Capítulos 16-20

A vida do profeta é sinal do castigo

 

Capítulo 16

 

1Recibín a palabra do Señor, que me dixo:

2‑Non cases con muller deste lugar,

nin teñas fillos nin fillas neste lugar,

3porque deste xeito lles fala o Señor ós fillos e fillas

nados neste lugar,

ás nais que os pariron, e ós pais que os xeraron neste país:

4Morrerán da morte máis adoecida,

non serán chorados nin sepultados,

quedarán de esterco na terra,

perecerán a espada e de fame;

os seus cadáveres servirán de comida

ós paxaros do ceo e ós animais de debaixo da terra.

5O Señor fala deste xeito:

‑Non entres en casa onde se faga o banquete do enterro,

nin vaias formar parte do dó,

non lles deas o pésame,

pois eu retiro deste pobo a miña paz

‑é o Señor quen fala‑; retiro a miña fidelidade e misericordia.

6Morrerán grandes e pequenos neste país,

non se enterrarán nin se fará dó por eles,

non se farán incisións nin raparán o pelo por eles.

7Non haberá quen comparta con eles a tristeza,

non haberá quen console por un morto,

non haberá quen lles dea a beber a copa da consolación

polo pai ou pola nai.

 

8Ti non entres na taberna para facelos deixar de comer e beber.

9Así fala o Señor omnipotente, o Deus de Israel:

‑Velaquí que eu estou facendo desaparecer deste lugar,

ós vosos ollos e nos vosos días,

o canto da alegría e as cantigas de ledicia,

o canto do esposo e a voz da esposa.

 

10Cando lle anuncies a este pobo todos estes oráculos, hanche dicir:

"¿Por que decretou o Señor contra nós

toda esta enorme calamidade?

¿Cal é a nosa culpa? ¿Cal é o noso pecado,

o que cometemos contra o Señor, o noso Deus?"

11Ti responderaslles:

"Porque vosos pais me abandonaron a min ‑é o Señor quen fala‑

para iren tras deuses alleos, dándolles culto e adorándoos;

si, abandonáronme a min e non cumpriron a miña lei.

12E vós obrastes peor ca vosos pais,

pois cada un de vós segue os apetitos do seu perverso corazón,

sen me facer caso a min.

13Por isto heivos botar desta terra para outro país,

que nin coñecedes vós nin vosos pais;

alí adoraredes, día e noite, os deuses alleos,

porque eu non vos concederei favor ningún".

 

Oráculo salvífico: volta dos desterrados ó país

 

14Certo, velaquí veñen os días ‑é o Señor quen fala‑

en que xa non se dirá:

"Vive o Señor, que sacou os israelitas da terra de Exipto".

15Senón que se dirá:

"Vive o Señor, que sacou os israelitas do país do norte,

e de todas as terras a onde os dispersara".

E fareinos volver á terra deles,

á terra que lles dei a seus pais.

 

Purificación do país cos invasores

 

16Velaquí, eu mando moitos pescadores,

para que os pesquen ‑é o Señor quen fala‑;

e despois mandarei moitos cazadores,

para que os cacen por todos os montes e por todos os outeiros,

e polas fendeduras das penas.

17Os meus ollos están sobre o seu comportamento,

que non ten reparo da miña presenza,

e a súa iniquidade non se agacha diante dos meus ollos.

18Saldarei por primeira e segunda vez a súa iniquidade e mais o seu pecado,

porque profanaron a miña terra cos cadáveres das súas abominacións

e coas súas execracións encheron a miña herdanza.

 

Himno ó Señor: a corrección dos xentís

 

19Señor, ti es a miña forza e o meu refuxio,

ti es o lugar seguro para os días de aflición.

A ti virán os xentís, desde o cabo da terra e diranche:

"Lerias son o que herdaron os nosos pais,

deuses vans, que de nada lles servían".

20¿Pode, acaso, o home facer para si os deuses?

