CAPÍTULOS 1-5 

CAPÍTULO 1

 

O MUNDO E A HUMANIDADE

 

A creación

 

1No principio creou Deus o ceo e a terra. 2A terra era unha masa informe e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas.

3Mandou Deus que houbese luz, e houbo luz. 4Viu Deus que a luz era cousa boa e arredouna das tebras.

5A luz chamouna día e ás tebras chamounas noite. E con iso completouse o primeiro día da semana.

6Quixo Deus que houbese un espazo para arredar as augas das augas. 7E fixo un espazo, que arredaba as augas de enriba das de embaixo. 8O espazo rematado Deus chamouno ceo. E completouse o segundo día.

9Mandou Deus que se xuntasen as augas de embaixo nun lugar e que aparecese o chan enxoito. E así foi. 10O chan enxoito chamouno terra e ás augas xuntas, mares. E viu que estaba ben. 11Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente, conforme á súa especie. E así foi. 12A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. 13E completouse o terceiro día.

14Mandou Deus que houbese luces no espazo para distinguir o día da noite, para dar sinal das festas, das estacións e dos anos, 15e para que, brillando no espazo, alumasen a terra. E así foi. 16Deus fixo dúas luminarias, a grande que rexe o día, a pequena que rexe a noite, e tamén as estrelas. 17Púxoas no espazo, para alumar a terra, 18para rexer o día e a noite e para distinguir a luz das tebras. E viu que estaba ben. 19E completouse o cuarto día.

20Quixo Deus que as augas fosen un fervedoiro de peixes e o espazo entre o ceo e a terra un voar de paxaros. 21E creou os monstros mariños, os moitos xéneros de peixes que referven nas augas e todas as sortes de paxaros. E parecéronlle ben. 22E bendiciunos deste xeito: Reproducídevos, crecede, enchede as augas do mar e que os paxaros medren na terra. 23E completouse o quinto día.

24Mandou Deus que a terra producise as varias especies de animais, os domésticos, os réptiles e as feras salvaxes. E así foi.

25Deus fixo as varias especies de feras salvaxes, animais domésticos, réptiles, e parecéronlle ben.

26Despois dixo Deus: ‑"Fagamos o home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra".

27E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, creouno varón e femia. 28E bendiciunos así: ‑"Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos réptiles todos da terra". 29E díxolles aínda: ‑"Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e todas as árbores que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza". 30As feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós réptiles que viven na terra doulles a herba para a mantenza". E fíxose así. 31Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo. E completouse o sexto día.

 

 

CAPÍTULO 2

 

1Quedaron así rematados o ceo e a terra e todos os elementos. 2Deus concluíu no día sexto a obra que emprendera, e o sétimo día repousou de todo o seu traballo. 3Deus bendiciu o sétimo día e consagrouno: nese día repousou de todo o traballo de crear.

4Esta é a historia da creación do ceo e da terra.

 

O home no xardín

 

Cando o Señor Deus fixo a terra e o ceo, 5na terra non había aínda ramallada nin xermolaba herba no campo, porque o Señor Deus non fixera chover sobre a terra nin existía o home que traballase o agro.

6Da terra xurdía un manancial que regaba o campo, 7e o Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva.

8O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel ó home que formara. 9Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.

10En Edén nacía un río que regaba o xardín e de alí ía partirse en catro brazos. 11O primeiro chamábase Pisón: percorre o país de Havilá, onde se acha ouro; 12o ouro deste país é de calidade, e alí hai tamén ámbar e ónix. 13O segundo chamábase Guihón e percorre o país de Cux. 14O terceiro é o Tigris, que corre ó oriente de Asiria, e o cuarto é o Éufrates.

15O Señor Deus estableceu o home no xardín de Edén, para que o traballase e o coidase. 16E deulle esta orde: ‑"Podes comer do froito das árbores todas do xardín 17pero da árbore do coñecemento do ben e do mal non comerás, pois en canto comas dela de certo morrerás".

 

A parella home - muller

 

18O Señor Deus pensou: ‑"Non está ben o home só. Vou facer para el unha axuda ó seu xeito". 19O Señor Deus formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos ó home, para ver que nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese. 20O home púxolles nomes ós animais domésticos, ós paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero entre eles non había unha axuda ó seu xeito.

21Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home, e este adormeceu. Tiroulle unha costela e cerrou con carne o sitio. 22Da costela do home formou unha muller e presentoulla ó home.

