Capítulos 21-25

CAPÍTULO 21

 

1Cando o cananeo rei de Arad, que habitaba no Négueb, oíu que Israel viña polo camiño dos exploradores, atacou a Israel e fixo algúns prisioneiros. 2Entón Israel fixo un voto ó Señor dicindo: ‑"Se pos na miña man a este pobo, eu hei dar ó exterminio todas as súas cidades". 3O Señor escoitou a voz de Israel, e entregoulle os cananeos; e foron dados ó exterminio eles e as súas cidades, e aquel lugar chamouse co nome de Anatema.

 

A serpente de bronce

 

4E marcharon do monte Hor polo camiño do Mar Rubio, rodeando o país de Edom, e o pobo comezou a esmorecer polo camiño. 5E murmuraba o pobo contra Deus e contra Moisés: ‑"¿Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo dese alimento tan miserable?" 6O Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel. 7O pobo foi onda Moisés e dixéronlle: ‑"¡Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes!" Moisés rezou polo pobo, 8e o Señor díxolle a Moisés: ‑"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá". 9Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun mastro; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san.

 

Cambian o campamento

 

10Os fillos de Israel partiron e acamparon en Obot. 11E de novo marcharon de Obot e acamparon nos outeiros de Habarim, no deserto, que está ó leste de Moab. 12De alí marcharon e acamparon no torrente de Zared. 13Marcharon de alí e acamparon do outro lado do Arnón, no deserto que sae do territorio dos amorreos, pois o Arnón constitúe a fronteira entre Moab e o amorreo. 14Por iso se di no libro das guerras do Señor: ‑"Vaheb en Sufa e os vales do Arnón, 15e o declive dos regatos que se inclina cara á veiga do Ar, e repousa na fronteira de Moab".

16E de alí foron a Beer. Aquí está o pozo ó que se refería o Señor, cando falou con Moisés: ‑"Xunta o pobo, e eu dareilles auga". 17Entón Israel cantou este cántico:

‑"¡Deita, pozo! ¡Cantádelle!

18 Pozo que os príncipes cavaron,

que furaron os nobres do pobo

co cetro, cos seus caxatos".

E do deserto foron a Matanah; 19de Matanah a Nahaliel, de Nahaliel a Bamot, 20e de Bamot ó val que hai no campo de Moab, no cume do Pisga, que olla para o deserto.

21Entón Israel mandou embaixadores ó rei dos amorreos, dicindo: 22‑"¡Déixame pasar polo teu país! Nós non nos desviaremos nin polos labradíos nin polas viñas, nin beberemos auga de ningún pozo; iremos pola estrada real, ata pasarmos os teus límites". 23Pero non permitiu pasar a Israel polo seu territorio, senón que xuntou a todo o seu pobo e saíu ó encontro de Israel no deserto; chegou a Iáhsah e combateu contra el.

 

Triunfo de Israel

 

24Mais Israel derrotouno a fío de espada e apoderouse do seu territorio, desde o Arnón ata o Iaboc, ata os amonitas, porque a fronteira dos fillos de Amón estaba fortificada. 25Israel tomou, pois, todas aquelas cidades. Estableceuse en todas as cidades dos amorreos, en Hexbón e máis en todas as vilas dos arredores. 26Porque Hexbón era a cidade de Sihón, rei dos amorreos, que guerreara contra o rei anterior de Moab e lle tomara todo o seu territorio ata o Arnón. 27Por iso din os poetas:

‑"¡Vide a Hexbón, edifíquese e restáurese a cidade de Sihón.

28 Pois un lume saíu de Hexbón, unha chama da cidade de Sihón,

que devorou Ar de Moab, e os outeiros de Arnón.

29 ¡Ai de ti, Moab! ¡Estás perdido, pobo de Kemox!

¡Os seus fillos tiveron que andar fuxidos,

e as súas fillas foron cativas de Sihón, rei dos amorreos!

30 ¡O xugo de Hexbón foi exterminado! Arruinado está Hexbón ata Dibón;

arruinamos ata Nófah, que está xunto a Medebá".

31Israel, pois, morou na terra dos amorreos. 32Moisés mandou explorar Iaser, e conquistárona coas súas vilas de arredor, expulsando ós amorreos que moraban alí.