Pero estes non son deuses.

21Por isto, ollade o que eu lles mostro esta vez:

eu móstrolles o meu poder e mais a miña forza,

e saberán que o meu nome é "Iavé".

 

O pecado de Xudá é xa vello, pero será castigado co desterro

 

Capítulo 17

 

1O pecado de Xudá está escrito cun punteiro de ferro,

cunha punta de diamante está ben gravado na táboa do seu corazón,

e nos cornos dos vosos altares.

2Os fillos lembraranse dos seus altares e das súas estelas,

seguirán correndo polo agro onda as árbores frondosas,

onda os altos outeiros.

3As túas riquezas e todos os teus tesouros entregareinos ó saqueo;

polo teu pecar, sairás dos teus altos e dos teus lindeiros;

4e pola túa propia culpa, sairás da túa herdanza, a que eu che dei.

Fareite servo dos teus inimigos, nun país que non coñecías,

pois o lume acéndese na miña cara,

e arde para sempre.

 

 

TEXTOS  SAPIENCIAIS

I. A confianza no home e a confianza en Deus

 

5Así fala o Señor:

‑Maldito o home que confía no home:

pon a súa forza na carne, e retira do Señor o seu corazón.

6Será coma un cardo no ermo, non verá vir a fartura;

habitará nas pedras do deserto, terra salobre e inhabitable.

7Bendito o home que confía en Deus:

a súa esperanza é o Señor.

8Será coma unha árbore transplantada xunto á auga,

que bota as súas raíces para o regueiro;

non notará cando veña a seca,

e a súa follaxe estará frondosa;

nos anos de seca non terá preocupacións,

pois non deixará de dar froito.

 

II. Soamente Deus coñece as intencións e os sentimentos

 

9O máis persoal e propio de todo é o corazón;

é o máis íntimo: ¿quen o coñecerá?

10Eu, o Señor, son quen escruto as intencións,

quen examina os sentimentos,

para lle dar a cada un conforme o seu comportamento,

conforme o froito das súas obras.

 

III. As riquezas inxustas abandonarán o home

 

11O macho da perdiz choca o ovo que non puxo,

o mesmo é quen xunta riquezas, pero non con xustiza;

á metade da súa vida abandónano, e ó final queda coma un parvo.

 

O Señor é a única fonte de esperanza

 

12O trono da gloria é a montaña primordial,

o sitio do noso santuario.

13Ti, Señor, es a esperanza de Israel:

todos os que te abandonan, hanse avergonzar;

a min foime dito que todos estes se han escribir debaixo da terra,

porque deixaron a fonte das augas da vida: o Señor.

 

Oración de súplica e imprecación

 

14Sándame, Señor, e quedarei san,

sálvame e quedarei salvo:

para ti é a miña loanza.

15Velaquí que eles me están a dicir:

¿Onde está a palabra do Señor? ¡Que se cumpra!

16Pero eu, si, apureime a correr tras de ti por mor da desgraza,

eu desexei para min días tranquilos.

Ti sábelo ben:

a manifestación dos meus labios está ante a túa cara.

17Non me deas un susto,

ti, o meu amparo no día da desgraza.

18Que se avergoncen os que me perseguen, e non me avergonce eu,

que se espavorezan eles e non me espavoreza eu.

Fai que veña contra eles o día da desgraza,

quebrántaos con dobre quebranto.

 

Gardar o descanso sabático é condición para a salvación de Xudá

 

19O Señor faloume deste xeito:

‑Vai e ponte na porta dos Fillos do pobo, por onde entran e saen os reis de Xudá, e en todas as portas de Xerusalén. 20Dilles: Escoitade a palabra do Señor, reis de Xudá, todo Xudá, e todos os habitantes de Xerusalén que entrades por estas portas. 21Así fala o Señor: Pola vosa vida, gardádevos de levar cargas no sábado e de metelas polas portas de Xerusalén. 22Non saquedes cargas das vosas casas o sábado, nin fagades ningún traballo; máis ben santificade o día do sábado conforme lles mandei ós vosos pais. 23Pero non escoitaron nin prestaron atención, senón que endureceron a súa testa, obstináronse na desobediencia e en non aprender.

