Capítulos 31-36

CAPÍTULO 31

 

Derrota dos madianitas

 

1Díxolle o Señor a Moisés: 2‑"Vinga nos madianitas ós fillos de Israel. Despois xuntaraste cos antepasados do teu pobo". 3Moisés faloulle ó pobo: ‑"Disponde os homes para a guerra e vaian contra Madián, a fin de lles dar a vinganza do Señor nos madianitas. 4Mil por tribo, de todas as tribos de Israel, enviaredes á guerra". 5Foron, pois, escollidos das lexións de Israel mil por tribo, isto é, doce millares armados para a milicia. 6Moisés enviounos á milicia mil por tribo, ás ordes de Pinhas, fillo do sacerdote Elazar, portador dos obxectos sagrados e das trompetas de alarma. 7Eles pelexaron contra Madián, conforme lle mandara o Señor a Moisés, e mataron a todos os varóns. 8Amais dos soldados mortos mataron tamén ós reis de Madián: Evi, Requem, Sur, Hur e Reba, cinco reis madianitas. Ademais mataron á espada a Balaam, fillo de Beor. 9Os fillos de Israel ademais levaron cativas ás mulleres de Madián, cos seus meniños e saquearon todo o seu gando, todos os seus rabaños e toda a súa facenda. 10A todas as súas cidades nos seus diversos lugares de residencia e a todos os seus campamentos prendéronlles lume. 11Colleron todo o botín e toda a presa feita en homes e en gando, 12e conduciron os cativos, o botín e mais a presa a Moisés, a Elazar, o sacerdote, e á comunidade dos fillos de Israel, que estaban no campamento situado nas planicies de Moab, xunto do Xordán, fronte a Xericó. 13Moisés, o sacerdote, Elazar e todos os príncipes da comunidade saíron ó seu encontro fóra do campamento. 14Moisés irouse contra os xefes do exército, xenerais e centurións que volvían da expedición guerreira, 15e díxolles: ‑"¿Mais por que deixastes con vida a todas estas mulleres? 16¡Ollade! Elas son as que por instigación de Balaam induciron ós fillos de Israel a apostataren do Señor por mor de Peor, e por esa causa caeu o castigo enriba da comunidade do Señor. 17Agora, pois, matade a todo varón entre os meniños e a toda muller que fixese o acto sexual con home. 18Pero reservade con vida para vós a todas as rapazas que non tiveron relacións sexuais con varón. 19E vós quedade fóra do campamento durante sete días. Todos os que matastes unha persoa e cantos tocastes un cadáver, purificarédesvos no terceiro e sétimo día, tanto vós coma os vosos prisioneiros. 20Purificade tamén todo vestido, todo obxecto de pel, todo utensilio feito de pel de cabra e todo utensilio de madeira".

21O sacerdote Elazar díxolles ós homes da milicia que foran ó combate: ‑"Este é o precepto legal que o Señor ordenou a Moisés: 22O ouro, a prata, o bronce, o ferro, o estaño e o chumbo, 23todo o que resiste o lume, farédelo pasar polo lume e será puro; non obstante, terá de ser purificado coa auga lustral. E todo o que non resiste o lume, pasarédelo pola auga. 24O día sétimo lavaredes os vosos vestidos, e seredes puros; e despois poderedes entrar no campamento".

 

Reparto do botín

 

25Díxolle o Señor a Moisés: 26‑"Fai o inventario do botín collido en homes e gando, ti, o sacerdote Elazar e os xefes das casas paternas da comunidade. 27Dividirás pola metade o botín entre os combatentes que foron á guerra e toda a comunidade. 28Separarás para o Señor, como tributo dos guerreiros que foron á guerra, unha cabeza de cada cinco centos, tanto dos homes como dos bois, dos asnos e das ovellas; 29collerédelo da metade que lles corresponde e daralo ó sacerdote Elazar como primicia para o Señor. 30Da metade correspondente ós fillos de Israel tomarás a porcentaxe do un por cincuenta, tanto dos homes como dos bois, dos asnos e das ovellas, de todos os animais, e darásllelo ós levitas encargados do servizo do Tabernáculo do Señor".

