Capítulos 6-10

CAPÍTULO 6

 

Respectarás e amarás o Señor, cumprindo os seus mandamentos, preceptos e ordes

 

1Estes son os mandamentos, os preceptos e as ordes que o Señor, voso Deus, mandou ensinarvos, para que os puxésedes en práctica no país ao que ides pasar, para collelo en posesión; 2de xeito que respectes o Señor, o teu Deus, gardando todos os seus preceptos e os seus mandamentos que eu che ordenei, ti e o teu fillo e mais o teu neto, todos os días da túa vida, para que se alonguen os teus días. 3Escoita, Israel, e ten coidado de o practicar, para que sexas feliz e que te multipliques moito, pois tal como cho falou o Señor, Deus dos teus pais, é unha terra que deita leite e mel.

4Escoita, Israel: O Señor, o noso Deus, é Iavé, o único. 5Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con todas as túas aspiracións e con toda a túa forza. 6Os preceptos estes, que eu che mando hoxe, estarán no teu corazón; 7inculcarásllelos ós teus fillos e falarás deles estando na túa casa e indo polo teu camiño, estando deitado e estando de pé: 8ataralos á túa man coma sinal, e servirán de adorno entre os teus ollos, 9escribiralos nos marcos da túa casa e nas túas portas.

10Cando o Señor, o teu Deus, te faga entrar no país que xurara a teus pais Abraham, Isaac e Xacob, que cho daría a ti, con cidades grandes e fermosas que ti non construíches, 11con casas cheas de toda clase de riquezas que ti non acumulaches, con pozos escavados que ti non cavaches, con viñas e campos de oliveiras que ti non plantaches: cando ti comas e te fartes, 12ten moito coidado de non te esqueceres do Señor que te sacou do país de Exipto, da situación de escravitude.

13O Señor, o teu Deus, has de respectar, a El has de adorar; e has de facer o xuramento, invocando o seu nome. 14Non vos vaiades tras doutros deuses, deuses dos pobos que vos rodean, 15porque no medio de ti está un Deus celoso, o Señor, o teu Deus: non sexa que se desafogue contra ti a ira do Señor o teu Deus e te faga desaparecer de sobre a superficie da terra.

16Non tentedes o Señor, voso Deus, tal como o tentastes no lugar de Tentación.

17Gardade fielmente os mandamentos do Señor, voso Deus, as súas normas e os seus preceptos, os que El vos deu.

18Fai o que é correcto e honrado ós ollos do Señor. Así atoparás a felicidade e chegarás a coller posesión do bo país, que o Señor lles prometeu con xuramento ós teus pais, 19botando da túa presenza a todos os teus inimigos, tal como o dixo o Señor.

 

Catequese familiar: teoloxía dos mandamentos deducida da Pascua e da Alianza

 

20Velaí que mañá o teu fillo che preguntará deste xeito: ¿Que son estas normas, estes preceptos e estes decretos que o Señor, o noso Deus, vos mandou a vós? 21Ti responderaslle a teu fillo: Eramos escravos do Faraón en Exipto, pero o Señor sacounos de Exipto con man forte. 22O Señor puxo diante dos nosos ollos en Exipto grandes e terribles sinais e prodixios contra o faraón e contra toda a súa corte. 23Pero a nosoutros sacounos de alí co fin de nos ir guiando, ata darnos a terra que lles prometera baixo xuramento a nosos pais. 24Entón o Señor mandounos pór en práctica todos estes preceptos, respectando así ao Señor o noso Deus, para sermos sempre felices e para podermos vivir coma hoxe. 25A nosa xustiza consistirá en que coidemos de pór en obra todos estes mandamentos ante a presenza do Señor, o noso Deus, tal e como El nolo mandou.

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

O exterminio sacro

 

1Cando o Señor, o teu Deus, te introduza no país no que vas entrar para o tomares en posesión, e cando expulse da túa presenza pobos numerosos ‑os hititas, os guirgaxitas, os amorreos, os cananeos, os perizitas, os hivitas e os iebuseos, sete pobos máis numerosos e poderosos ca ti‑ 2e o Señor, o teu Deus, chos poña diante de ti, para que os castigues, ti entrégaos totalmente ao exterminio sagrado.

