Capítulos 1 - 3

Capítulo 1

 

1Palabra do Señor dirixida a Sofonías, fillo de Cuxí, fillo de Guedalías, fillo de Amarías, fillo de Ezequías, no tempo de Ioxías, fillo de Amón, rei de Xudá.

 

 

I. O DÍA DO SEÑOR

 

O xuízo do Señor contra o mundo

 

2Vou acabar con todo, borrareino da face da terra

‑é o Señor quen fala‑.

3Vou acabar co home e co animal,

vou acabar co paxaro do ceo e co peixe do mar

e coas cousas que fan descamiñar ós malvados.

Si, vou arrincar o home da face da terra

‑é o Señor quen fala‑.

 

O xuízo do Señor contra Xudá e Xerusalén

 

4Vou estender a miña man contra Xudá

e contra todos os habitantes de Xerusalén.

Vou arrincar deste santuario todo o que queda de Baal,

e o nome dos seus ministros, xunto cos sacerdotes:

5ós que se prostran nos tellados adorando ó exército do ceo,

ós que se prostran xurando por Iavé

e ó mesmo tempo xuran polo seu rei;

6ós que deixan de seguir o Señor

e non buscan o Señor nin o procuran.

7¡Silencio ante a presenza do meu Señor, Deus!

Está preto o día do Señor.

Si, xa preparou o Señor o sacrificio, xa consagrou os invitados.

 

8O día dos sacrificios do Señor sucederá

que eu lles pedirei contas ós ministros e ós fillos do rei

e a todos os que se visten con vestidos estranxeiros.

9Pedireilles contas no día aquel a todos os que saltan ó estrado

ós que enchen de violencia e engano as casas dos seus señores.

 

10Sucederá o día aquel ‑é o Señor quen fala‑:

Un fragor de berros de auxilio que sae da Porta dos Peixes;

un ruído de lamentos que vén da Vila Nova;

un estrondo de derrubamento que vén dos outeiros.

11Lamentaranse os habitantes da Canteira,

porque quedou en silencio o fato dos mercadores,

desapareceron todos os pesadores de prata.

12Sucederá naquela hora:

Pescudarei a Xerusalén con lámpadas,

pedireilles contas ós homes

satisfeitos polos froitos que producen,

dicindo nos seus corazóns:

"O Señor nin fai ben nin fai mal".

13Certo, as súas riquezas serán para botín

e as súas casas para o arrasamento.

Si, construirán casas, pero non as habitarán,

plantarán viñas, pero non beberán o seu viño.

 

Tremede, que o día do Señor está cerca

 

14Está cerca o grande día do Señor, próximo e a caer.

Amargo é o día do Señor, berra de medo o mesmo guerreiro.

15Día de furor será o día aquel, día de angustia e apuros,

día de desastre e desolación, día de tebras e escuridade,

día de nubes e trebóns,

16día de toques de corno e gritos de guerra,

contra as altas fortalezas, e contra as torres ergueitas.

 

17Provocarei angustias na xente e camiñarán coma cegos,

porque pecaron contra o Señor.

O seu sangue será estendido coma o po,

e as súas entrañas coma o esterco.

18Non os salvarán nin a súa prata nin o seu ouro.

No día da ira do Señor, co incendio do seu celo,

toda a terra será devorada:

vai facer o exterminio ‑¡que terrible!‑ de todos os habitantes da terra.

 

Conclusión: buscade o Señor, para estar protexidos no día da súa ira

 

Capítulo 2

 

1Póndevos de acordo, xuntádevos, pobo que non se anima,

2antes de que o furor dese día se estenda coma a muíña,

antes de que veña sobre vós o ardor da ira do Señor,

antes de que veña sobre vós o día da ira do Señor.

3Buscade o Señor, todos os pobres do país, que cumpristes os seus decretos,

buscade a xustiza, buscade a   humildade.

Quizais poidades escondervos no día da ira do Señor.

 

 

II. XUÍZO DO SEÑOR, CONTRA AS NACIÓNS DO MAR

 

4Si, Gaza quedará abandonada, e Axquelón ficará arrasado.

A Axdod expulsarano á luz do mediodía, e Ecrón será arrincado de raíz.

5Ai de vós, habitantes da beira do mar, pobo dos cretenses,

a palabra do Señor vai contra vós, cananeos;

país dos filisteos, si, voute arrasar

ata que non quede habitante.

6A beira do mar será lugar de festa para os pastores e cercado para os rabaños.

7Si, a beira do mar será para o resto da casa de Xudá.

Eles levarán a pastar á beira do mar,

e pola noite deitaranse nas casas de Axquelón,

cando os visite o Señor, o seu Deus, e os faga volver da súa catividade.

 

Contra as nacións do nacente

 

8Escoitei os insultos de Moab e os desprezos cos que os fillos de Amón

insultaron ó meu pobo, eles que se engrandeceron a costa das miñas fronteiras.

