CAPÍTULOS 11-15

CAPÍTULO 11

 

Babel

 

1Toda a terra falaba unha soa lingua e usaba as mesmas palabras. 2O emigraren os homes desde o oriente, encontráronse nunha chaira, no país de Xinar, e establecéronse alí. 3Dixéronse uns ós outros: ‑"Imos facer ladrillos e cocelos no lume". O ladrillo facíalles de pedra e o betume de cemento. 4E nisto propuxeron: ‑"Imos construír unha cidade e unha torre, que chegue co cimo ata o ceo, e fagámonos un nome de sona, para non nos perder pola ancha face da terra".

5Baixou o Señor para ver a cidade e a torre que os homes construían, e pensou: 6‑"Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que se lles veña á cabeza. 7Baixemos e embarullemos alí mesmo a súa lingua, de xeito que non se entendan uns cos outros". 8O Señor espallounos de alí por toda a terra, e deixaron de construír a cidade. 9A esta chamóuselle Babel, porque alí embarullou o Señor a lingua de todo o mundo. Desde alí espallounos por toda a face da terra.

 

Descendentes de Sem

 

10Táboa dos descendentes de Sem. Sem tiña cen anos cando xerou a Arfaxad, dous anos despois do diluvio. 11Despois diso viviu cincocentos anos, e tivo outros fillos e fillas.

12Arfaxad tiña trinta e cinco anos cando xerou a Xélah. 13Despois viviu catrocentos anos máis, e tivo outros fillos e fillas.

14Xélah tiña trinta anos cando xerou a Héber. 15Despois viviu catrocentos anos máis, e tivo outros fillos e fillas.

16Héber tiña trinta e catro anos cando xerou a Péleg. 17Despois viviu aínda catrocentos trinta anos, e tivo outros fillos e fillas.

18Péleg tiña trinta anos cando xerou a Reú. 19Despois viviu douscentos nove anos, e tivo outros fillos e fillas.

20Reú tiña trinta e dous anos cando xerou a Serug. 21Despois viviu douscentos sete anos, e tivo outros fillos e fillas.

22Serug tiña trinta anos cando xerou a Nahor. 23Despois viviu douscentos anos máis, e tivo outros fillos e fillas.

24Nahor tiña vinte e nove anos cando xerou a Térah. 25Despois viviu cento dezanove anos máis, e tivo outros fillos e fillas.

26Térah tiña setenta anos cando xerou a Abram, a Nahor e a Harán. 27Descendentes de Térah: Térah xerou a Abram, a Nahor e a Harán. Harán xerou a Lot. 28Harán morreu en vida de seu pai, na súa terra de nacemento, en Ur dos caldeos.

29Abram e Nahor casaron. A muller de Abram chamábase Sarai e a de Nahor, Milcah, filla de Harán, o pai de Milcah e de Iscah. 30Sarai era estéril e non tiña fillos.

31Térah colleu a seu fillo Abram, ó seu neto Lot, fillo de Harán, e a súa nora Sarai, muller de seu fillo Abram, e saíu con eles de Ur dos Caldeos, para dirixirse ó país de Canaán. Chegados a Harán, establecéronse alí. 32Térah viviu douscentos cinco anos e morreu en Harán.

 

 

 

CAPÍTULO 12

 

ABRAHAM

 

 

Vocación de Abraham

 

1O Señor díxolle a Abram:  ‑"Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan,  á terra que eu che mostrarei.

2Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome de sona, que será exemplo de bendición.

3Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga.

Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome".

4Abram púxose ó camiño, conforme lle dixera o Señor; e con el foi Lot. Abram tiña setenta e cinco anos cando saíu de Harán. 5Levaba consigo a Sarai, súa muller, ó seu sobriño Lot e todas as posesións e mais os criados que adquirira en Harán. Saíron na dirección do país de Canaán, e chegaron alá.

6Abram percorreu o país ata o lugar santo de Xequem e a aciñeira de Moré. Daquela habitaban no país os cananeos. 7O Señor aparecéuselle  a Abram para dicirlle: ‑"Os teus descendentes dareilles esta terra". Abram erixiu alí mesmo un altar ó Señor que se lle aparecera. 8Logo seguiu pola montaña, ó oriente de Betel, e plantou a súa tenda entre Betel ó poñente e Ai ó nacente. Alí construíu un altar ó Señor e invocouno polo nome. 9Despois seguiu por xornadas o camiño cara ó sur.

 

Abraham en Exipto

 

10Houbo fame no país, e Abram baixou a Exipto, coa idea de quedar alí, mentres a fame seguise apretando. 11Cando xa estaban chegando a Exipto, Abram díxolle a Sarai, súa muller: ‑"Estou pensando na túa fermosura. 12Os exipcios, en véndote, dirán: ‑É a súa muller. Entón a min mataranme e a ti gardarante viva. 13Dilles que es miña irmá, para que por mor de ti me traten a min ben e grazas a ti salve a vida".