Non fagas con eles alianzas nin teñas compaixón deles. 3Non emparentes con eles, non lles deas a túa filla para un fillo deles, nin collas a filla deles para un fillo teu. 4Pois ela apartaría os teus fillos do meu seguimento, para daren culto a deuses alleos, e acenderíase a ira do Señor contra vós e destruiríavos inmediatamente. 5Velaí, pois, o que lles faredes a eles: destruiredes os seus altares, romperedes as súas estelas cúlticas, esnaquizaredes as súas imaxes simbólicas de Axerah e queimaredes no lume as súas imaxes idolátricas. 6Porque ti es un pobo consagrado ao Señor, o teu Deus.

O Señor, o teu Deus, escolleute para seres o pobo da súa persoal propiedade entre todos os pobos que viven sobre a superficie da terra.

7Non foi por serdes vós máis numerosos ca todos os pobos polo que o Señor se namorou de vós e vos escolleu, pois sodes o máis pequeno de todos os pobos; 8senón que foi polo amor do Señor para vós e por manter El o xuramento que lles fixera ós vosos pais, polo que o Señor vos sacou con man forte e vos rescatou da situación de escravitude, do poder do faraón, rei de Exipto.

9Has de saber que o Señor, o teu Deus, é Deus: Deus fiel, que mantén a súa alianza e a súa misericordia por mil xeracións cos que o aman e cumpren os seus mandamentos, 10e que llelas devolve na cara ós que o aborrecen, facéndoos desaparecer; non queda dubidoso ante o que o aborrece, senón que llelas paga en persoa.

11Garda os mandamentos, os preceptos e os decretos que eu che mando hoxe pór en práctica. 12Se facedes caso destes decretos, os gardades e os pondes en práctica, o Señor, voso Deus, manterá contigo a Alianza e a misericordia que lles xurou ós teus pais. 13El quererate, bendicirate e multiplicarate, e tamén bendicirá o froito do teu ventre e o froito da túa terra, o teu trigo, o teu mosto e o teu aceite, as crías das túas vacas e as camadas do teu rabaño sobre a terra, da que lles xurou ós teus pais que cha daría. 14Ti serás máis bendito ca todos os pobos, non haberá en ti macho nin femia estéril, nin no teu rabaño. 15O Señor retirará de ti toda enfermidade e toda peste maligna ‑coma as de Exipto, que ti ben coñeces‑, non cha apegará a ti, senón que llela dará a todos os que te odian.

16Devora a todos os pobos que o Señor, o teu Deus, che vai entregar: que o teu ollo non se entenreza por eles. Non adores os seus deuses, pois son para ti lazo de caza.

17Mira que has de dicir para os teus adentros: estes pobos son máis numerosos ca min, ¡como serei capaz de apoderarme deles! 18Pero non lles teñas medo. Lémbrate ben do que lles fixo o Señor, o teu Deus, ao faraón e a todo o Exipto, 19das grandes probas que viron os teus ollos, dos sinais e prodixios, da man poderosa e do brazo estendido que sacou no teu favor o Señor, o teu Deus. Así actuará o Señor, o teu Deus, contra todos os pobos, en presenza dos que ti sentes medo. 20Tamén lles mandará o Señor, o teu Deus, avésporas, ata que desaparezan os que queden e mais os que se escondan da túa presenza. 21Non te aterrorices da presenza deles, pois o Señor, o teu Deus, está no medio de ti, Deus grande e temible. 22O Señor, o teu Deus, botará fóra da túa presenza pouco a pouco a estes pobos; non verá conveniente facelos desaparecer rapidamente, non sexa que as feras salvaxes se multipliquen con perigo para ti. 23Senón que o Señor, o teu Deus, hachos pór diante e estarreceraos con grande pánico, ata que se aniquilen. 24Entregará os seus reis no teu poder, para que fagas desaparecer o nome deles de debaixo do ceo; non haberá quen se resista na túa presenza ata que os aniquilen a todos eles.

25Habedes de queimar no lume as imaxes dos seus deuses. Non podes cobizar a prata e o ouro que as recobre, nin os collas para ti: non caerás na súa trampa. Olla que son abominación para o Señor o teu Deus, 26non meterás a abominación na túa casa, pois ti serás consagrado ao exterminio o mesmo có ouro e a prata. Ti rexeitaralos totalmente e aborreceralos profundamente, pois son cousa consagrada ao exterminio.