31Moisés e o sacerdote Elazar fixeron como lle ordenara o Señor a Moisés. 32O botín que o exército tomara coma presa foi: ovellas, 675.000 cabezas; 33bois, 72.000; 34asnos, 71.000; 35en canto a persoas, mulleres que non tiveran relacións con home, o total era de 32.000.

36A metade adxudicada ós que foran á guerra deu un total de: ovellas, 337.500; 37destas corresponden como tributo para o Señor 675. 38Bois, 36.000, e o seu tributo para o Señor, 72. 39Asnos, 30.500, e o seu tributo para o Señor, 61. 40Persoas, 16.000, e o seu tributo para o Señor, 32. 41Moisés entregou o tributo como primicia do Señor ó sacerdote Elazar, conforme o Señor lle ordenara.

42Canto á metade correspondente ós fillos de Israel que Moisés apartara da dos guerreiros, 43esa metade da comunidade foi: ovellas, 337.500; 44bois, 36.000; 45asnos, 30.500; 46persoas, 16.000. 47Moisés tomou desa metade dos israelitas a porcentaxe do un por cincuenta, tanto dos homes como dos animais, e entregouno ós levitas, que desempeñaban o servizo do Tabernáculo do Señor, conforme o Señor lle ordenara.

48Logo presentáronse ante Moisés os xefes das unidades militares, os xenerais e os centurións, 49e dixéronlle a Moisés: ‑"Os teus servos fixeron a conta dos combatentes que había á nosa disposición, e non faltou nin sequera un deles. 50Presentamos, pois, como ofrenda ó Señor cada un o que gañou en obxectos de ouro: brazaletes, pulseiras, aneis, pendentes e colares, a fin de que sexa propiciatoria polas nosas almas ante o Señor". 51Moisés e o sacerdote Elazar aceptaron deles o ouro: toda sorte de obxectos traballados con arte. 52O total de ouro que presentaron ó Señor procedente dos xenerais e os centurións, foi 16.750 siclos. 53Os soldados collérano cada un para si. 54Moisés e o sacerdote Elazar tomaron o ouro dos xenerais e os centurións, e levárono á Tenda do Encontro, como lembranza dos fillos de Israel ante o Señor.

 

 

 

CAPÍTULO 32

 

Reparto da terra alén do Xordán

 

1Os fillos de Rubén e os fillos de Gad posuían numerosos rabaños, moi importantes, e tras contemplar o país de Iazer e o de Galaad, viron que o lugar era sitio propio para rabaños. 2Viñeron, pois, os fillos de Gad e os de Rubén e dixéronlles a Moisés, ó sacerdote Elazar e ós príncipes da comunidade:

3‑"Atarot, Dibón, Iazer, Nimrah, Hexbón, Elaleh, Sibmah, Nebó e Beón, 4este país que o Señor fixo caer diante da comunidade de Israel é terra de rabaños, e os teus servos posúen rabaños. 5Se encontramos graza ós teus ollos, dános en posesión ós teus servos este territorio, non nos fagas atravesar o Xordán".

6Moisés, con todo, díxolles ós fillos de Gad e ós fillos de Rubén:

‑"¿Como van ir vosos irmáns á guerra e vosoutros ides quedar sentados? 7¿Por que queredes desanimar ós fillos de Israel, para que non pasen á terra que o Señor lles deu? 8Así fixeron vosos pais cando eu os mandei desde Cadex-Barnea a explorar o país. 9Subiron ata o val de Excol, e viron o país; logo desanimaron ós fillos de Israel para que non fosen ó país que o Señor lles dera. 10Aquel día acendeuse a ira do Señor, e xurou dicindo: 11Os homes de vinte anos para arriba que subiron do Exipto non verán a terra que prometín con xuramento a Abraham, Isaac e Xacob, porque non me seguiron sen dúbidas, 12agás Caleb, fillo de Iefuneh, o quenita, e Xosué, fillo de Nun, pois estes seguiron ó Señor sen desconfiar. 13Irouse o Señor contra Israel, e fíxoos andar errantes polo deserto corenta anos ata que fose extinta toda aquela xeración que fixera o mal na presenza do Señor. 14¡E velaí que agora vós levantádesvos no lugar de vosos pais para aumentardes aínda máis o furor da cólera do Señor contra Israel! 15Se deixades de o seguir, El alongará máis a vosa morada no deserto, e vós seredes a causa do exterminio de todo este pobo".

