Capítulos 41-45

Deus suscita un xusto que trae consigo a paz

 

Capítulo 41

 

1Gardade silencio:

Eu fortalezo as nacións costeiras, as nacións renovan as forzas.

Que se acerque, e falarán; reunámonos para o xuízo.

2¿Quen suscita do oriente un xusto? ¿Quen o chamará ante o seu trono?

¿Quen lle pon diante os pobos? ¿Quen lle somete os reis?

¿Quen fixo as súas espadas numerosas coma o po e os seus arcos coma palla esparexida?

3¿Quen os persegue, deixando paz ó seu paso, sen tocar o camiño cos seus pés?

4¿Quen obrou e fixo isto?

O que convoca á existencia ás xeracións desde un principio.

Eu, o Señor, o Primeiro. Tamén cos derradeiros estarei eu.

5As nacións costeiras veno e collen medo, os confíns da terra tremen,

pero acercaranse e virán.

6Cada un axudará ó seu próximo e diralle ó seu irmán: "¡Ten ánimo!"

7O tallista animará ó ourive, ó que pule co martelo, ó que malla na zafra;

diralle da lámina incrustada: "Está ben",

e logo aseguraraa con cravos para que non se mova.

 

Oráculo salvífico: eu son quen te axuda e redime

 

8Ti, Israel, es o meu servo; Xacob, ti es quen eu elixín;

ti es a descendencia de Abraham, que me amaba;

9ti es quen eu collín dos confíns da terra     e a quen chamei desde os seus extremos.

Díxenche: "Ti es o meu servo, quen eu escollín e non rexeitei".

10Non teñas medo, que estou contigo; non mires con medo, que eu son o teu Deus.

Fortalecinte e axudeite, collinte coa miña destra vitoriosa.

11Velaí: avergonzarán e serán aldraxados todos os que rabiaban contra ti,

serán coma nada e perecerán os homes que loitan contra ti;

12buscarás e non atoparás os homes que rifan contigo,

serán coma nada e nulidade os homes que guerrean contra ti,

13porque eu, o Señor, son o teu Deus, que te collo da man dereita.

Eu son quen che digo: non teñas medo. Eu son quen te axuda.

14Non teñas medo, verme de Xacob, bichiño de Israel,

Eu son quen te axuda ‑é o Señor quen fala‑; si, o que te redime, o santo de Israel.

15Eu convértote en carro de trilla, novo, con dentes:

trillarás os montes e volveralos po, converterás os outeiros en coaño.

16Esparexeralos, botándoos ó vento, e o vendaval espallaraos.

Entón ti brincarás de ledicia por mor do Señor, alegraraste polo Santo de    Israel.

17Os pobres e os necesitados buscan auga e non a hai, a súa lingua seca coa sede.

Eu, o Señor, respondereilles; eu, o Santo de Israel, non os abandonarei.

18Abrirei regueiros nas gándaras peladas; e no medio dos barrancos, mananciais,

converterei o deserto nun pozo de auga, e a terra seca en fontes.

19Porei no deserto cedros, acacias, buxos e oliveiras,

porei xuntos na estepa amieiros, olmos e cipreses,

20para que todos vexades e saibades,

para que vos apliquedes e vos decatedes

de que a man do Señor fixo isto e o Santo de Israel o creou.

 

Polémica contra os ídolos

 

21Presentade a vosa defensa, aducide as vosas probas ‑dixo o Rei de Xacob‑.

22Alegade e mostrádenos o que vai acontecer,

mostrádenos cales foron as cousas pasadas e prestarémoslles atención.

Entenderiamos as cousas futuras se anunciásedes o que ha de vir.

23Mostrádenos o que ha de vir para o futuro, e recoñeceremos que vós sodes deuses.

Facédenos, pois, algún ben ou algún mal, que todos nós vos ollaremos con respecto e terémosvos medo.

24Velaí: non sodes ninguén, velaí os vosos feitos, que non son nada:

elixirvos a vós é unha abominación.

25Eu fágoo xurdir do Norte, e vén desde o nacente do sol;

será chamado por causa do meu nome.

El esmaga os nobres coma se fosen barro, o mesmo que o oleiro pisa o barro.

26¿Quen o deu a coñecer desde un principio?, que o recoñeceremos.

¿Quen desde o tempo pasado?, que lle diremos: "Este é o xusto".

Non, ninguén o deu a coñecer; non, ninguén o anunciou; non, ninguén oíu os vosos ditos.

27O primeiro é Sión: velaí fala; si, deille a Xerusalén un mensaxeiro de paz.

