Capítulos 6-10

Capítulo 6

 

1Vinde e volvámonos ó Señor.

É El quen nos desgarra e quen nos curará,

quen nos fere, e nos vendará,

2faranos revivir despois de dous días,

ó terceiro día restableceranos, e viviremos felices na súa presenza.

3Nisto recoñecerémolo.

Esforcémonos por coñecer o Señor:

a súa irrupción é segura coma a alba.

Viranos á terra certamente unha chuvia forte,

si, a chuvia da primavera

e a chuvia do outono.

 

4¿Que che vou facer, Efraím? ¿Que che vou facer, Xudá?

O voso amor é coma a nube da mañá,

coma o orballo da madrugada, que pasa.

5Por isto ferín co meu terrible oráculo,

matei coas palabras da miña boca,

e a miña sentencia brilla coma o sol,

6pois quero amor, e non sacrificios,

prefiro o coñecemento de Deus ós holocaustos.

 

7Pero velaí: pisaron coma a terra a miña Alianza,

e traizoáronme.

8Galaad é unha cidade de malfeitores con pisadas de sangue.

 

9Como espreita unha banda de bandidos,

así é a comunidade dos sacerdotes,

asasinan polo camiño que vai a Xequem.

¡Que maldades cometen!

 

10Na casa de Israel vin cousas horribles:

Velaí a prostitución de Efraím,

emporcállase Israel.

11Tamén para ti, Xudá, está preparada a seitura.

 

 

XUÍZO SOBRE A HISTORIA CONTEMPORÁNEA

 

Introdución: os golpes de estado

 

Cando eu queira cambiar a sorte do meu pobo,

 

Capítulo 7

 

1cando eu queira curar a Israel,

entón revelarase a culpa de Efraím

a ruindade de Samaría,

pois practican a falsidade.

O ladrón entra dentro,

a banda dos malfeitores vaga pola rúa.

2Non miran para os seus adentros,

que eu me lembro de toda a súa maldade.

Agora as súas accións téñenos envoltos,

e están diante do meu rostro.

3Coa súa maldade alegran ó rei

e coas súas falsidades ós xefes.

4Todos eles son dados ó adulterio,

eles son coma un forno que arde,

no que o panadeiro deixa de o atizar,

desde que se fai a masa

ata que leveda.

5De día os reis enferman de repente,

os xefes teñen a quentura do viño,

e danlles a súa man incluso ós bandidos.

6Si, levan dentro de si coma un forno,

pois o seu corazón está na trama.

Toda a noite dorme a súa paixón;

pola mañá está ardendo coma un lume en labarada.

7Todos eles arden coma un forno,

para devorar os seus soberanos,

caen todos os seus reis,

sen haber entre eles quen acuda a min.

 

A actitude de alianzas políticas de Efraím

 

8Efraím está entre as nacións, mestúrase con elas.

Efraím é un freixó, ó que non se lle deu a volta.

9Estranxeiros devoran a súa forza, e el non se dá de conta.

Xa lle veñen pouco a pouco as canas, e el non se dá conta.

10A soberbia de Israel testemuña contra el mesmo,

pero non se volveu ó Señor, o seu Deus, nin o busca coa súa conversión.

11Efraím é coma unha pomba, que se deixa seducir, sen xuízo:

chaman ás portas de Exipto, corren a Asiria.

12Así que se vaian, eu estenderei sobre eles a miña rede;

coma os paxaros do ceo, fareinos baixar,

castigareinos conforme ó anuncio feito na súa asemblea.

13¡Ai deles! Pois fuxiron de onda min.

¡Desgraza para eles! Pois rebeláronse contra min.

Si, eu debería rescatalos, pero eles falaron contra min falsidades

14e non clamaron cara a min desde o seu corazón, cando se lamentaban nos seus leitos.

Fixéronse clientes de Dagán e de Tirox, e apartáronse de min,

15aínda que eu os instruín,

fortalecinlles os seus brazos,

mentres maquinaban o mal contra min.