16Entón, aproximáronselle e dixeron:

‑"Edificaremos aquí currais para os nosos rabaños e cidades para os nosos fillos; 17mais nós ímonos armar de forza e iremos de seguida á fronte dos fillos de Israel, ata que os cheguemos a meter no seu lugar; e, mentres, os nosos fillos ficarán nas cidades fortificadas, por causa das incursións dos habitantes deste país. 18Non volveremos para as nosas casas ata que os fillos de Israel non teñan herdado cada un a súa herdanza; 19pois non temos de herdar nada con eles do lado de alá do Xordán, xa que nosoutros temos as nosas herdades na ribeira leste do Xordán".

20Díxolles Moisés:

‑"Se facedes isto que decides, se vos armades de forza diante do Señor para ir á batalla, 21e todos os vosos homes de guerra atravesan o Xordán diante do Señor, ata que dea expulsado ós seus inimigos da súa presenza, 22e todo o país fique sometido, e despois volvedes, entón ficaredes libres perante o Señor e perante Israel, e teredes esta terra en propiedade diante do Señor. 23Mais se non obrades así, pecaredes contra o Señor, e sabede que o voso pecado caerá sobre vós. 24Construídevos, pois, cidades para vosos fillos e currais para o voso rabaño, e facede o que acabades de prometer".

25Entón os fillos de Gad e os fillos de Rubén contestáronlle a Moisés:

‑"Os teus servos farán conforme o meu Señor ordena. 26Os nosos fillos, as nosas mulleres, os nosos rabaños e todo o noso gando ficarán aí, nas cidades de Galaad; 27mais os teus servos, cada un dos que está equipado para a batalla, irán á guerra diante do Señor, segundo o que o meu señor dispón".

28Entón Moisés deu orde acerca deles ó sacerdote Elazar, a Xosué, fillo de Nun, e ós xefes de familia das tribos israelitas. 29Díxolles Moisés:

‑"Se os fillos de Gad e os fillos de Rubén pasan convosco o Xordán, equipados todos para a guerra diante do Señor, e o país é sometido ante vós, darédeslles a terra de Galaad en posesión; 30mais se convosco non pasan equipados, terán a súa herdanza no medio de vós no país de Canaán".

31Os fillos de Gad e os fillos de Rubén contestaron:

‑"O que o Señor dixo ós teus servos, iso faremos. 32Nós pasaremos equipados diante do Señor ó país de Canaán, pero a nosa herdanza tocaranos na ribeira de acá do Xordán".

33Moisés deulles ós fillos de Gad e ós fillos de Rubén e a media tribo de Menaxés, fillo de Xosé, o reino de Sihón, rei dos amorreos, e o reino de Og, rei de Baxán, o país coas cidades incluídas dentro das súas fronteiras e as cidades do país situadas no contorno.

34Os fillos de Gad reedificaron Dibón, Atarot, Aroer, 35Atarot-Xofán, Iazer, Iogbohah, 36Bet-Nimrah e Bet-Harán, cidades fortificadas e currais para o gando menor. 37Os fillos de Rubén reedificaron Hexbón, Elalé, Quiriataim, 38Nebó e Baal-Meón, cambiándolles o nome, e Sibmah, e puxéronlles nomes novos ás cidades que reedificaron.

39Os fillos de Maquir, fillo de Menaxés, marcharon a Galaad e apoderáronse dela, botando ós amorreos que alí habitaban. 40Moisés deu Galaad a Maquir, fillo de Menaxés, que se estableceu nela. 41Iair, fillo de Menaxés, foi e apoderouse das aldeas deles, e chamounas Aldeas de Iair. 42Nóbah foi e apoderouse de Quenat e das súas aldeas do arredor, e chamounas Nóbah, conforme o seu nome.