23O home exclamou: ‑"Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne. Chamarase muller, porque foi tirada do home". 24Por iso deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo. 25Estaban os dous espidos, o home e a muller, pero non sentían vergoña.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

A condición humana e a promesa

 

1A serpe era o máis arteiro de todos os animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller: ‑"¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?"

2A muller respondeulle: ‑"Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. 3Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades".

4A serpe insistiu: ‑"De ningunha maneira morreredes. 5É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal".

6A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ó seu home, e tamén el comeu.

7Entón abríronselles os ollos ós dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas. 8Oíron ó Señor Deus camiñar polo xardín ó aire do día, e acocháronse os dous entre as árbores. 9Mais El chamou polo home, preguntándolle: ‑"¿Onde estás?" 10Respondeu o home: ‑"Oínte no xardín, e tiven medo. O verme espido, agacheime".

11Preguntoulle o Señor Deus: ‑"¿Quen che dixo que estabas espido? ¿É que comiches da árbore da que che prohibira comer?"

12Respondeulle o home: ‑"A muller que me deches por compañeira ofreceume do froito, e comín".

13O Señor Deus díxolle á muller: ‑"¿Qué é o que fixeches?" E a muller respondeu: ‑"A serpe enganoume, e comín". 14Entón o Señor Deus díxolle á serpe: ‑"Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. 15Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a dela. Ti tentarás de atanguerlle o calcañar, pero ela esmagarache a cabeza".

16A muller díxolle:

‑"Terás moitos afáns na túa preñez,

parirás con dor os fillos.

Devecerás polo teu home,

e el dominarate".

17O home díxolle: ‑"Porque lle fixeches caso á túa muller, comendo do froito da árbore que che prohibira  comer, por culpa túa será maldita a terra: con traballos tirarás dela a túa mantenza mentres vivas. 18Producirache silvas e abrollos, e terás que comer herbas silvestres. 19Comerar o pan coa túa suor, ata que volvas á terra da que fuches tirado. De feito, ti es po e ó po tes que volver".

20O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven. 21O Señor Deus fíxolles túnicas de pel ó home e á muller, para se vestiren.

22Logo o Señor pensou: ‑"Agora que o home veu ser coma un de nós, en canto a coñecer o ben e o mal, non vaia ser que tenda a man, colla tamén da árbore da vida, coma do froito, e viva sempre".

23E botou ó home do xardín de Edén, para que cultivase a terra da que fora tirado. 24E despois de botalo do xardín, puxo no oriente querubíns con espadas flamexantes, para cortarlle o paso cara á árbore da vida.

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

Caín e Abel

 

1O home achegouse a Eva, súa muller, e esta quedou embarazada. Deu a luz a Caín, e exclamou: ‑"Pola graza do Señor adquirín un home". 2Logo deulle un irmán a Caín, parindo a Abel. Abel era pastor e Caín labrador.

3O tempo pasaba e Caín presentáballe ó Señor ofrendas dos froitos da terra. Tamén Abel sacrificaba as primicias dos seus rabaños e ofrecía as partes mellores. 4O Señor miraba con bos ollos para Abel e para a súa ofrenda, 5pero non para Caín e para a súa. Caín anoxouse moito, e andaba coa cara carraxenta.

6O Señor díxolle a Caín: ‑"¿Por que te alporizas e andas coa testa baixa? 7Se fas o ben, poderás levala ergueita. Se non o fas, xa o pecado rolda á túa porta, estate axexando. Pero ti pódelo dominar".

8Caín falou con seu irmán. E cando saíron fóra, botouse contra el e matouno.

9O Señor preguntoulle a Caín: ‑"¿Onde está Abel, teu irmán?"

Respondeu el: ‑"Non o sei. ¿Ou son eu o garda de meu irmán?"

10O Señor dixo: ‑"¿Que fixeches? O sangue de teu irmán chama por min desde a terra. 11Agora maldícete esa terra, que abriu a súa boca para recibir da túa man o sangue de teu irmán. 12Aínda que a traballes, non che volverá dar froitos con xenerosidade. Irás polo mundo errante e fuxitivo". 13Caín díxolle ó Señor: ‑"O castigo é grande de máis para o poder aturar. 14Agora bótasme desta terra, e quedarei fóra da túa vista. Errante e fuxitivo polo mundo, matarame o primeiro que me atope".