24En cambio se me facedes caso ‑é o Señor quen fala‑, non metendo cargas polas portas desta cidade no sábado, e santificando o sábado sen facer durante el ningún traballo, 25entón entrarán polas portas desta cidade os reis e príncipes, que sentan no trono de David, montados en carros e cabalos, acompañados dos seus oficiais, e mais a xente de Xudá e os habitantes de Xerusalén; e esta cidade durará para sempre. 26Virán das cidades de Xudá e dos arredores de Xerusalén, da terra de Benxamín, da Xefelah, da Montaña e do Négueb, traendo holocaustos, sacrificios, ofrendas e incenso, e eles serán os que ofrezan a acción de grazas no templo do Señor. 27Pero se non me facedes caso nisto de santificar o sábado e de non levar cargas e metelas polas portas de Xerusalén en sábado, entón prendereilles lume ás portas de Xerusalén, lume que consumirá os seus palacios e non se apagará.

 

Parábola do oleiro

 

Capítulo 18

 

1Esta é a orde que recibiu Xeremías da parte do Señor:

2‑Anda, baixa ó taller do oleiro, pois alí che comunicarei as miñas palabras.

3Eu baixei ó taller do oleiro e vin que estaba no torno co seu traballo. 4Cando ó oleiro lle saía mal o cacharro que estaba facendo, co barro que tiña na súa man transformábao noutro cacharro distinto, segundo lle parecía que o barro servía mellor.

5Veume de novo a palabra do Señor nestes termos:

6‑¿Acaso non serei eu capaz de facervos a vós, casa de Israel, como fai este oleiro? ‑é o Señor quen fala‑. Como está o barro na man do oleiro, así estades vós na miña man, casa de Israel. 7De pronto falo contra un pobo e contra un reino, de arrincalo, arrasalo e destruílo; 8pero, se este pobo contra quen eu falei se volve da súa iniquidade, eu arrepíntome do mal que pensei facerlle. 9E de repente fálolle ó pobo e ó reino de edificalo e plantalo.

10Pero se comete a iniquidade ós meus ollos, non facendo caso da miña chamada, entón arrepíntome do ben con que falei de o favorecer.

11E agora fálolles ós xudeus e ós veciños de Xerusalén:

Así fala o Señor:

‑Ollade, eu son o oleiro e estou dándolle forma a un desastre contra vós,

estou maquinando algo contra vós.

Volvédevos, por favor, cada un do seu camiño de maldade,

mellorade o voso comportamento e as vosas obras.

12Pero eles din: ‑¡Fóra! Seguiremos as nosas ideas,

cada un de nós obrará conforme o seu corazón obstinado na maldade.

 

Comportamento relixioso e castigo

 

13Por iso, así fala o Señor:

‑Preguntádelles ós pagáns: ¿quen oíu tales cousas coma estas?

Sen vergoña se espiu a virxe de Israel.

14¿Deixa o Poderoso de ser Rocha?

¿Deixa a neve o Líbano?

¿Minguan as augas alleas? ¿Minguan as fontes que corren?

15¡Como se esquece de min o meu pobo,

como ofrece incenso a Nada,

como tropeza nos seus camiños,

para camiñar por corredoiras, por carreiros sen construír,

16convertendo así a súa terra nunha desolación,

nun  noxo para sempre!

Todo o que a atravese quedará pasmado,

daralle á cabeza para un lado e para outro.

17Coma cun aire soán heinos esparexer na presenza dos inimigos;

vereilles as costas, non a cara, o día da súa desgraza.