33Despois cambiaron de dirección e subiron polo camiño de Baxán. Og, rei do Baxán, saíu ó seu encontro, acompañado de todo o seu pobo, presentándolle batalla en Edrei. 34Entón o Señor díxolle a Moisés: ‑"Non lle teñas medo, porque xa cho puxen eu na túa man con todo o seu pobo e todo o seu territorio. Farás con el o mesmo que fixeches con Sihón, rei dos amorreos, que habitaba en Hexbón". 35Vencérono, pois, tamén a el, ós seus fillos e a todo o seu pobo, ata non deixaren nin sequera un vivo, e apoderáronse do seu territorio.

 

 

 

CAPÍTULO 22

 

Episodio de Balaam

 

1Marcharon os fillos de Israel, e acamparon nas planicies de Moab, alén do Xordán, á vista de Iericó. 2Balac, fillo de Sipor, coñeceu todo canto Israel lles fixera ós amorreos, 3e Moab colleu moito medo véndose diante dun pobo tan grande, pois era numeroso, e encheuse de medo por mor dos fillos de Israel. 4Díxolles Moab ós anciáns de Madián: ‑"Agora esa multitude pastará todos os nosos arredores como pasta un touro a herba do campo. Balac, fillo de Sipor, era rei de Moab por aquel tempo. 5E enviou mensaxeiros a Balaam, fillo de Beor, a Petor, que está xunto ó río, no país dos amonitas, para o chamar, dicíndolle: ‑"Velaí que un pobo saíu de Exipto, que cobre a superficie do país e está á beira do meu territorio. 6Ven, axiña, por favor, maldí a este pobo, porque é máis poderoso ca min: quizais así poderei vencelo e expulsalo do país, pois sei que aquel a quen ti bendís é bendito, e maldito aquel a quen ti maldís".

7Foron os anciáns de Moab e os anciáns de Madián levando nas súas mans os cartos da adiviñación, e cando chegaron a Balaam expuxéronlle as palabras de Balac. 8El díxolles: ‑"Quedádevos aquí esta noite, e eu dareivos resposta, conforme ma diga o Señor". E os príncipes de Moab quedáronse con Balaam. 9Entón Deus veu onda Balaam e preguntoulle:

‑"¿Quen son eses homes que están contigo?"

10Balaam respondeulle a Deus:

‑"Balac, fillo de Sipor, rei de Moab, mandounos onda min, para que me dixesen: 11Velaí que un pobo que saíu do Exipto cobre a superficie de toda a terra. ¡Ven, axiña e maldío! Quizais así poida eu combater con el e expulsalo".

12Pero Deus díxolle a Balaam:

‑"¡Non irás con eles nin maldicirás a ese pobo, pois é un pobo bendito!"

13Balaam levantouse pola mañá e díxolles ós príncipes de Balac: ‑"Volvede para o voso país, porque o Señor negouse a deixarme ir convosco". 14Entón os príncipes de Moab levantáronse, foron onda Balac e dixéronlle: ‑"Balaam negouse a vir connosco".

15Balac volveu de novo a enviar príncipes máis numerosos e ilustres ca aqueles. 16E ó chegaren onda Balaam, dixéronlle:

‑"Así falou Balac, fillo de Sipor: Pídocho por favor que non te prives de vir onda min, 17pois heite de honrar cos maiores honores e hei facer todo canto digas. ¡Ven, pois, por favor: maldí a este pobo!"

18Balaam respondeulles ós servos de Balac:

‑"Aínda que Balac me dese toda a súa casa chea de prata e ouro, eu non podería ir contra a orde do Señor meu Deus, para dicir nin pouco nin moito. 19Quedádevos tamén vós aquí esta noite, para vos facer saber o que me diga de novo o Señor".

20Veu Deus a Balaam de noite e díxolle: ‑"Se te viñeron chamar uns homes, érguete e vai con eles, pero has facer o que eu che mande".

21Ergueuse Balaam pola mañá, aparellou a súa burra e partiu cos príncipes de Moab.

22Pero cando el marchaba, acendeuse a cólera de Deus, e o Anxo do Señor atravesóuselle no camiño para llo impedir. El ía cabalgando na súa burra acompañado de dous criados. 23Cando a burra viu o Anxo do Señor parado no camiño coa súa espada na man, desviouse do camiño e foise polo campo. Balaam comezou a bater na burra para facela volver ó camiño. 24Entón o Anxo do Señor chantouse nunha congostra entre as viñas, con sebes por unha beira e pola outra. 25A burra, que viu o Anxo do Señor, arrimouse contra o valado e premeulle o pé de Balaam contra o valado. Entón el volveu bater nela. 26O Anxo do Señor volveu pasar diante e chantouse nun carreiro estreito, onde non se podía ir nin pola dereita nin pola esquerda. 27A burra viu o Anxo do Señor e deitouse baixo os pés de Balaam, quen se alporizou e fustrigou a burra co caxato. 28Entón Iavé abriulle a boca á burra, e esta díxolle a Balaam:

‑"¿Que che fixen eu para me bateres desta maneira, xa por terceira vez?"