 

 

 

CAPÍTULO 8

 

Clarificación da teoloxía dos mandamentos coas tradicións do deserto

 

1Todo mandamento, que eu che mande hoxe, terás coidado de o cumprires, para que vivades felices, vos multipliquedes e entredes a tomar en posesión a terra que o Señor prometeu con xuramento ós vosos pais. 2Has de te lembrar do camiño polo que o Señor, o teu Deus, te fixo camiñar polo deserto durante estes corenta anos para aflixirte e pórte a proba e saber o que hai nas túas intencións: se ti querías gardar os seus mandamentos, ou non. 3El aflixiute, facéndote pasar fame, e logo deuche de comer o maná, que nin coñecías ti nin coñecían teus pais, co fin de che dar a coñecer que non soamente do pan vive feliz o home, senón que o home vive feliz con todo o que sae da boca do Señor. 4O teu mantón non se gastou sobre ti nin os teus pés che incharon durante estes corenta anos, 5a fin de que ti recoñezas, meditándoo para os teus adentros, que o mesmo que calquera castiga ao seu fillo, así o Señor, o teu Deus, te está castigando. 6Has de gardar os mandamentos do Señor, o teu Deus, para seguires a súa moral e para lle mostrares o teu respecto.

7Olla que o Señor, o teu Deus, te vai levar a un país bo, terra de regueiros de auga, de fontes e lagos que saen das veigas e das montañas; 8terra de trigo e de cebada, de viñas, de figueiras e de granadas, terra de aceite e de mel; 9terra, onde non has comer o pan con mesquindade, onde nada che faltará; terra que ten as pedras de ferro, e con montañas nas que picarás cobre. 10Entón ti comerás ata fartarte e bendicirás o Señor, o teu Deus, polo bo país que che deu.

11Gárdate ben de esquecer o Señor, o teu Deus, non gardando os mandamentos e os decretos e preceptos que eu che estou mandando hoxe. 12Non sexa que cando comas e te fartes e constrúas boas casas, 13e cando se multiplique o teu gando e os teus rabaños, o ouro e a prata se che multiplique, e todo o teu se che multiplique, e 14se che xacta o teu corazón e te esquezas do Señor, o teu Deus, que foi quen te sacou do país de Exipto, da casa da escravitude; 15foi quen te fixo camiñar polo deserto grande e terrible, por culpa das serpentes de mordedura queimante, dos escorpións e da sequidade (pois non había auga); foi El quen fixo saír para ti auga da pedra de granito; 16foi El quen che deu a comer no deserto o maná, que teus pais non coñecían, co fin de te aflixir e pórte a proba, para logo facerche ben no teu futuro.

17Non sexa que vaias dicir para os teus adentros: Foi a miña forza e o poder dos meus puños o que me produciu esta prosperidade. 18Lémbrate máis ben do Señor, o teu Deus, que El é quen che dá a forza para producires a prosperidade, se mantés en pé a súa alianza, a que lles prometeu con xuramento a teus pais, o mesmo que fai hoxe.

19Pero, se ti te esqueces do Señor, o teu Deus, e vas tralos deuses alleos, lles dás culto e te prostras diante deles, eu póñovos como testemuñas hoxe de que pereceredes sen remedio. 20O mesmo cós pobos que o Señor fixo perecer na vosa presenza, así pereceredes, se non lle facedes caso á voz do Señor, voso Deus.

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

A conquista, obra do Señor

 

1¡Escoita, Israel! Ti vas cruzar hoxe o Xordán para tomares posesión de pobos máis grandes e máis poderosos ca ti, de cidades máis grandes e fortificadas có ceo; 2un pobo grande e de grande estatura son os fillos dos anaquitas, ós que ti non coñecías, aínda que ti mesmo oíches: ¿Quen poderá resistir ante os fillos de Anac? 3Pero hoxe vas recoñecer que o Señor, o teu Deus, é quen pasa diante de ti coma lume devorador, El é quen os vai destruír, El é quen os vai subxugar na túa presenza, mentres ti vas tomar posesión deles e os vas facer desaparecer nun instante, tal como cho dixo o Señor.