16Volvéronse ó que non é Altísimo, e foron coma un arco falso.

Caeron á espada os seus xefes, por culpa da maldición da súa lingua.

Isto é a súa burla, que trouxeron de Exipto.

 

Xuízo sobre Israel e a súa política

 

Capítulo 8

 

1¡Fai da túa boca unha trompeta: unha aguia está sobre a casa do Señor!

Porque transgrediron a miña Alianza e reviráronse contra a miña lei.

2A min claman eles: "¡Deus de Israel, nós recoñecémoste!"

3Israel rexeitou ó Bo, seguiron ó inimigo.

4Eles constituíron reis, pero sen contar comigo,

constitúen xefes, pero non os recoñezo.

Da súa prata e do seu ouro fixeron ídolos,

para se aniquilaren eles mesmos.

5Certo que rexeitei o becerro de Samaría,

a miña ira arde contra eles.

¿Ata que día serán incapaces da pureza?

6Si, é cousa que veu de Israel:

faino un artista, por iso non é Deus;

en anacos será convertido o becerro de Samaría.

7Abofé, sementan vento e recollen tempestades.

 

Xuízo sobre Efraím e o seu rei Oseas

 

A anada non ten froito, non produce gran,

se producise algún, devoraríano estranxeiros.

8Devoran a Israel:

agora está entre os pobos coma un obxecto sen valor.

9Velaí  soben a Asiria;

Efraím é un asno salvaxe: non é fecundo,

pero dánselle os amoríos.

10Si, dánselle ben os amoríos coas nacións,

pero vouno agarrar: retorcerase algún tempo

baixo o peso do rei de príncipes.

11Si, Efraím multiplicou os seus altares para arrepentirse,

pero os altares servíronlle para pecar.

12Escríbolles con abundancia as miñas leis,

e considéranas coma cousa allea.

13Ofrecen sacrificios, por amor a min e comen a súa carne,

pero o Señor non se comprace neles.

Agora El lembra as súas culpas

e castiga os seus pecados.

Si, teñen que volver a Exipto.

14Israel esqueceu o seu Creador

e construíu palacios.

Xudá multiplicou as cidades nas alturas.

Pero eu mando lume contra as súas cidades,

que devorará os seus palacios.

 

O reinado do efraimita Oseas

 

Capítulo 9

 

1¡Non te alegres, Israel!

¡Non brinques de xúbilo, meu pobo!

Pois prostituícheste apartándote do teu Deus,

e amaches a paga da prostituta,

sobre todas as eiras de Dagán,

2sobre a eira e o lagar de quen non é forte.

O tronante e cambaleante Tirox está entronizado en Israel,

3pero non reinará no país do Señor.

Por isto Efraím terá que volver a Exipto,

e en Asiria terán que comer alimentos impuros.

 

4Non ofrendaron ó Señor libación do seu viño,

nin lle presentaron os seus sacrificios.

Terá un pan de loito; todos os que o comen se volverán impuros.

Pois o seu pan servirá para as súas gorxas,

pero non entrará na casa do Señor.

5¿Que prepararedes para o día da xuntanza,

para o día da festa do Señor?

6Aínda que queiran escapar da ruína,

xuntaraos Exipto, enterraraos Menfis.

Aínda que a prata lles resulta cousa preciosa,

as estrugas recibirana en herdanza

e as silvas medran nas súas tendas.

 

7¡Chegaron os días das contas,

chegaron os días do desquite. Sábeo ti, Israel.

O profeta está tolo, o home do espírito delira.

Polo enorme da túa iniquidade,

e por multiplicarse a túa hostilidade,

8é o profeta, a sentinela de Efraím, quen está con Deus:

(cos seus oráculos) fanlle trampa ó comportamento de Efraím,

pon hostilidades no templo da súa divindade.

9Corrompéronse profundamente coma nos días de Guibah

pero (o Señor) lembra a súa iniquidade

e pídelles contas dos seus pecados.