 

 

 

CAPÍTULO 33

 

Resume das etapas da viaxe

 

1Estas son as etapas dos fillos de Israel, que saíron de Exipto por unidades militares baixo o mando de Moisés e Aharón. 2Moisés anotou por escrito os puntos de partida, etapa por etapa, por orde do Señor. Estas son as súas etapas conforme os seus puntos de partida. 3Partiron de Ramsés no primeiro mes, o día quince do mes primeiro. O día seguinte da Pascua saíron os fillos de Israel coa man levantada, ós ollos de todo Exipto, 4mentres os exipcios enterraban a todos os seus primoxénitos, que o Señor ferira de morte, como proba de que era máis poderoso cós seus deuses.

5Partiron, pois, os fillos de Israel de Ramsés, e acamparon en Succot. 6Partiron de Succot e acamparon en Etam, que está ó extremo do deserto. 7Partiron de Etam, e volveron polo camiño de Pihahirot ‑que está fronte a Baal-Sefón‑, e acamparon diante de Migdol. 8E saíron de Pihahirot, e atravesaron polo medio do mar de cara ó deserto; andaron o camiño de tres días no deserto de Etam e acamparon en Marah. 9Partiron de Marah, e chegaron a Elim, onde había doce fontes de auga e setenta palmeiras, e alí acamparon. 10Partiron de Elim, e acamparon na beira do Mar Rubio. 11Partiron do Mar Rubio, e acamparon no deserto de Sin. 12Partiron do deserto de Sin, e acamparon en Dofcah. 13Partiron de Dofcah, e acamparon en Alux. 14Partiron de Alux, e acamparon en Refidim, onde non había auga que beber para o pobo. 15Partiron de Refidim, e acamparon no deserto de Sinaí.

16Logo partiron do deserto de Sinaí e acamparon en Quibrot-ha-tavah. 17Partiron de Quibrot-ha-tavah e acamparon en Haserot. 18Partiron de Haserot e acamparon en Ritmah. 19Partiron de Ritmah, e acamparon en Rimón-Peres. 20Partiron de Rimón-Peres e acamparon en Libnah. 21Partiron de Libnah e acamparon en Rissah. 22Partiron de Rissah e acamparon en Quehelatah. 23Partiron de Quehelatah e acamparon no monte Xéfer. 24Partiron do monte Xéfer e acamparon en Haradah. 25Partiron de Haradah e acamparon en Maquelot. 26Partiron de Maquelot e acamparon en Táhat. 27Partiron de Táhat e acamparon en Térah. 28Partiron de Térah e acamparon en Mitcah. 29Partiron de Mitcah e acamparon en Hasmonah. 30Partiron de Hasmonah e acamparon en Moserot. 31Partiron de Moserot, e acamparon en Bene-Iacán. 32Partiron de Bene-Iacán e acamparon en Hor-ha-Guidgad. 33Partiron de Hor-ha-Guidgad e acamparon en Iotbatah. 34Partiron de Iotbatah, e acamparon en Abronah. 35Partiron de Abronah, e acamparon en Esion-Guéber. 36Partiron de Esion-Guéber e acamparon no deserto de Sin, isto é, Cadex. 37Partiron de Cadex e acamparon no monte Hor, na fronteira do país de Edom. 38O sacerdote Aharón subiu ó monte Hor por orde do Señor e alí morreu o ano corenta da saída dos fillos de Israel do país de Exipto, no mes quinto, a primeiros do mes. 39Aharón tiña cento vintetrés anos cando morreu sobre o monte Hor. 40Entón tivo noticia o rei cananeo de Arad, que moraba no Négueb, no país de Canaán, da chegada dos fillos de Israel.