28Ollei, e non había un; ollei entre aqueles, e non había quen aconsellase.

Se lles preguntase, devolveríanme a pregunta.

29Velaí, todos eles son ninguén; os seus feitos non son nada;

as súas imaxes fundidas, vento e nada.

 

Primeiro poema do Servo de Iavé. Oráculo salvífico

 

Capítulo 42

 

1Velaí o meu servo, a quen teño collido da man;

velaí o meu escollido no que eu me comprazo.

Teño posto sobre el o meu espírito:

ditaralles sentencia xusta ás nacións.

2Non berrará,

non levantará a súa voz nin a fará oír nas rúas.

3Canivela fendida non a romperá,

e torcida esmorecente non a apagará.

Con fidelidade proclamará a xustiza,

4non desfalecerá nin crebará

ata establecer na terra a xustiza,

e a súa lei, que esperan as nacións.

5Así fala, Deus, o Señor,

o que crea o ceo e o estende, o que sustenta a terra e os seus produtos,

o que lle dá alento ó pobo que hai sobre ela, e espírito ós que camiñan por ela:

6Eu, o Señor, chameite por causa da xustiza, collinte pola man e protexinte,

e convertinte en Alianza dun pobo e en luz das nacións,

7para que lles abras os ollos ós cegos, para que libres do cárcere ós presos,

da prisión ós que viven na escuridade.

8¡Eu, Iavé, este é o meu Nome!

A miña gloria a outro non lla dou; nin  a miña loanza ós ídolos.

9As antigas predicións xa chegaron, e as novas estounas a anunciar:

antes de que despunten, fágovolas oír.

 

Himno profético ó Deus salvador

 

10Cantádelle ó Señor un cántico novo; a súa loanza, desde o confín da terra.

Serán humillados o mar e todo o que o enche, as ribeiras e os seus habitantes.

11Serán enaltecidos o deserto e as súas cidades, as fondas veigas onde habita Quedar.

Exultarán os habitantes de Sela, berrarán ledos desde o cume dos montes.

12Daranlle gloria ó Señor, e pregoarán nos países costeiros.

13O Señor sae coma un heroe, coma un guerreiro excita a súa bravura, berra, bota aturuxos de guerra, contra os seus inimigos mostra o seu poder:

14"Levo quedo desde hai moito, estou en silencio, contéñome.

Coma a muller que está no parto, berro, suspiro e acaso todo ó mesmo tempo.

15Vou asolar os montes e os outeiros, vou secar todo o seu verdor;

vou converter os ríos en barrancos e vou resecar as lagoas.

16Farei camiñar os cegos por un vieiro que non coñecen, por corredoiras descoñecidas fareinos ir.

Converterei diante deles a escuridade en luz, e as revoltas do camiño en dereitura.

Estas cousas fareillas; si, non os abandonarei".

17Eles deron a volta cara atrás. Avergonzaranse os que confían nos ídolos,

os que lles din ás imaxes fundidas: "Vós sodes o noso deus".

 

Israel é o servo cego e mudo para comprender o plan de Deus

 

18¡Escoitade vós, mudos! ¡Fixádevos ben para ver, vós, cegos!

19¿Quen é o cego, senón o meu servo? ¿Quen é o mudo, senón o mensaxeiro que eu enviei?

¿Quen está cego? ‑O meu enviado. ¿Quen está mudo? ‑O servo do Señor.

20Olla moito, pero non cumpre; abre os oídos, pero non fai caso.

21Por amor á súa xustiza, o Señor        quere engrandecer e glorificar a súa lei.

22Pero este é un pobo saqueado e arruinado.

Todos eles están pechados en covas, e presos no cárcere.

Serviron de botín, e non houbo quen os librase; serviron de pillaxe, e non houbo quen dixese: "Devólveos".

23¿Quen de entre vós escoitará isto, prestará atención e fará caso para o futuro?

24¿Quen entregou Xacob á pillaxe e Xerusalén ó saqueo?

¿Acaso non foi o Señor contra quen nós pecamos?

Si, non quixeron camiñar polo seu vieiro nin fixeron caso da súa lei,

25por isto o Señor verteu sobre o pobo o furor da súa ira e a súa forza de guerra,

que o consumiron de todo sen que se decatase, e que prenderon nel sen que o advertisen.

 

O plan salvífico e de autorrevelación de Deus

 

Capítulo 43

 

1Pois agora, así fala o Señor, o teu creador, Xacob, o que te formou, Israel:

"Non teñas medo, que eu son o teu redentor; impóñoche o meu nome: ti es meu.

2Cando pases a través das augas, eu estarei contigo; cando pases a través dos ríos, non te engulirán.