14Cando Abram chegou a Exipto, os exipcios repararon en que a súa muller era moi bela. 15Vírona tamén os cortesáns e gabáronlla ó faraón, de xeito que a muller foi levada ó pazo.

16A Abram foille ben por conta dela. Adquiriu rabaños, gandos, asnos, servos, servas, asnas e camelos. 17Mais o Señor inflixiulles ó faraón e á súa corte grandes pragas, por causa de Sarai, muller de Abram.

18Entón chamou o faraón a Abram para lle dicir: ‑"¿Que fixeches comigo? ¿Por que non me aclaraches que era a túa muller? 19¿Por que me dixeches que era túa irmá, deixándome que a tomase por muller? Agora aí tes a túa muller. Cóllea e vaite". 20E o faraón deu ordes ós seus homes para que despedisen a Abram coa muller e con todo o que tiña.

 

 

 

CAPÍTULO 13

 

Abraham e Lot

 

1Abram subiu de Exipto cara ó Négueb, coa muller e coas súas posesións, e levando consigo a Lot. 2Abram era moi rico en gandos, en prata e en ouro. 3Desde o Négueb seguiu por treitos camiño de Betel, onde fixera en tempos a súa tenda, entre Betel e Ai. 4Era o mesmo lugar onde construíra anteriormente un altar e invocara o nome do Señor.

5Lot ía con Abram e era tamén rico en rabaños, en gandos e en tendas. 6A terra onde estaban non chegaba para habitaren xuntos. A moita facenda xa non llelo consentía, 7de xeito que xurdían agarradas entre os pastores de Abram e os de Lot. Daquela habitaban no país os cananeos e os perizitas.

8Abram díxolle entón a Lot: ‑"Que non haxa liortas entre nós e entre os nosos pastores, pois nós somos irmáns. 9Tes diante de ti o país enteiro; sepárate de min. Se ti colles á esquerda, eu collerei á dereita; se ti á dereita, eu á esquerda".

10Lot levantou os ollos e reparou na veiga do Xordán, toda ela regada. (Isto era antes de que Deus destruíra Sodoma e Gomorra). Ata chegar a Soar era o mesmo ca un xardín do Señor, coma a terra de Exipto. 11Lot escolleu para si a veiga do Xordán e dirixiuse cara ó oriente, separándose de Abram. 12Abram asentou en Canaán e Lot nas cidades da veiga do Xordán, chegando coa tenda a Sodoma. 13As xentes de Sodoma eran ruíns e moi pecadoras á vista do Señor.

 

A terra prometida

 

14Despois de que Lot se separou del, o Señor díxolle a Abram: ‑"Desde o lugar onde estás ergue os ollos e mira cara ó norte e cara ó sur, cara ó nacente e cara ó poñente. 15A terra toda que ves, dareicha a ti e ós teus descendentes para sempre. 16Multiplicarei os teus descendentes coma o po. Se alguén contase o po, poderíaos contar a eles. 17Anda, percorre a terra ó longo e ó ancho, pois voucha dar para ti". 18Abram levantou a tenda e foise establecer na carballeira de Mambré, onda Hebrón. Alí construíu un altar ó Señor.

 

 

 

CAPÍTULO 14

 

Invasión dos reis de oriente

 

1Amrafel rei de Xinar, Arioc rei de Elasar, Codorlaomer rei de Elam e Tidal rei de Goim 2emprenderon guerra contra Bera rei de Sodoma, Birxá rei de Gomorra, Xinab rei de Ademah, Xeméber rei de Seboim e o rei de Bela que é Soar. 3Os últimos xuntáronse no val de Sidim que é o mar Morto. 4Levaban doce anos pagando tributo a Codorlaomer, pero no décimo terceiro revoltáronse.

5O ano décimo cuarto veu Codorlaomer cos reis aliados seus e derrotaron ós refaítas en Axterot Carnaim, ós zuritas en Ham, ós emitas no val de Quiriataim 6e ós hurritas nos montes de Seir, ata El-Parán, á beira do deserto. 7Logo deron volta e chegaron a Ein-Mixpat que é Cadex, e arrasaron ós amalecitas en todo o seu territorio e ós amorreos que habitaban en Hasesón-Tamar.

8Entón saíron os reis de Sodoma, de Gomorra, de Ademah, de Seboim e de Bela que é Soar, e presentaron batalla no val de Sidim 9contra Codorlaomer rei de Elam, Tidal rei de Goim, Amrafel rei de Xinar e Arioc rei de Elasar. Catro reis contra cinco.