41Partiron do monte Hor e acamparon en Salmonah. 42Partiron de Salmonah e acamparon en Funón. 43Partiron de Funón e acamparon en Obot. 44Partiron de Obot e acamparon en Lie-ha-Abarim, fronteira de Moab. 45Partiron de Lie-ha-Abarim, e acamparon en Dibon-Gad. 46Partiron de Dibon-Gad e acamparon en Almon-diblataim. 47Partiron de Almon-diblataim e acamparon nos montes de Abarim, de fronte de Nebó. 48Partiron dos montes de Abarim e acamparon nas planicies de Moab, xunto ó Xordán, de fronte de Iericó. 49Acamparon xunto ó Xordán desde Bet-ha-Ieximot ata Abel-ha-Xitim, nas planicies de Moab.

50O Señor díxolle a Moisés nas planicies de Moab, onda o Xordán, de fronte de Iericó: 51‑"Fálalles ós fillos de Israel: Cando pasedes o Xordán cara ó país de Canaán, 52expulsaredes de diante de vós a todos os habitantes do país; destruiredes todas as súas pedras esculpidas e todas as súas estatuas de metal fundido, e derrubaredes todos os seus altares. 53Tomaredes posesión do país e habitarédelo; a vós douvos o país como herdanza. 54Repartiredes o país por sorte, segundo as vosas familias: ó máis numeroso darédeslle herdade maior, e ó máis pequeno darédeslle unha herdanza máis pequena. Aquilo que lle toque en sorte a cada un, seu será; collerédelo en propiedade segundo as vosas tribos paternas. 55Pero se non expulsades de diante de vós ós moradores do país, acontecerá que os que deles ficaren serán para vós como espiñas nos vosos ollos e como lanzas nas illargas, e hanvos perseguir na terra onde habitedes; 56e o que pensei facerlles a eles, faréivolo a vós".

 

 

 

CAPÍTULO 34

 

As fronteiras da terra prometida

 

1Díxolle o Señor a Moisés:

 2‑"Ordénalles ós fillos de Israel: Cando entredes no país de Canaán, este será a terra que vos tocará en posesión: o país de Canaán conforme os seus límites. 3Polo sur pertenceravos desde o deserto de Sin, seguindo a fronteira de Edom; esta fronteira meridional partirá desde o extremo do Mar Morto polo abrente; 4logo dará un rodeo cara ó sur, pola subida de Acrabim, e baixará ata o Sin, e chegará ó sur de Cadex-Barnea; logo irá saír a Hasar-addar e pasará a Asmón. 5Logo a fronteira torcerá desde Asmón cara ó Torrente de Exipto e terminará no mar.

6Por fronteira occidental teredes o Mar Mediterráneo: esta será para vós a fronteira ó oeste.

7Por fronteira septentrional teredes a seguinte: desde o Mar Mediterráneo trazaredes unha liña ata o monte Hor; 8desde o monte Hor trazaredes unha liña ata a entrada de Hamat, indo saír a fronteira ata Sedad. 9Logo a fronteira conducirá a Zifrón, terminando en Hasarenán. Tal será para vós a fronteira septentrional.

10Logo trazaredes unha liña como fronteira oriental desde Hasar-enán cara a Xefam. 11A fronteira baixará desde Xefam ata Ha-Riblah, ó oriente de Ain, e seguirá baixando ata tocar a beira oriental do lago de Xenesaret; 12despois baixará a fronteira ata o Xordán, indo dar ó Mar Morto. Tal será para vós o país en todo o perímetro das súas fronteiras".

13Moisés ordenoulles entón ós fillos de Israel: ‑"Este é o país que tedes que vos repartir por sorte, e que o Señor mandou que se entregue para as nove tribos e media; 14pois a tribo dos fillos de Rubén, segundo as súas casas paternas, a tribo dos fillos de Gad, segundo as súas casas paternas e media tribo de Menaxés recibiron xa a súa herdade. 15As dúas tribos e media recibiron a súa herdanza alén do Xordán, de fronte de Iericó, para a banda do oriente".