 

10Coma un bacelo no deserto atopei eu a Israel,

coma o primeiro figo maduro da figueira, vin eu os seus pais.

Pero eles foron a Baal-Peor, e consagráronse á Vergonza,

e volvéronse tan abominables coma o que eles amaban.

11Efraím é coma un paxaro, desaparecerá voando a gloria

do seu parto, da súa matriz e da súa preñez.

12Aínda que críen ós seus fillos, eu privareinos de homes.

Si, ¡ai deles! cando eu deles me aparte.

13Vin a Efraím marchar xunto á concubina instalada no campo,

pero así entregará os seus fillos ós asasinos.

14¡Dálles, Señor! ¿Que lles vas dar?

Dálles úteros sen fillos e peitos enxoitos.

 

15Toda a súa maldade vén desde Guilgal, desde entón aborrecino,

pola maldade das súas accións boteinos da miña casa,

non os volverei amar, pois todos os seus xefes son rebeldes.

16Efraím está ferido, a súa raíz está reseca, sen froito;

aínda que dea a luz, farei morrer o froito querido das súas entrañas.

17O meu Deus rexéitaos, pois non lle fixeron caso,

e por isto andarán escapados entre as nacións.

 

Efraím e Israel xuntan os seus crimes: perecerá o rei de Israel

 

Capítulo 10

 

1Israel está regada coma un bacelo, madúralle o froito;

igual que a chuvia cae sobre o seu froito, así multiplica el os altares;

como as precipitacións caen sobre a súa terra, así mellora el as estelas.

2O seu entendemento está morto; están perdidos.

O Señor mesmo vai descabezar os seus altares,

vai arrasar as súas estelas.

3Si, agora xa poden dicir: "Non temos rei, pois non respectamos o Señor.

E o rei, ¿que pode facer en favor noso?"

4Si, falan cousas, fan xuramentos en falso, conclúen alianzas,

medran os preitos coma a herba velenosa nos sucos do campo.

5Os habitantes de Samaría estremécense, por mor do becerro de Bet-Aven,

pois por el fai lamentación o seu pobo,

por el fan lamentación os seus sacerdotes,

envorcállanse pola riqueza do becerro

que marchou ó desterro, lonxe del.

6Tamén o levarán a Asiria, coma tributo para o gran rei.

Efraím recollerá a vergonza, e Israel avergonzarase do seu plano.

7Desaparecerá Samaría, o seu rei será coma escuma sobre a auga

8e serán destruídos os outeiros da iniquidade, o pecado de Israel.

Cardos e silvas medrarán sobre os seus altares;

entón diranlles ás montañas: "Esmagádenos",

e ós outeiros: "Caede sobre nós".

 

9Desde os días de Guibah pecaches, Israel; permaneciches no pecado.

De certo, a guerra collerate en Guibah.

10Cando eu desexe mal contra os fillos da Maldade, fareinos desaparecer,

e xuntaranse os pobos contra eles, porque xuntaron os seus dous crimes.

11Efraím é unha xovenca amansada, á que lle gusta trillar,

por isto eu póñolle o xugo por riba e xungo o seu fermoso pescozo;

Efraím xunguida, Xudá ara, ¡oh, Xacob!

12Sementade para vós conforme a xustiza,

recollede segundo a fidelidade á Alianza.

Decruade para vós a anovada,

si, e tamén un suco para buscar o Señor,

ata que veña e teñades a chuvia ó seu tempo.

13Arastes a maldade, recollestes a iniquidade,

e comestes o froito da falsidade.

Por poñeres a confianza no teu poder,

na multitude dos teus valentes soldados,

14un clamor levántase contra a fortaleza

e todos os teus fortes son arrasados,

o mesmo que Xalmán arrasou a Bet-Arbel,

o día da batalla, cando estrelaron a nai contra os seus fillos.

15Así farán convosco, Betel,

por culpa das vosas enormes maldades:

A alba perecerá aniquilado o rei de Israel.