10O val está acugulado de pozos de betume. Os reis de Sodoma e de Gomorra caeron neles e os outros fuxiron á montaña. 11Os inimigos repañaron os bens e as provisións todas de Sodoma e de Gomorra, e fóronse con elas. 12O marcharen, levaron tamén consigo a Lot, sobriño de Abram, que habitaba en Sodoma, e as súas posesións.

 

Abraham envolto na loita

 

13Chegou un fuxitivo e contoulle todo a Abram o hebreo, que habitaba na carballeira de Mambré o amorreo, parente de Excol e de Aner, aliados de Abram. 14Cando este oíu que o seu sobriño estaba preso, mobilizou trescentos dezaoito dos seus criados adestrados, nacidos na súa casa, e perseguiu os inimigos ata Dan. 15Dispuxo contra eles os seus homes, e de noite botouse enriba deles e mallounos. Logo perseguiunos ata Hoba, ó norte de Damasco 16e recobrou todos os bens, e tamén a Lot seu sobriño, coas súas posesións, as súas mulleres e toda a súa xente.

 

Abraham e Melquisédec

 

17Cando Abram tornaba de derrotar a Codorlaomer e ós seus aliados, saíu ó seu encontro o rei de Sodoma, no val de Xaveh, que é o val do rei. 18Melquisédec, rei de Salem, sacerdote do Deus Altísimo, sacou pan e viño 19e bendiciu a Abram con estas palabras:

‑"Bendito sexa Abram polo Deus Altísimo,  que fixo ceo e terra.

20Bendito sexa o Deus Altísimo,

que puxo os teus inimigos na túa man".

Abram deulle a Melquisédec o décimo de toda a súa presa.

21O rei de Sodoma díxolle a Abram: ‑"Dáme os homes, e garda para ti as posesións". 22Pero Abram respondeulle: ‑"Xuro polo Señor, o Deus Altísimo, que fixo ceo e terra, 23que non collerei nada teu, nin un fío nin o amalló dunha sandalia, para que non poidas dicir: Enriquecín a Abram. 24Poñéndome a min fóra da conta, soamente acepto o que comeron os meus servos e o que lles corresponde ós que me acompañaron, Aner, Excol e Mambré. Eles, que collan o que é seu".

 

 

 

CAPÍTULO 15

 

Alianza de Abraham

 

1Despois disto Abram oíu en visión palabra do Señor: ‑"Non teñas medo, Abram. Eu son para ti un escudo. O teu pago será moi grande".

2Abram preguntou: ‑"Señor e dono meu, ¿que me darás, se vou morrer sen fillos, e o damasceno Eliézer será o meu herdeiro?" 3E insistiu: ‑"Mira que non me deches descendencia e que un criado da casa será o meu herdeiro".

4O Señor respondeulle: ‑"Non será ese o teu herdeiro. Será un fillo teu". 5Logo levouno fóra e prometeulle: ‑"Olla cara ó ceo e conta as estrelas, se é que podes. Así terás de descendentes". 6Abram creu ó Señor, que llo tivo en conta para a xustificación.

7Despois díxolle o Señor: ‑"Eu son o Señor, que te sacou de Ur dos Caldeos, para che dar en herdo esta terra".

8Abram preguntou: ‑"Señor e dono meu, ¿como saberei que será miña?"

9O Señor respondeu: ‑"Tráeme unha becerra, unha cabra e un carneiro, todos eles de tres anos, e mais unha rula e unha pomba".

10Abram trouxo todo, partiu os animais polo medio e puxo unha metade fronte á outra; pero as aves non as partiu. 11Os voitres descendían á carnada, e Abram espantábaos. 12Cando o sol estaba para se pór, apoderouse de Abram un sono profundo e invadiuno unha escura ansiedade.

13Entón díxolle o Señor: ‑"Saberás que os teus descendentes terán que estar coma forasteiros nunha terra allea, e que os escravizarán e os oprimirán por catrocentos anos. 14Pero has de saber tamén que eu castigarei ó pobo que os escravice, e despois eles sairán con moitos bens. 15Ti irás xuntarte en paz con teus pais; serás enterrado ó cabo dunha boa vellez. 16Despois de catro xeracións volverán eles aquí, pois aínda non chegou ó seu cúmulo a maldade dos amorreos".

17Cando se puxo o sol e se fixo noite pecha, Abram viu pasar entre os membros dos animais tallados un fume coma de forno e un facho de lume. 18Aquel día fixo o Señor con Abram esta alianza: ‑"Os teus descendentes dareilles esta terra, desde o torrente de Exipto ata o gran río Éufrates, 19as terras dos Quenitas, dos Quenizitas, dos Cadmoneos, 20dos Hititas, dos Perizitas, dos Refaítas, 21dos Amorreos, dos Cananeos, dos Guigarxitas e dos Iebuseos".