4Cando o Señor, o teu Deus, os bote da túa presenza, non digas para os teus adentros: Por mor da miña xustiza foi polo que o Señor me fixo entrar a tomar posesión deste país, pois é pola iniquidade destes pobos polo que o Señor os desposúe do país que está na túa presenza. 5Non é pola túa xustiza nin pola rectitude das túas intencións polo que ti vas entrar a tomar posesión do seu país. Certo que é pola iniquidade destes pobos, polo que o Señor, o teu Deus, os vai despoxar do país que está na túa presenza, para así manter a promesa que o Señor lles fixo con xuramento a Abraham, a Isaac e a Xacob. 6Recoñece que non é pola túa xustiza polo que o Señor, o teu Deus, che entrega este bo país, para o tomares en posesión, pois ti es un pobo de cabeza dura.

 

Un pobo teimudo

a) O becerro de metal fundido

 

7Recorda, non te esquezas de que enfadaches o Señor, o teu Deus, no deserto; desde o día en que saíches do país de Exipto ata a vosa chegada a este lugar, estivestes rebelándovos contra o Señor. 8No Horeb enfadastes o Señor, e o Señor anoxouse contra vós ata querer destruírvos.

9Cando eu subín á montaña para recoller as lousas de pedra, as táboas da Alianza, que o Señor pactara convosco, quedei na montaña corenta días e corenta noites, sen comer pan e sen beber auga. 10Entón o Señor entregoume as dúas lousas de pedra, escritas co dedo índice de Deus, e sobre elas había certamente todos os mandamentos que o Señor vos dera na montaña, desde o medio do lume, o día da asemblea. 11Foi ao cabo de corenta días e de corenta noites, cando o Señor me entregou as dúas lousas de pedra, as táboas da Alianza.

12Entón díxome o Señor: Levántate e baixa rápido de aquí, que se corrompeu o teu pobo, o que ti sacaches de Exipto. Ben axiña se apartaron do camiño que eu lles mandei. Fixeron para eles un ídolo de fundición. 13Logo díxome o Señor: Estou ollando para este pobo, e velaí que é un pobo de dura cerviz. 14Déixame, vounos destruír, e borrar o seu nome de debaixo do ceo, mentres que a ti te vou converter nun pobo máis poderoso e máis numeroso ca eles.

15Entón dei a volta e baixei da montaña coas dúas táboas da Alianza nas miñas mans, mentres a montaña estaba ardendo en labarada. 16Ollei, e velaí que pecarades contra o Señor, voso Deus. Fixerades un becerro de metal fundido. Ben axiña vos apartarades do camiño que vos tiña mandado o Señor. 17Entón collín as dúas lousas, tireinas das miñas mans e esnaquiceinas diante dos vosos ollos.

18Logo prostreime no chan diante do Señor, tal e como o fixera a primeira vez, durante corenta días e corenta noites, sen comer pan nin beber auga, por culpa de todos os pecados que acababades de cometer, facendo o que está mal ós ollos do Señor, ata ofendelo. 19Certo que lle tiña medo á ira e á carraxe con que estaba enfadado o Señor contra vós, a tal punto que vos quería destruír; pero o Señor tamén esta vez me escoitou. 20Tamén estaba o Señor tan enfadado contra Aharón, que o quería matar, mais eu tamén recei por Aharón daquela. 21Logo collín o pecado que fixerades, o becerro, queimeino no lume, e esnaquiceino, triturándoo ben ata que quedou moído coma o po, e botei o seu po ao regueiro que baixa da montaña.

 

b) Outros pecados no deserto

 

22Logo seguistes enfadando ao Señor en Taberah, en Masah e en Quibrot Hatavah. 23E cando o Señor vos mandou saír de Cadex Barnea, dicíndovos: Subide e tomade posesión da terra que eu vos entreguei, vós rebelástesvos contra a orde da boca do Señor, voso Deus; non vos fiastes del nin lle fixestes caso á súa voz. 24Desde o día en que vos coñecín, vindes sendo rebeldes co Señor.