 

Atentado contra Xeremías, lamentación e imprecación

 

18Eles dixeron:

‑Ollade, tramemos plans contra Xeremías,

pois a Lei non lle faltará ó sacerdote,

nin o consello lle faltará ó sabio,

nin a palabra ó profeta;

vinde, castiguémolo pola súa lingua,

e non fagamos caso das súas verbas.

19‑Aténdeme, Señor,

escoita a voz dos meus inimigos.

20¿Págase, acaso, mal por ben?

Velaquí que cavaron para min un pozo.

Lémbrate de que estiven ante ti,

para falar ben a favor deles,

para apartar deles o teu noxo.

21Por iso, entrega os seus fillos á fame,

fainos desangrar coa forza da espada;

queden as súas mulleres sen fillos e viúvas,

sexan os seus homes mortos pola peste,

os seus mozos feridos con espada na guerra.

22Que se oian saír das súas casas os berros,

cando de repente traias contra eles bandas de asasinos,

porque cavaron un pozo para collerme

e esconderon alí trampas para os meus pés.

23Pero ti, Señor, coñeces ben todos os seus plans de morte contra min:

non lles perdoes a súa iniquidade;

o seu pecado non o borres da túa presenza.

Sexan eles quen tropecen e caian ante ti;

na hora da túa ira actúa contra eles.

 

Xeremías, cunha ola na man, vai denunciar o culto idolátrico ó Val de Ben Hinnom

 

Capítulo 19

 

1O Señor falou deste xeito:

‑Vai, mércalle unha ola a un oleiro, e toma contigo algún dos vellos do pobo e algún dos vellos sacerdotes. 2Logo saes para o Val de Ben Hinnom, que está onda a porta das Telleiras, e pregoa alí as palabras que eu che direi. 3Dilles: ¡Escoitade a palabra do Señor, reis de Xudá e veciños de Xerusalén! Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

"Velaquí que eu estou a traer contra este lugar unha tal desgraza que a quen a oia retumbaranlle os oídos, 4xa que me abandonaron a min e volveron estraño este lugar, queimando nel sacrificios a deuses alleos, que nin coñeceron eles nin seus pais nin os reis de Xudá, enchendo este lugar de sangue de inocentes. 5Construíron o santuario a Baal para queimar no lume os seus propios fillos en holocausto a Baal, cousa que nin eu lles mandei nin lles dixen nin se me pasou pola cabeza.

6Por isto, velaquí veñen os días ‑é o Señor quen fala‑ nos que xa non se chamará este lugar o Tófet nin o Val de Ben Hinnom, senón o Val da Morte.

7Frustrarei neste lugar o plan de Xudá e de Xerusalén, e fareinos caer coa espada diante dos seus inimigos e nas mans dos que axexan a súa vida; dareinos de comida ós paxaros do ceo e ós bechos da terra.

8Converterei esta cidade nunha desolación e nun noxo,

todo o que a atravese quedará pasmado,

sentirá noxo pola aldraxe da súa devastación.

9Si, farei que eles coman a carne dos  fillos,

e a carne das fillas,

e cada un comerá a carne do seu compañeiro,

por mor do cerco e da estreiteza

con que os oprimirán os seus inimigos,

e os que buscan a súa morte".

 

Xeremías rompe a ola: anuncio de castigo para Xerusalén

 

10Logo esnaquiza a ola na presenza dos homes que te seguen,

11e dilles: así fala o Señor dos Exércitos:

"Deste xeito hei de esnaquizar este pobo e esta cidade, o mesmo que se esnaquiza o cacharro do oleiro, que non se pode recompoñer.

Han enterrar en Tófet por falta de sepultura para enterrar.

12Do mesmo xeito lles hei facer a esta cidade e ós seus veciños, hei facer desta cidade coma un Tófet.

13As casas de Xerusalén e mais os palacios dos reis de Xudá serán coma o Tófet;

inmundas están todas as casas, onde queimaron incenso nas terrazas a toda a milicia celeste,

e onde verteron libacións a deuses alleos".