29E Balaam díxolle á burra:

‑"¡Porque te estás burlando de min! ¡Se tivese a man unha espada, agora mesmo te mataría!"

30E replicoulle a burra a Balaam:

‑"¿Non son eu a túa burra, a mesma na que tes cabalgado desde que existes ata hoxe? ¿Acaso fíxenche eu algunha vez cousa semellante?"

‑"Non", respondeu el.

31Entón o Señor abriulle os ollos a Balaam, quen viu o Anxo do Señor parado no camiño coa espada desenvaiñada na man, axeonllouse e prostrouse co rostro por terra. 32E díxolle o Anxo do Señor:

‑"¿Por que lle batiches por tres veces á túa burra? Son eu quen se opón a ti, pois o teu camiño é perverso e contrario a min. 33A burra viume a min e desviouse de diante de min tres veces con esta. Boa sorte tiveches con que se desviase ela, porque arestora xa eu podería terte matado, deixándoa viva a ela".

34Balaam díxolle entón ó Anxo do Señor: ‑"¡Pequei, porque non sabía que ti te opuñas a min no camiño; agora, se che parece mal, darei volta!"

35O Anxo do Señor contestoulle a Balaam:

‑"Vaite con eses homes, pero soamente o que eu che indique, iso has falar".

Balaam marchou, logo, cos príncipes de Balac.

36Cando Balac oíu que chegaba Balaam, saíu ó seu encontro a unha cidade de Moab situada no límite do Arnón, no extremo da fronteira. 37Balac díxolle a Balaam:

‑"¿Non che enviara embaixadores para te chamar? ¿Por que non viñeches a min? ¿Non podo por ventura recompensarte?"

38E Balaam respondeulle a Balac:

‑"¡Velaquí que eu vin a ti agora! Mais ¿poderei eu, por ventura, falar algo? A palabra que Deus poña na miña boca, esa falarei".

39E Balaam foise con Balac, e chegaron a Quiriat-Husot. 40Balac degolou bois e ovellas, e enviou parte a Balaam e ós príncipes que o acompañaban. 41A mañá seguinte, Balac tomou a Balaam e fíxoo subir a Bamot-Baal, desde onde se vía o extremo do pobo.

 

 

 

CAPÍTULO 23

 

Balaam bendí a Israel

 

1Díxolle Balaam a Balac:

‑"Edifícame aquí sete altares e prepárame neste lugar sete touros e sete carneiros". 2Balac fixo como Balaam dixera e ofreceu un touro e un carneiro sobre cada altar. 3Logo díxolle Balaam a Balac: ‑"Fica onda o teu holocausto, mentres eu me afasto; quizais saia o Señor ó meu encontro, e todo o que El me revele, eu comunicareicho". E marchou a un lugar afastado. 4Deus saíu ó encontro de Balaam, quen lle dixo: ‑"Teño preparados os sete altares e ofrecín un touro e un carneiro sobre cada altar". 5O Señor puxo unha palabra na boca de Balaam, e dixo: ‑"¡Torna a Balac, e falaraslle así". 6Tornou, pois, a el, e encontrouno de pé onda o seu holocausto, con todos os príncipes de Moab. 7Entón pronunciou o seu oráculo:

‑"Desde Aram faime vir Balac,

o rei de Moab desde as montañas do Oriente:

¡Ven, díxome, maldí a Xacob!

¡Ven, impreca a Israel!

8 ¿Como vou maldicir a quen El non maldiciu?

¿Como vou detestar eu a quen non detestou o Señor?

9 En verdade, desde o cume dos penedos eu o vexo,

e desde o curuto dos outeiros eu o contemplo:

Velaí un pobo que habita só,

e entre as nacións non se conta.

10 ¿Quen puido contar a multitude de Xacob

e quen enumerar a cuarta parte de Israel?

¡Morra eu coa morte dos xustos

e sexa o meu futuro semellante ó deles!".

11Entón Balac díxolle a Balaam:

‑"¿Que é o que me fixeches? ¡Para maldicir os meus inimigos fíxente vir, e ti non fas máis que bendicilos!"

