Capítulos 136-140

SALMO 136 (135)

O seu amor é eterno

 

1Loade o Señor porque é bo,

porque o seu amor é eterno.

2Loade o Deus dos deuses,

porque o seu amor é eterno;

3loade o Señor dos señores,

porque o seu amor é eterno.

 

4Só El fai grandes prodixios,

porque o seu amor é eterno.

5Fixo os ceos con saber,

porque o seu amor é eterno;

6asentou a terra sobre as augas,

porque o seu amor é eterno.

 

7Fixo luminarias xigantes,

porque o seu amor é eterno;

8o sol para que rexa o día,

porque o seu amor é eterno;

9a lúa e as estrelas para que rexan a noite,

porque o seu amor é eterno.

 

10Feriu os primoxénitos de Exipto,

porque o seu amor é eterno;

11sacou de entre eles a Israel,

porque o seu amor é eterno,

12con man forte e brazo rexo,

porque o seu amor é eterno.

 

13Partiu en dous o mar Rubio,

porque o seu amor é eterno;

14fixo pasar polo medio a Israel,

porque o seu amor é eterno;

15alagou no mar Rubio ó faraón co seu exército,

porque o seu amor é eterno.

16Guiou ó seu pobo no deserto,

porque o seu amor é eterno;

17feriu a grandes reis,

porque o seu amor é eterno;

18matou a reis poderosos,

porque o seu amor é eterno;

19a Sihón, rei dos amorreos,

porque o seu amor é eterno,

20a Og, rei de Baxán,

porque o seu amor é eterno.

 

21Deulles a súa terra en herdanza,

porque o seu amor é eterno,

22en herdanza a Israel, o seu servidor,

porque o seu amor é eterno.

 

23No noso abatemento acórdase de nós,

porque o seu amor é eterno,

24e líbranos dos nosos opresores,

porque o seu amor é eterno.

25Dálle mantenza a todo ser vivo,

porque o seu amor é eterno.

 

26Loade o Deus dos deuses,

porque o seu amor é eterno.

 

SALMO 137 (136)

A beira dos ríos de Babel

 

1A beira dos ríos de Babel

sentabámonos e chorabamos,

lembrándonos de Sión.

 

2Nos salgueiros das ribeiras

Penduramos as cítolas,

3pois os nosos carcereiros pedíannos cántigas

e os nosos verdugos himnos alegres:

‑"Cantádenos cántigas de Sión".

 

4¿Como cantar un canto do Señor

estando en terra allea?

5Se me esquecese de ti, Xerusalén,

que seque a miña man dereita;

6que se apegue a miña lingua ó padal,

se deixo de pensar en ti,

se non poño a Xerusalén

por riba de toda ledicia.

 

7Tómalles contas, Señor, ós edomitas

do día de Xerusalén,

cando dicían: ‑"Arrasádea, arrasádea,

ata os alicerces".

8Babilonia estragadora,

bendito quen che pague

co mal que nos fixeches;

9bendito quen colla os teus pícaros

e os estrele contra as pedras.

 

SALMO 138 (137)

Obra das túas mans

 

1De David.

Douche as grazas, Señor, de todo corazón,

cántoche diante dos anxos;

2póstrome cara ó teu templo

e bendigo o teu nome,

polo teu amor e a túa fidelidade.

Mesmo máis grande cá túa sona

fixeches a túa promesa.

3Cando te chamo, ti respóndesme

e acrecentas as miñas forzas.

 

4Daranche as grazas, Señor,

todos os reis da terra,

cando oian os ditos da túa boca.

5Cantarán os camiños do Señor,

pois grande é a gloria do Señor.

 

6Abofé, o Señor é excelso:

pon a súa atención nos humildes

e coñece os soberbios desde lonxe.

 

7Cando me vexo en apuro,

ti consérvasme a vida.

Contra o furor dos meus inimigos

estendes a túa man,

a túa dereita libérame:

8o Señor leva ata o final a miña causa.

