Señor aparecíalles coma un lume coruscante no cume da montaña. 18Moisés entrou na nube, subiu á montaña e quedou alí corenta días coas súas noites.

 

 

 

CAPÍTULO 25

 

SANTUARIO E SACERDOCIO

 

Construción do santuario

 

1O Señor faloulle a Moisés: 2‑"Di

lles ós israelitas que me presenten unha ofrenda. Aceptarédela de todos aqueles que de corazón ma queiran ofrecer. 3As cousas que podedes aceptar como ofrenda serán: ouro, prata e bronce, 4púrpura violácea, escarlata e carmesí, liño e pelo de cabra, 5peles de carneiro curtidas, peles de teixugo e madeira de acacia, 6aceite para as lámpadas, aromas para o óleo de unción e para o incenso, 7pedras de ónix e pedras de engaste para o efod  e para o peitoral. 8Que me fagan un santuario, onde eu habite no medio deles. 9Faredes o tabernáculo e os utensilios para o culto conforme o modelo que eu che indicarei.

 

A arca

 

10Construirás unha arca de madeira de acacia de dous cóbados e medio de longa, un e medio de ancha e un e medio de alta. 11Revestirala de ouro puro por dentro e por fóra; por enriba, ó arredor, poraslle unha cinta tamén de ouro. 12De ouro fundido farás catro argolas e porasllas nos catro cantos, dúas para un flanco e dúas para o outro. 13Despois farás varais de madeira de acacia, revestiralos de ouro 14e meteralos polas argolas dos dous lados da arca, para podela transportar. 15Os varais quedarán metidos nas argolas e non se sacarán delas. 16Na arca meterás o testemuño que eu che darei.

17Farás o propiciatorio de ouro puro, de dous cóbados e medio de longo e un e medio de ancho. 18Despois cicelarás dous querubíns de ouro para os seus dous extremos. 19Porás un querubín en cada extremo, formando un corpo co propiciatorio. 20Os querubíns despregarán as ás cara arriba, cubrindo o propiciatorio; mirarán cara ó centro deste, un enfronte do outro. 21Porás o propiciatorio encima da arca, e nesta depositarás o testemuño que eu che darei. 22Desde enriba do propiciatorio, entre os dous querubíns que están encima da arca do testemuño, virei ó teu encontro e direiche todo o que teña que mandarche para os israelitas.

 

A mesa dos pans sagrados

 

23Farás unha mesa de madeira de acacia, de dous cóbados de longa, un de ancha e un e medio de alta. 24Revestirala de ouro puro e poraslle ó redor unha cinta de ouro. 25O redor faraslle un reborde dun palmo, no que porás tamén unha cinta de ouro. 26Farás catro argolas de ouro e poralas nos catro cantos da mesa, unha por cada pé. 27As argolas estarán agarradas no reborde. Por elas meteranse os varais para transportar a mesa. 28Os varais faralos de madeira de acacia, revestidos de ouro. Con eles poderase erguer a mesa. 29Farás tamén pratos, cuncas, xerras e vasos para as libacións, todo de ouro puro. 30Encima da mesa porás os pans presentados, que estarán sempre diante de min.

 

O candelabro

 

31Farás un candelabro de ouro puro, traballado a martelo, coa súa base e co seu fuste. Formarán unha peza con el as súas copas, os seus cálices e as súas corolas. 32Dos seus lados sairán seis brazos, tres dun lado e tres do outro. 33Cada brazo terá tres copas, coma a flor da améndoa, co seu cáliz e a súa corola. Serán o mesmo os seis brazos que sairán do candelabro. 34O candelabro terá no fuste catro copas, coma as flores da améndoa, cada unha co seu cáliz e coa súa corola. 35Debaixo de cada parella de brazos que saen do candelabro, levará un cáliz. Así será cos seis brazos. 36Os cálices e mais os brazos serán dunha mesma peza, cicelados en ouro puro. 37Despois farás sete lámpadas e poralas no candelabro, para que alumen cara adiante. 38As pinzas para avivecelas e os seus cinseiros serán de ouro puro. 39Cun talento de ouro puro farás o candelabro e todos os seus trebellos. 40Coida de facelo todo conforme o modelo que che mostrei na montaña.