16O Señor díxolle a Moisés: 17‑"Estes son os nomes dos homes que vos repartirán a terra: O sacerdote Elazar e Xosué, fillo de Nun. 18Colleredes, ademais, un príncipe por cada unha das tribos para facer as partillas das herdanzas da terra. 19Velaquí os nomes deses homes: pola tribo de Xudá, Caleb, fillo de Iefuneh; 20pola tribo dos fillos de Simeón, Samuel, fillo de Amihud; 21pola tribo de Benxamín, Elidad, fillo de Quislón; 22pola tribo dos fillos de Dan, un príncipe: Buquí, fillo de Ioglí; 23canto ós fillos de Xosé, pola tribo dos fillos de Menaxés, un príncipe: Haniel, fillo de Efod; 24e pola tribo dos fillos de Efraím, un príncipe: Quemuel, fillo de Xiftán; 25pola tribo dos fillos de Zebulón, un príncipe: Elisafán, fillo de Parnac; 26pola tribo dos fillos de Isacar, un príncipe: Paltiel, fillo de Azán; 27pola tribo dos fillos de Axer, un príncipe: Ahihud, fillo de Xelomí, 28e pola tribo dos fillos de Naftalí, un príncipe: Pedahel, fillo de Amihud". 29Tales son os que o Señor designou para repartiren en herdanza o país de Canaán entre os fillos de Israel.

 

 

 

CAPÍTULO 35

 

Cidades levíticas

 

1O Señor díxolle a Moisés nas planicies de Moab, na beira do Xordán, de fronte de Xericó: 2‑"Ordénalles ós fillos de Israel que da súa herdanza en propiedade lles dean ós levitas cidades para habitaren, e entregarédeslles tamén as terras de arredor. 3As cidades serviranlles de morada e as terras serán para o seu gando, a súa facenda e todos os seus animais. 4Esas terras das cidades que lles tedes de dar ós levitas desde a muralla da cidade para afora, terán mil cóbados en roda. 5Mediredes, pois, no exterior da cidade: pola parte de oriente, dous mil cóbados; pola parte meridional, dous mil cóbados; pola parte do occidente, dous mil cóbados; e pola parte setentrional, dous mil cóbados, ficando a cidade no centro. Estas serán as terras arredor das cidades. 6As cidades que tedes de dar ós levitas serán as seis cidades de asilo que estableceredes para que se refuxie alí o homicida; e, ademais delas, darédeslles corenta e dúas cidades. 7O total das cidades que tedes de dar ós levitas, será corenta e oito cidades, cada unha coas súas terras. 8As cidades que tedes de dar serán tomadas da propiedade dos fillos de Israel: de quen ten moito tomaredes moito, e de quen ten menos tomaredes menos; cada un dará das súas cidades para os levitas na proporción da herdanza que teña recibido".

 

Cidades de asilo

 

9Díxolle o Señor a Moisés: 10‑"Fálalles ós fillos de Israel: Cando deades pasado o Xordán cara o país de Canaán, 11escolleredes cidades que serán para vós cidades de asilo, e alá refuxiarase o homicida que mate a unha persoa sen querer. 12Estas cidades serviranvos de asilo contra o vingador do sangue, para que o homicida non morra antes de que sexa xulgado ante a comunidade. 13Reservaredes, pois, seis cidades de asilo: 14tres cidades do lado de alá do Xordán e outras tres na terra de Canaán. Serán cidades de asilo. 15Para os fillos de Israel, o estranxeiro e o que mora no medio de vós, esas seis cidades serán de asilo, para que alí se refuxie todo aquel que mate a unha persoa sen querer.

16Pero se o feriu con instrumento de ferro e o mata, é un homicida; o homicida terá que morrer sen remedio. 17Se o feriu con pedra tirada coa man, capaz de causar a morte, e mata, é un homicida; o homicida morrerá sen remedio. 18Se o feriu cun pau capaz de causar a morte, e mata, é un homicida; o homicida morrerá sen remedio. 19O vingador do sangue matará por si mesmo ó homicida; cando o encontre, matarao. 20Se alguén por odio derruba a outro ou por inimizade lanza algo contra el, e o mata, 21ou se por inimizade o fere coa súa man e morre, o agresor morrerá sen remedio; é un homicida. O vingador do sangue matará ó homicida cando o encontre.