Cando pases a través do lume, non te queimarás; cando pases por entre as chamas, non prenderán en ti.

3Porque eu son o Señor, o teu Deus, o santo de Israel, o teu salvador.

Porei a Exipto de expiación túa; a Cux e a Sebá poreinos no teu lugar.

4Porque ti fuches ben querido ós meus ollos; fuches glorificado, o meu predilecto; e

por isto, farei que a humanidade expíe no teu lugar; e que os pobos paguen pola túa vida.

5Non teñas medo, que eu estou contigo:

traerei desde o nacente a túa descendencia, e desde occidente xuntareite,

6direille ó Norte: Dámos, e ó Sur: Non os reteñas:

tráeme os meus fillos desde lonxe, e        as miñas fillas desde o cabo da   terra,

7todo o que se chama co meu Nome, e todo o que creei para a miña gloria,

pois eu o formei e o fixen".

8Que saia un pobo cego, pero con ollos; xordo, pero con oídos.

9Os pobos todos xúntanse a un tempo, e congréganse as nacións.

¿Quen entre eles dá a coñecer isto e nos fai oír as antigas predicións?

Que presenten testemuñas e xustifiquen a súa postura, que se oia e se teña que dicir: "¡É verdade!"

10Vós sodes as miñas testemuñas ‑é o Señor quen fala‑; si, o meu servo que eu escollín,

para que me coñezades e creades en   min, e para que recoñezades que só eu son.

Antes de min non foi formado ningún deus, e despois de min non existe ningún.

11Eu, eu son o Señor, e fóra de min non hai outro salvador.

12Eu anuncieino e púxeno a salvo, fíxeno oír e non fun un estraño entre vós,

e vós sodes as miñas testemuñas ‑é o Señor quen fala‑, mentres eu son Deus.

13Si, desde hoxe eu seguireino sendo, e ninguén estará desprotexido da miña man.

O que eu realizo, ¿quen o fará cambiar?

14Así fala o Señor, o voso Redentor, o santo de Israel:

"Por causa vosa envíoo contra Babilonia e farei caer todos os seus ferrollos;

en canto ós caldeos, transformarei con lamentacións os seus berros de alegría.

15Eu son o Señor, o voso Santo, o Creador de Israel, o voso Rei".

 

Actualización renovada da liberación do Éxodo

 

16Así fala o Señor, que fixo un camiño polo mar e unha verea polas augas impetuosas,

17que fixo saír carros e cabalos, un exército moi poderoso.

Eles deitaranse e non se levantarán, apagáronse coma a torcida dun candil, extinguíronse.

18¿Non vos lembrades das cousas   pasadas? ¿Non comprendedes as cousas antigas?

19Ollade: eu estou facendo algo novo; xa agroma: ¿non vos dades conta?

Si, vou abrir un camiño no deserto, ríos na estepa.

20Os animais do campo honraranme, os chacais e os poliños da avestruz,

porque porei augas no deserto, ríos no ermo,

para darlle de beber ó meu pobo, ó meu escollido,

21ó pobo que eu criei para min, e que contará a miña loanza.

 

Careo de Deus co seu pobo, con finalidade purificadora

 

22Pero ti, Xacob, non me invocaches, senón que te cansaches de min,    Israel.

23Non me trouxeches as reses para os teus holocaustos, nin me honraches cos teus sacrificios,

aínda que non te obriguei a darme culto coa ofrenda, nin te carguei coa obriga do incenso.

24Non me compraches perfumes con cartos, nin me fartaches coa graxa dos teus sacrificios;

ó contrario, cos teus pecados obrigáchesme a actuar, e cansáchesme coas túas iniquidades.

25Eu, eu mesmo, pola miña bondade son quen limpa as túas rebeldías, e dos teus pecados non me lembro.

26Fai acordo, cando botemos as contas: cóntaos ti mesmo para probares a túa xustiza.

27O teu pai primeiro pecou, e os teus farsantes dirixentes rebeláronse contra min,

28por isto deshonraba eu os xefes do Santuario, entregaba Xacob á destrución e Israel ás burlas.

 

Autorrevelación de Deus a través da historia salvífica, e polémica antiidolátrica

 

Capítulo 44

 

1Agora, pois, escoita, Xacob,       meu servo; Israel, a quen eu escollín.

2Así fala o Señor, que te creou, e que te formou, quen desde o seo te vén axudando:

"Non teñas medo, meu servo Xacob; Iexurún, a quen eu escollín,

3porque eu verterei auga sobre o sedento, e regueiros sobre a reseca.