12Balaam respondeulle dicindo: ‑"¿Por ventura non teño que ter coidado en dicir aquilo que Deus pon nos meus labios?"

13E díxolle Balac: ‑"¡Ven, por favor, comigo a outro sitio desde onde poidas velo! Soamente verás a súa parte extrema, mais todo el non o verás. ¡Maldío desde alí!"

14Levouno entón ó Campo das sentinelas, no cume do Pisgah, e construíu sete altares, ofrecendo un touro e un carneiro sobre cada altar. 15E díxolle a Balac: ‑"Queda aquí onda o teu holocausto, mentres eu saio aí ó encontro". 16O Señor veu ó encontro de Balaam, e póndolle a palabra na súa boca, díxolle: ‑"¡Torna a Balac, e falarás así!" 17Foi onda el e atopouno de pé onda o seu holocausto, acompañado dos príncipes de Moab. Preguntoulle Balac: ‑"¿Que che dixo o Señor? 18Entón el pronunciou o seu oráculo:

‑"Levántate Balac, e escoita,

óeme, fillo de Sipor!

19 Non é Deus home para mentir,

nin fillo de home para que se poida desdicir.

¿É El quen di e non fai,

ou quen fala e non cumpre?

20 Eu recibín orde de bendicir,

bendicín, e non o podo cambiar.

21Non se viu culpa en Xacob,

nin se viu maldade en Israel.

O Señor, o seu Deus, está con el,

nel é aclamado coma rei.

22 Deus, que o tirou do Exipto,

é para el como a forza do rinoceronte.

23 Non existe maxia en Xacob,

nin adiviñacións en Israel.

O seu tempo diráselle a Xacob

e a Israel o que El vai facer.

24 Velaquí un pobo que se levanta coma unha leoa,

e se ergue coma un león;

non se deitará ata que dea devorado a presa

e o sangue das súas vítimas dea bebido".

25Entón Balac díxolle a Balaam:

‑"¡Xa que non podes maldicilo, polo menos non o bendigas!"

26Mais Balaam respondeulle a Balac:

‑"¿Non cho anunciei, dicindo: Todo o que o Señor diga, iso hei facer?"

27Entón Balac díxolle a Balaam:

‑"¡Ven, por favor, levareite a outro lugar! ¡Quizais sexa do agrado de Deus que os maldigas desde alí!"

28E Balac conduciu a Balaam ó cume do Peor, que olla para o deserto.

29Balaam díxolle a Balac:

‑"Constrúeme aquí sete altares e prepárame sete touros e sete carneiros".

30Balac fixo conforme Balaam lle indicara, e ofreceu un touro e un carneiro en cada altar.

 

 

 

CAPÍTULO 24

 

Oráculos de Balaam

 

1Viu Balaam que lle agradaba ó Señor que bendicise a Israel, e non foi, como as outras veces, buscar agoiros, senón que volveu o seu rostro para o deserto. 2Levantou os ollos e viu a Israel acampado por tribos, e o espírito do Señor descendeu sobre el. 3Entón pronunciou o seu oráculo:

‑"Oráculo de Balaam, fillo de Beor,

oráculo do varón de ollo penetrante,

4 oráculo de quen oe as palabras de Deus,

de quen ve as visións do Todopoderoso;

que cae e se lle abren os ollos.

5 ¡Que fermosas son as túas tendas, Xacob;

e as túas moradas, Israel!

6 Son longos coma vales,

cal xardíns á beira do río,

coma áloes plantados polo Señor,

coma cedros a carón das augas.

7 A auga corre das súas nubes,

e a súa sementeira crecerá ben regada.

Máis loado ca Agag será o seu rei,

exaltado será o seu reino.

8 Deus, que o tirou do Exipto,

é para el coma a forza do rinoceronte.

Devora as nacións inimigas súas,

creba os seus ósos,

e traspásaos coas súas frechas.

9 Reclínase, déitase coma un león,

como unha leoa: ¿quen o fará levantar?

¡Benditos quen te bendigan,

e quen te maldigan, malditos!".

10A ira de Balac acendeuse contra Balaam, bateu as mans, e díxolle a Balaam:

‑"¡Eu chameite para maldicires os meus inimigos, e xa vai por tres veces que os bendís! 11¡Agora, pois, volta para o teu lugar! Eu prometera encherte de honores, pero o Señor privoute deles".