22Pero se o derrubou por casualidade, sen odio, ou lanzou sobre el calquera cousa sen intención de lle facer dano; 23ou, sen o ver, lle deu cunha pedra capaz de causar a morte, e o mata, cando non o odiaba nin buscaba o seu dano, 24a asemblea do pobo xulgará entre o que feriu e o vingador do sangue, segundo estas leis. 25A comunidade librará ó homicida da man do vingador do sangue e conducirao á cidade de asilo, onde estea refuxiado. Habitará alí ata a morte do sumo sacerdote, unxido co santo óleo.

26Mais se o homicida sae do límite da súa cidade de asilo, onde está refuxiado, 27e o vingador do sangue o atopa fóra do límite da súa cidade de asilo, onde estaba refuxiado, e o mata, non será reo de sangue, 28porque o homicida debe habitar na súa cidade de asilo ata a morte do sumo sacerdote. Soamente despois de morrer este, poderá o homicida regresar á terra da súa propiedade. 29Estas disposicións constituirán para vós normas de dereito nas vosas sucesivas xeracións en todas as vosas moradas.

30Se alguén mata a unha persoa, daráselle morte, por declaración de testemuñas; pero unha soa testemuña non abondará para condenar unha persoa á morte. 31Non aceptaredes rescate pola vida dun homicida que é reo de morte, pois terá que morrer sen remedio. 32Tampouco aceptaredes rescate por quen se refuxiou na súa cidade de asilo, para que volva habitar no país, ata a morte do sacerdote. 33Non deixaredes profanar a terra na que vivides, porque o sangue profana a terra, e polo sangue derramado na terra non se pode facer expiación máis ca mediante o sangue de quen a verteu. 34Non profanaredes a terra na que habitades, e na que tamén estou eu, pois eu, o Señor, moro no medio dos fillos de Israel".

 

 

 

CAPÍTULO 36

 

Leis sobre o casamento das fillas herdeiras

 

1Os xefes das casas patriarcais da familia dos fillos de Galaad, fillo de Maquir, fillo de Menaxés, de entre as familias dos fillos de Xosé, aproximáronse, e tomando a palabra ante Moisés e os príncipes, xefes das casas patriarcais dos israelitas, 2dixeron: ‑"O Señor mandou ó meu señor que reparta por sorte a terra ós fillos de Israel. Tamén lle foi ordenado ó meu señor polo Señor que dese a herdanza do noso irmán Selofad ás súas fillas. 3Mais se elas casan con alguén doutra tribo dos fillos de Israel, o seu patrimonio será quitado do patrimonio dos nosos pais, e irá engadir a herdanza da tribo daqueles ós que elas pasan a pertencer, diminuíndo así o lote da nosa herdanza. 4E cando chegue o Xubileu para os fillos de Israel, a súa herdade agregarase á herdade da tribo daqueles ós que lles pertenzan, e virá así a quitarse da herdanza da tribo de nosos pais".

5Entón Moisés, por mandato do Señor, deu orde ós fillos de Israel: ‑"Din ben os da tribo dos fillos de Xosé. 6Velaquí o que ordenou o Señor para as fillas de Selofad: casarán con quen elas queiran, mais soamente con quen pertenza á familia da súa tribo. 7Así a herdanza dos de Israel non pasará dunha tribo a outra, senón que os israelitas quedarán ligados cada un á herdanza da súa tribo paterna. 8E toda filla que herde patrimonio nunha tribo dos fillos de Israel, terá de casar con alguén que pertenza á familia da tribo de seu pai, a fin de que os israelitas manteñan cada un a posesión da súa herdanza paterna, 9e non pase a herdanza dunha tribo a outra, para que as tribos dos fillos de Israel estean vinculadas con cadansúa herdanza.

10Tal e como lle ordenou o Señor a Moisés, así fixeron as fillas de Selofad: 11Mahlah, Tirsah, Hoglah, Milcah e Noah, fillas de Selofad, casaron con fillos dos seus tíos. 12Casaron dentro das familias dos fillos de Menaxés, fillo de Xosé, e a herdade delas ficou na tribo da familia de seu pai.

13Estes son os preceptos e leis que prescribiu o Señor por medio de Moisés ós fillos de Israel nas planicies de Moab, xunto ó Xordán, de fronte a Xericó.