Verterei o meu espírito sobre a túa descendencia, e a miña bendición sobre os teus xermolos,

4e brotarán coma entre xuncos, como os amieiros xunto ás correntes de auga.

Este dirá: Eu son do Señor; e aquel chamarase co nome de Xacob;

5este escribirá na súa man: Pertenzo ó Señor; e será titulado co nome de Israel".

6Así fala o Señor, Rei de Israel, o seu Redentor, o Señor dos Exércitos:

"Eu son o Primeiro, e tamén o Derradeiro; non hai outro Deus fóra de min.

7¿Quen é coma min? Que o diga, que o manifeste e que se compare comigo,

porque eu establecín un pobo eterno e cousas que han vir: comprenderano cando cheguen.

8Non teñades medo nin pavor. ¿Acaso non volo fixen oír e volo manifestei desde entón?

Vós sodes as miñas testemuñas: ¿hai acaso un Deus fóra de min?

Non, non hai Penedo: eu non o coñezo".

 

Sátira contra a fabricación de ídolos

 

9Os escultores de ídolos, todos eles, son nada: para nada serven as súas cousas preciosas.

Si, eles mesmos son testemuñas, pero non o queren ver nin recoñecer, porque se avergonzarían.

10¿Quen esculpiu un deus e fundiu un ídolo, sen esperar unha ganancia?

11Velaí: todos os seus devotos avergónzanse, ós seus artistas sáenlles as cores.

Xúntanse todos, fican quedos, atérranse, avergónzanse.

12O artista corta o ferro co cicel, quéntao co carbón;

co martelo dálle forma, trabállao coa forza do seu brazo.

Por veces ten fame e non ten forza; non bebe auga e está canso.

13Corta madeira, estende o cordel,

fai unha marca co lapis, trabállaa coa garlopa,

logo trázaa co compás, e faina á semellanza dun home,

conforme a fermosura dun humano, para que habite no templo.

14Si, corta para si uns cedros ou colle un toro de aciñeira ou de carballo,

déixao endurecer entre as árbores do bosque,

e planta no seu lugar un cedro que a chuvia fará medrar.

15A madeira sérvelle ó home para queimar,

colle parte dela e acende o lume; quenta o forno e coce o pan.

Tamén pode traballar un deus e prostarse ante el, pode facer un ídolo e adoralo.

16A metade da árbore quéimaa no lume, sobre a outra asa carne, come o asado e fártase.

Tamén se quenta e di: "¡Ah, quéntome, vexo o resplandor!"

17O que lle sobra é para un deus, fai o seu ídolo, adórao e próstrase ante el,

rézalle ó seu deus e dille: "Sálvame, que ti es o meu deus".

18Non saben nada nin entenden, están ofuscados;

os seus ollos non ven, e a súa mente non pensa.

19Non medita, non ten saber nin intelixencia ó dicir:

"Queimo a metade no lume, e sobre as súas brasas cozo o pan,

aso a carne e cómoa, e do resto del fago algo abominable:

adoro a póla da árbore".

20A quen mancha a cinsa, engánao o corazón e extravíao:

non porá a salvo a súa vida,

pois non pode recoñecer: "O que teño na miña dereita é unha mentira"

 

Chamada a converterse ó Deus Salvador

 

21Lémbrate de Deus, Xacob; Israel, ti es o meu servo: eu te formei, o meu servo es ti, Israel: non te esquezas de min.

22Fixen desaparecer as túas rebeldías coma unha nube, e como a néboa espesa os teus pecados.

Convértete a min, que eu son o teu Redentor.

23Xubilade, ceos, porque o Señor actuou; gritade alegres, profundidades da terra.

Montes, estalade de ledicia: o bosque e toda árbore que hai nel,

porque o Señor redime a Xacob, vai mostrar a súa gloria en Xerusalén.

 

O Deus creador e Señor da historia presenta a Ciro

 

24Así fala o Señor, o teu Redentor, o que te formou desde o seo.

Eu son o Señor que o fago todo:

estendo o ceo eu só e expando a terra. ¿Quen está comigo?

25Frustro os sinais dos agoireiros e volvo loucos os adiviños,

fago volver para atrás os sabios e converto a súa ciencia en tolemia.

26El fai firme a palabra do seu servo, e completa o plan dos mensaxeiros.

Di: "Xerusalén, serás habitada; cidades de Xudá, seredes reedificadas,

que volverei levantar as súas ruínas".

27Di: "Océano, seca; vou secar os teus ríos".

28Di: "Ciro é o meu pastor, cumprirá todos os meus gustos,

anunciando:Xerusalén, serás reedificada; templo, serás cimentado".