25Entón prostreime no chan diante do Señor corenta días e corenta noites, igual que me prostrara antes, pois o Señor falara de vos destruír, 26e receille ao Señor, dicindo: Meu Señor, Deus, non destrúas o teu pobo e a túa herdanza, a que ti redimiches, coa túa grandeza, a que ti fixeches saír de Exipto coa túa forte man. 27Lémbrate dos teus servos: de Abraham, de Isaac e de Xacob; non olles para a obstinación deste pobo, nin para a súa ruindade, nin para o seu pecado, 28senón hase dicir: O Señor non foi capaz de traelos á terra de onde os sacara e que lles prometera, senón que polo odio que lles ten, fíxoos saír, para os facer morrer no deserto. 29Pero eles son o teu pobo e a túa herdanza, que fixeches saír co teu grande poder e co teu brazo estendido.

 

 

 

CAPÍTULO 10

 

A Arca da Alianza, os levitas e a morte de Aharón

 

1Naquela ocasión díxome o Señor: Corta dúas lousas de pedra, coma as primeiras, e sube a xunto de min á montaña, e fai tamén unha arca de madeira: 2Eu vou escribir sobre as lousas os mandamentos que había sobre as lousas primeiras que ti rompiches, e logo halas pór na arca.

3Entón eu fixen unha arca de madeira de acacia, cortei dúas lousas de pedra, coma as primeiras, e subín á montaña coas dúas lousas na miña man. 4El escribiu nas lousas, coa mesma escritura da primeira vez, os dez mandamentos que vos dera o Señor na montaña, desde o medio do lume o día da asemblea, e entregoume as lousas a min. 5Logo dei volta e baixei da montaña; puxen as lousas na arca que fixera, e quedaron alí, tal como o Señor mo mandara.

6Os israelitas marcharon dos pozos de Bene-Iacán ata Moserah. Alí morreu Aharón e alí foi enterrado, e o seu fillo Elazar sucedeuno no cargo de sacerdote. 7Desde alí marcharon ata Gudgódah, e de Gudgódah ata Iotbátah, terra de regueiros de auga.

8Naquela ocasión escolleu o Señor a tribo de Leví para que levase a Arca da Alianza do Señor, para que se mantivese na presenza do Señor dándolle culto e bendicindo no seu nome tal como fai aínda hoxe. 9Por isto, Leví non ten herdanza nin parte coma os seus irmáns. A súa herdanza é o Señor, tal como llo dixo o Señor, o teu Deus.

10Entón eu quedei na montaña, o mesmo cá primeira vez, durante corenta días e corenta noites, e tamén esta vez me fixo caso o Señor. O Señor non quixo destruírte, 11senón que me dixo: Levántate, e vai diante do pobo darlle o sinal de saída, para que entren a tomar posesión do país, que xurei darlles ós vosos pais.

 

Síntese final:

a) Esixencias da Alianza

 

12E agora Israel ¿que é o que o Señor, o teu Deus, che pide? Tan só que respectes o Señor, o teu Deus, que camiñes por todos os seus vieiros, que o ames e que sirvas o Señor, o teu Deus, con todas as túas intencións e con todos os teus folgos, 13que gardes os mandamentos do Señor e os seus preceptos, que eu che mando para o teu ben.

14Si, do Señor, o teu Deus, son os ceos e o máis esplendoroso dos ceos, a terra e todo o que hai nela; 15pero soamente de teus pais se namorou o Señor, e escolleuvos a vós, a súa descendencia, de entre todos os pobos, tal como se ve hoxe.

16Circuncidade os prepucios dos vosos corazóns e non volvades endurecer a vosa cabeza, 17pois o Señor, o teu Deus, é Deus dos deuses, Señor dos señores, o Deus grande, poderoso e temible; é imparcial e non acepta o suborno; 18El é quen lles fai xustiza ao orfo e á viúva, e quen ama ao emigrante dándolle pan e vestido.

19Amaredes o emigrante, xa que fostes emigrantes no país de Exipto. 20O Señor o teu Deus, respectarás, a El servirás e a El has de te apegar e prestar xuramento no seu nome. 21El será a túa loanza, El será o teu Deus, que fixo por ti esas grandes e terribles cousas que viron os teus ollos. 22Setenta persoas eran os teus devanceiros cando baixaron a Exipto, pero agora o Señor, o teu Deus, volveute tan numeroso coma as estrelas do ceo.