9Por isto, pola miña vida ‑oráculo do Señor dos Exércitos, Deus de Israel‑

xuro que Moab se volverá coma Sodoma, e os fillos de Amón coma Gomorra:

campo de silvas, pozo de sal e desolación para sempre.

O resto do meu pobo saquearaos, os que queden da miña nación herdaranos.

10Isto aconteceralles en paga pola súa soberbia,

por insultaren e se engrandeceren

á costa do pobo do Señor dos Exércitos.

11O Señor será terrible contra eles,

pois El debilita o poder de todos os deuses da terra,

e todas as nacións da costa, cada unha desde o seu sitio,

prostraranse en adoración diante del.

 

Contra as do sur: Nubia

 

12Tamén, vós, cuxitas, seredes acoitelados coa miña espada terrible.

 

Contra as do norte

 

13Si, El estenderá a súa man contra o norte, e destruirá Asiria,

converterá Nínive nunha desolación, nun sequeiro coma o deserto.

14No medio dela deitaranse os rabaños, os outros animais e maila xente.

Tanto o pelicano coma o moucho pasarán a noite nos seus capiteis.

O ruído pasa polas fiestras, a calor pola porta de entrada,

pois quedou destruída a madeirame de cedro.

15¿É esta a cidade ledamente ruidosa, a que reinaba na seguridade,

e que dicía no seu corazón: "Eu e ninguén máis"?

¿Como se volveu unha desolación, cubil de feras?

Todo o que pase por medio dela asubiará e axitará a súa man.

 

Contra a cidade rebelde: Xerusalén

 

Capítulo 3

 

1¡Ai da cidade opresora! É rebelde e está manchada.

2Non fai caso da chamada, non aprende a lección co castigo.

Non ten confianza no Señor, non se arrima ó seu Deus.

3Os seus xefes no medio dela son leóns que berran.

Os seis xuíces son lobos do serán que nin deixan os ósos para a  mañá.

4Os seus profetas son fonchos e homes   de traizón,

os seus sacerdotes profanan o santuario  e violan a lei.

5O Señor en cambio, é xusto, non    comete nela inxustizas.

Mañá tras mañá dá a súa xusta sentencia,

e ó romper o día non falta,

pero os malvados non coñecen a vergonza.

 

Conclusión: a lección do xuízo do Señor

 

6Acabei coas nacións, as súas fortalezas quedaron arrasadas,

destruín as súas rúas, sen que ninguén pase por elas,

as súas cidades quedaron destruídas,   sen ninguén, sen teren habitantes.

7Pensei: "Certo, ti respectarasme, e aprenderás a lección:

non desaparecerán do seu ollo todos os castigos que che inflixín".

Pero, ó contrario, madrugaron para perverter todas as súas accións.

8Por isto, esperádeme ‑é o Señor quen fala‑ no día que me levante  para a sentencia,

que a miña sentencia será: reunir as nacións e xuntar os reinos

para verter sobre eles a miña ira, todo o ardor da miña carraxe.

Si, co incendio do meu celo toda a terra será consumida.

 

 

III. PROMESAS SALVÍFICAS: UN POBO POBRE E HUMILDE DARALLE CULTO AO SEÑOR

 

9Daquela, certo, eu volverei puros os labios do meu pobo

para que todos eles invoquen o nome do Señor,

dándolle culto cun esforzo unánime.

10Desde o outro lado dos ríos de Cux, os meus adoradores,

a miña casa dispersa, traerán para min as ofrendas.

11No día aquel non te avergonzarás de ningún dos feitos cos que me ofendiches,

porque entón eu farei que non te alegres do teu orgullo,

e non volverás a ser arrogante no meu monte santo.

12Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde,

e no Nome do Señor terá o seu refuxio 13o resto de Israel.

Non farán maldades nin dirán   mentiras;

non se atopará na súa boca lingua mentireira.

Si, eles pacerán e deitaranse sen que ninguén os espante.

 

Xúbilo de Xerusalén polo Señor, o seu Rei

 

14Exulta, filla de Sión; berra leda, Israel,

alégrate e relouca con todo o corazón, filla de Xerusalén.

 

15O Señor retirou o teu castigo, botou para atrás os teus inimigos.

O Señor será o rei de Israel no medio de ti, non volverás a ter medo da desgraza.

16No día aquel diráselle a Xerusalén:

Non teñas medo, Sión, que as túas mans non afrouxen.

17O Señor, o teu Deus, está no medio de ti, é un heroe que salva.

El salta de alegría por ti, embrúxate co seu amor,

dá brincos de alegría por ti.

 

18Eu aparteite da asemblea festiva; retirei de ti o seu ¡Ai!;

o oprobio que pesa sobre esas  asembleas.

19Velaí o que eu lles vou facer ós teus inimigos naquel intre:

vou salvar a ovella coxa e recadar a descarreirada,

convertereinas en loanza e renome en todo o país,

onde sentiron vergonza.

20No intre aquel traereivos, cando vos teña xuntados.

Certo que vos converterei en renome e loanza

entre todos os pobos da terra,

cando eu vos cambie a sorte ante os vosos propios ollos

‑díxoo o Señor‑.