12Respondeulle Balaam a Balac:

‑"¿Non lles dixera eu ós embaixadores que me enviaches: 13Aínda que Balac me dese a súa casa chea de prata e de ouro, eu non podería transgredir a orde do Señor, facendo pola miña conta cousa boa ou mala; aquilo que diga o Señor, iso direi? 14Agora, pois, que me vou para o meu pobo, ¡ven, e informareite do que ese pobo ha facer nos días vindeiros!"

E Balaam pronunciou o seu oráculo:

15 ‑"Oráculo de Balaam, fillo de Beor,

oráculo do varón de ollo penetrante,

16 oráculo de quen oe as palabras de Deus,

e coñece a ciencia do Altísimo,

de quen ve as visións do Todopoderoso,

que cae e se lle abren os ollos.

17 Véxoo, pero non neste intre;

eu avístoo, pero non de cerca:

saíu unha estrela de Xacob,

e xurdiu un caxato de Israel;

crebou as ladeiras de Moab

e abateu todos os fillos de Xet.

18 Edom vaise empobrecendo,

e empobrécese Seir, o seu inimigo,

mentres Israel fai prodixios.

19 De Xacob sairá un Dominador

e aniquilará os restos da cidade".

20 Logo viu a Amalec, e pronunciou o seu oráculo:

‑"É Amalec a primeira das cidades,

mais o seu final parará en destrución".

21 Logo viu o quenita, e pronunciou o seu oráculo:

‑"¡Firme é a túa morada,

e ter o teu niño dentro do penedo!

22 Con todo, Caín será asolado,

ata que Asur te conduza cativo".

23 E continuou co seu oráculo:

‑"¡Ai, quen vivirá cando Deus faga isto!

24 Virán navíos de parte dos quititas

e asoballarán Asur e arrasarán Éber,

e tamén el irá á ruína".

25Logo Balaam partiu e volveu para o seu país. Tamén Balac proseguiu o seu camiño.

 

 

 

CAPÍTULO 25

 

Idolatría de Israel

 

1Israel estableceuse en Xitim, e o pobo comezou a fornicar coas fillas de Moab. 2Estas invitaron o pobo ós sacrificios dos seus deuses, e o pobo comeu e prosternouse diante dos deuses delas. 3Israel consagrouse a Baal-Peor, e a cólera do Señor acendeuse contra Israel. 4E díxolle o Señor a Moisés: ‑"¡Colle a todos os cabezas de familia do pobo e fainos aforcar en honra do Señor á luz do sol, para que a cólera do Señor se afaste de Israel!" 5Entón Moisés díxolles ós xuíces de Israel: ‑"¡Matade cada un a aqueles dos vosos homes que adoraron a Baal-Peor!"

6E velaí que un home de entre os israelitas chegou e trouxo onda ós seus irmáns a unha madianita ós ollos de Moisés e á vista de toda a comunidade de fillos de Israel, estando todos eles chorando á entrada da Tenda do Encontro. 7Véndoo Pinhás, fillo de Elazar, fillo do sacerdote Aharón, ergueuse no medio da comunidade e colleu unha lanza na súa man, 8entrou detrás do home na súa alcoba e atravesou a ámbolos dous, ó home israelita e á muller, polo baixo ventre. E axiña cesou a praga sobre os fillos de Israel. 9Agora ben, os mortos na praga foron vinte e catro mil.

10Díxolle o Señor a Moisés: 11‑"Pinhás, fillo de Elazar, fillo do sacerdote Aharón, desviou o meu furor contra os israelitas, mostrouse celoso por min no medio deles, e así, no meu celo, non aniquilei os fillos de Israel. 12Por iso di: Mira que eu establezo con el a miña alianza de paz; 13que constituirá para el e para a súa descendencia unha alianza de sacerdocio perpetuo, en recompensa por se mostrar celoso polo seu Deus e realizar expiación polos fillos de Israel".

14O nome do israelita morto, xunto coa madianita, era Zimrí, fillo de Salú, xefe dunha casa patriarcal dos simeonitas; 15e o nome da muller madianita morta era Cozbí, filla de Sur, o cal era xefe nunha casa patriarcal de Madián.

16O Señor díxolle a Moisés: 17‑"Atacade ós madianitas e ferídeos, 18pois eles atacáronvos cos seus enganos que empregaron contra vós no caso de Peor, e no caso de Cozbí, filla dun xefe de Madián, irmá deles, morta o día da praga que sobreveu no caso de Peor".