 

O teu amor, Señor, é eterno;

non abandones as obras das túas mans.

 

SALMO 139 (138)

Omnipresencia

 

1Do mestre do coro. Salmo de David.

 

Señor, ti escúlcasme a fondo e coñécesme ben,

2ti sabes cando sento e me levanto,

penetras nos meus pensamentos desde lonxe.

3Ti distingues cando me movo e cando estou quedo

e os meus camiños sonche todos familiares.

4Aínda non está na miña lingua a palabra

e xa ti, Señor, a coñeces enteira.

5Envólvesme por detrás e por diante,

e sobre min tes posta a túa man.

6Admirable por demais me resulta este saber,

tan alto que non o alcanzo.

 

7¿Onde me podería arredar do teu alento?

¿A onde fuxir da túa ira?

8Se subo ó ceo, alí estás;

se baixo ó abismo, estás presente.

9Se me ergo nas ás da aurora

e emigro ó extremo dos mares,

10ata alí me leva a túa man

e me colle a túa dereita.

11Se digo: ‑"Que polo menos me encubran as tebras

e a luz ó meu arredor se faga noite",

12as mesmas tebras non son para ti escuras

e a noite éche clara coma o día:

tanto che ten a luz coma as tebras.

 

13Ti formaches as miñas entrañas,

tecíchesme no seo da miña nai.

14Lóuvote polo prodixio que hai en min:

as túas obras son marabillosas.

 

Ti coñeces a fondo o meu espírito;

15non che estaba oculta a miña esencia,

cando no segredo era formado,

tecido no fondo da terra.

16O meu embrión víano os teus ollos,

e escribíanse xa no teu libro

os días todos que habían vir,

sen que existise aínda o primeiro.

 

17¡Que preciosos atopo, Deus, os teus proxectos!

¡Que grande o seu conxunto!

18Se os quixese contar, son máis cá area,

se chegase ata a fin, quedarías ti aínda.

 

19¡Se bateses, Deus, nos malvados,

se arredasen de min os sanguinarios!

20Arrepóñense contra ti arteiramente

e nomean en van os teus proxectos.

21¿Non hei de odiar os que te odian,

aborrecer os que se erguen contra ti?

22Odioos con odio cumprido

e téñoos por inimigos meus.

 

23Examíname a fondo, Deus; coñece o meu corazón;

próbame, e coñece os meus sentimentos.

24Olla se é torto o meu camiño,

guíame ti polo camiño eterno.

 

SALMO 140 (139)

Líbrame do home malo

 

1Do mestre do coro. Salmo de David.

 

2Líbrame, Señor, do home malo,

gárdame do home violento.

3Matinan maldade no corazón

e promoven contendas todo o día.

4Afían, coma a serpe, as súas linguas,

con veleno de áspide nos labios.

 

5Deféndeme, Señor, do poder dos malvados,

gárdame dos homes violentos,

que traman facerme caer.

6Os soberbios téndenme lazos,

esconden cordas e rede,

póñenme trampas á beira do camiño.

 

7Eu dígolle ó Señor: ‑"Ti es o meu Deus,

escoita, Señor, a miña súplica".

8Señor, o meu dono, o meu poderoso salvador,

o que no día da loita me cobre a cabeza;

9non consintas, Señor, o antollo dos malvados,

non favorezas os seus proxectos e que triúnfen.

 

10A cabeza dos que me abouxan

que a cubran as intrigas dos seus labios;

11que chovan carbóns acesos sobre eles,

que os boten en fosas das que non poidan levantarse.

12Que non asenten na terra as malas linguas,

que a desgraza sorprenda ós violentos.

 

13Eu sei que o Señor lles fará xustiza ós pobres

e lles dará o seu dereito ós aflixidos.

14os xustos loarán, de certo, o seu nome,

os rectos habitarán na túa presenza.