 

Misión de Ciro

 

Capítulo 45

 

1Así fala o Señor acerca do seu unxido,

Ciro, a quen eu collín da man dereita:

el someterá ante si ós pobos, eu descubrirei  ante el o lombo dos reis.

El abre ante si os portóns dobres, as portas non se pecharán ante el.

2Eu camiñarei diante de ti e fareiche favorables os presaxios,

romperei os batentes de bronce e farei anacos as trancas de ferro.

3Dareiche os tesouros pechados e as riquezas dos lugares ocultos,

para que recoñezas que eu son o Señor, quen te chamou polo teu nome,

son o Deus de Israel que te chamou

4por causa do meu servo, Xacob, e de Israel, o meu elixido.

Si, chameite polo teu nome; creeite, aínda que non me coñecías.

5Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai deus.

Ameite, aínda que non me coñecías,

6para que se saiba desde o nacente ó solpor que non hai cousa sen min.

Eu son o Señor e non hai outro,

7o que forma a luz e crea a tebra,               o que fai a felicidade e crea a desgraza.

Eu, o Señor, o que fago todas estas cousas.

8Ceo, fai caer desde arriba; bóveda celeste, bota para abaixo a xustiza,

que a terra se abra e dea como froito a salvación, que a xustiza faga brotar a felicidade.

Eu, o Señor, son quen a crea.

9¡Ai do que preitea con quen o formou! ¡Ai do cacharro que preitea con quen o fixo do barro!

¿Dille a ola a quen a formou: "¿Que fas? ¡A túa obra non ten xeito!"

10¡Ai de quen lle di ó pai: "¿Que xeraches?", e á súa nai: "¿Que deches a luz?!"

11Así fala o Señor, o Santo de Israel, o que o formou:

"¿Ídesme pedir contas do futuro dos meus fillos, e ides dar ordes sobre a obra das miñas mans?

12Eu fixen a terra e creei o home sobre ela.

Eu, coas miñas propias mans estendín o ceo, deilles ordes a todas as súas constelacións.

13Eu suscitei a Ciro por causa da xustiza e achanceille todos os seus vieiros.

El reconstruirá a miña cidade e mandará alí os meus exiliados,

sen prezo nin regalo".

 

O preanuncio e cumprimento das promesas salvíficas provoca a conversión dos pagáns ó Señor

 

14Así fala o Señor:

"A man de obra de Exipto, os traficantes de Cux, os sebaís, homes de grande estatura,

virán onda ti e serán teus, camiñarán detrás de ti con cadeas,

virán prostarse ante ti e confesarán:

Soamente contigo está Deus e non hai outro; non hai máis deuses".

15Certo, ti es o Deus escondido, o Deus de Israel, o Salvador.

16Avergonzaranse, cubriranse de oprobio todos eles, camiñarán con oprobio os tallistas de ídolos.

17Israel será salvado polo Señor con salvación eterna:

Non vos teredes que avergonzar e endexamais non vos cubriredes de oprobio.

18Si, así fala o Señor, o Creador do ceo, El   é Deus,

o formador da terra e o seu facer, El creouna,

non a creou coma un caos, formouna  para ser habitada.

"Eu son Iavé e non hai outro.

19Non falei en secreto, nun lugar do  inferno, na escuridade.

Non lle dixen á descendencia de Xacob: buscádeme no abismo.

Eu, o Señor, proclamo a xustiza, dou a coñecer a rectitude".

20¡Xuntádevos! ¡Vinde! Achegádevos a un tempo, escapados das nacións:

Que non o saiban os que levan en alto ese pau, o seu ídolo,

e os que lle rezan a un deus que non é capaz de salvar.

21Expoñede, presentade as vosas probas; aconselládevos uns cos outros.

"¿Quen fixo oír isto desde antigo? ¿Quen o fixo saber desde o tempo pasado?

¿Acaso non fun eu, o Señor? ¡Si, non hai outro Deus fóra de min!

Eu son Deus, o Xusto e o Salvador, non hai outro fóra de min.

22Volvédevos cara a min e salvádevos, todos os confíns da terra,

que eu son Deus, e non hai outro.

23Xúroo por min mesmo: da miña boca sae ‑para cumprir o que é xusto‑ unha palabra que non se volve atrás:

ante min dobrarase todo xeonllo, por min xurará toda lingua.

24De min dirase: Si, no Señor están a xustiza e o poder".

Onda El virán, avergonzados, todos os que se levantaron contra El.

25Toda a descendencia de Xacob recibirá a xustiza de parte do Señor e nel se gloriará.