 

Xeremías leva unha tunda: anuncio do exilio de Babilonia

 

14Volveu Xeremías do Tófet, a onde o mandou o Señor a profetizar, e parou no adro do templo do Señor a dicirlle a todo o pobo:

15‑Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:

"Ollade que eu estou facendo vir contra esta cidade e as súas vilas

toda a calamidade que contra ela anunciei,

porque endureceron as súas testas para non facer caso das miñas palabras".

 

Capítulo 20

 

1Paxhur, fillo de Imer, sacerdote e inspector xefe do templo do Señor, oíu a Xeremías cando profetizaba estes oráculos. 2Paxhur fixo que lle desen unha tunda ó profeta Xeremías e meteuno no cepo que hai no templo do Señor xunto a porta maior de Benxamín.

3O día seguinte Paxhur sacou a Xeremías do cepo e entón díxolle Xeremías:

‑O Señor non te chama Paxhur, senón Magor Misabib. 4Así fala o Señor: "Olla que eu te constitúo en terror para ti e para todos os teus amigos, que caerán debaixo da espada dos seus inimigos e os teus ollos hano de ver, e entregarei a todo Xudá no poder do rei de Babilonia, que os levará cativos a Babilonia e os matará a espada. 5Entregareille todas as riquezas desta cidade, todo o froito do seu esforzo, todas as súas cousas apreciadas e todos os tesouros dos reis de Xudá: entregaréillelos ó poder dos seus inimigos, que os saquearán, roubarán e levarán a Babilonia. 6E ti, Paxhur, e todos os que viven na túa casa iredes á catividade; ti entrarás en Babilonia, onde morrerás e serás enterrado, ti e mais todos os teus amigos para os que profetizaches en falso".

 

Lamentación individual: profunda crise do profeta

 

7Señor, seducíchesme e deixeime seducir;

collíchesme e puideches comigo.

Sirvo a cotío de burla;

a destrución é o meu pan.

8Sempre que falo, teño que proclamar: ¡Desastre!;

teño que clamar: ¡Destrución!

A palabra do Señor volveuse para min un escarnio, unha burla continua.

9Se digo: "Non me vou acordar máis del,

non falarei máis no seu Nome",

entón a súa palabra vólvese coma un lume abrasador no meu corazón,

un lume prendido nos meus ósos;

fago forza por apagalo, pero non son capaz.

10Xa estou oíndo a sentencia,

aumenta o terror ó arredor:

"Denunciádeo, denunciémolo".

Todos os que se fiaban da miña mensaxe de paz,

agardan a miña caída:

"A ver se se deixa seducir: poderemos con el, e vingarémonos del".

11Polo Señor suspiro, como por un forte loitador;

por isto os meus perseguidores caen, non me poden.

Quedarán cubertos de vergonza porque non tiveron éxito,

non deixarán esquecida esta vergonza perpetua.

12Señor dos Exércitos, que pos a proba o xusto,

que ver os sentimentos e mais as intencións,

eu hei ver como te vingas deles,

pois a ti encomendei o meu preito.

13Cantádelle ó Señor,

loade o Señor,

pois libra a vida dun pobre do poder dos malvados.

 

Elexía pola propia sorte

 

14¡Maldito o día en que nacín!

¡O día en que me pariu a miña nai non sexa bendito!

15Maldito o home que lle deu boas novas a meu pai:

"Naceuche un fillo varón". ¡Que alegría lle deu!

16Oxalá se volvese este home coma as cidades

que sen piedade destruíu o Señor;

oxalá oíse berros de mañá e o fragor da loita ó mediodía.

17¿Por que non me matou cando estaba no ventre?

A miña nai sería a miña sepultura;

o seu ventre, unha preñez para sempre.

18¿Por que saín do ventre para ver traballos e aflicións?

¿Por que os meus días se consomen na vergonza?