15Respondeulle o Señor: ‑"Se alguén mata a Caín, pagarao sete veces". E púxolle un sinal, para que ninguén que o atopase o matase. 16Caín saíu da presenza do Señor e estableceuse en Nod, ó oriente de Edén.

 

Cainitas e xetitas

 

17Caín achegouse á súa muller e esta quedou embarazada e deu a luz a Henoc. Caín construíu unha cidade e púxolle o nome de seu fillo. 18Henoc foi pai de Irad, este de Mehuiael, este de Metuxael e este de Lámec.

19Lámec casou con dúas mulleres, unha de nome Adah e outra Silah. 20Adah pariu a Iabal, pai dos que habitan en tendas e teñen gandos. 21Seu irmán chamábase Iubal, pai dos que tocan a cítola e a frauta. 22Silah, pola súa parte, pariu a Túbal-Caín, inventor das ferramentas de bronce e de ferro. Tiña unha irmá que respondía por Naamah.

23Lámec avisou ás súas mulleres Adah e Silah:

‑"Escoitádeme, mulleres de Lámec, atendede ás miñas palabras. Por unha ferida matarei un home, por un golpe un rapaz. 24Se Caín é vingado sete veces, Lámec serao setenta e sete".

25O home Adam achegouse outra vez á súa muller, que deu a luz un fillo. Púxolle o nome de Xet, agradecendo: ‑"Deus concedeume un fillo no posto de Abel, a quen matara Caín".

26Tamén Xet tivo un fillo, a quen puxo o nome de Enox. Daquela empezaron os homes a invocar o nome do Señor.

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

Patriarcas antediluvianos

 

1Xenealoxía da humanidade. Cando Deus creou o home, fíxoo á súa imaxe. 2Creounos home e muller, e bendiciunos. O crealos, chamounos homes.`

3Adam tiña cento trinta anos cando xerou un fillo, imaxe súa e semellante a el. Púxolle o nome de Xet. 4Adam viviu aínda oitocentos anos, e tivo outros fillos e fillas. 5Por xunto viviu Adam novecentos trinta anos, e logo morreu.

6Xet tiña cento cinco anos cando lle naceu Enox. 7Despois viviu oitocentos sete anos e tivo outros fillos e fillas. 8Por xunto viviu Xet novecentos doce anos, e logo morreu.

9Enox tiña noventa anos cando lle naceu Quenán. 10Viviu aínda oitocentos quince anos, e tivo outros fillos e fillas. 11Por xunto viviu novecentos cinco anos, e logo morreu.

12Quenán tiña setenta anos cando lle naceu Mahalalel. 13Despois viviu oitocentos corenta anos, e tivo outros fillos e fillas. 14Por xunto viviu novecentos dez anos, e logo morreu.

15Mahalalel tiña sesenta e cinco anos cando lle naceu Iared. 16Viviu aínda oitocentos trinta anos, e tivo outros fillos e fillas. 17Por xunto viviu oitocentos noventa e cinco anos, e logo morreu.

18Iared tiña cento sesenta e dous anos cando lle naceu Henoc. 19Despois viviu oitocentos anos, e tivo outros fillos e fillas. 20Por xunto viviu novecentos sesenta e dous anos, e logo morreu

21Henoc tiña sesenta e cinco anos cando lle naceu Metuxalén. 22Andou o camiño con Deus. Despois de lle nacer Metuxalén viviu aínda trescentos anos, e tivo outros fillos e fillas. 23Por xunto viviu trescentos sesenta e cinco anos. 24Andou o camiño con Deus, e logo desapareceu, porque Deus o levou.

25Metuxalén tiña cento oitenta e sete anos cando lle naceu Lámec. 26Despois viviu setecentos oitenta e tres anos, e tivo outros fillos e fillas. 27Por xunto viviu novecentos sesenta e nove anos, e logo morreu.

28Lámec tiña cento oitenta e dous anos cando lle naceu un fillo. 29Púxolle o nome de Noé, esperando: Este hanos aliviar dos traballos e angueiras que por culpa da maldición do Señor nos causa a terra. 30Despois viviu cincocentos noventa e cinco anos, e tivo outros fillos e fillas. 31Por xunto viviu Lámec setecentos setenta e sete anos, e logo morreu. 32Noé tiña cincocentos cando lle naceron Sem, Cam e Iafet.