Capítulos 6-10

Ahicar, nas mans israelitas

 

Capítulo 6

 

1Tan pronto cesou o tumulto das xentes que rodeaban o consello, dixo Holofernes, xefe supremo do exército de Asiria, a Ahicar diante de todos os pobos estranxeiros e dos moabitas:

2‑"¿Quen es ti, Ahicar, e quen eses mercenarios de Amón, para nos virdes con profecías e aconsellardes que non loitemos contra esa nación israelita, porque a protexe o seu Deus? ¿Que outro deus hai fóra de Nabucodonosor? Este enviará o seu exército e borraraos da face da terra, sen que o seu Deus os poida librar. 3Mais nós, os servos de Nabucodonosor, esmagarémolos como a un só home, 4e non poderán resistir o empuxe dos nosos xinetes. Varrerémolos. Os seus montes embebedaranse de sangue e as súas chairas encheranse de cadáveres, e non se poderán manter en pé diante de nós, senón que perecerán a feito, di o rei Nabucodonosor, señor de toda a terra. Falou el e as súas palabras cumpriranse. 5E polo que a ti toca, Ahicar, mercenario de Amón, que tales discursos pronunciaches neste día, o día da túa insensatez, non volverás ver o meu rostro mentres eu non dea castigado a esa nación dos fuxidos de Exipto. 6Entón, cando eu volva, a espada dos meus soldados e a lanza dos meus oficiais atravesarán o teu costado e caerás onda os seus feridos. 7Vante levar agora os meus servidores á montaña e vante deixar nunha das cidades das congostras, 8e non perecerás ata que sexas exterminado xuntamente con eles. 9E se para os teus adentros pensas que non nos imos apoderar deles, non esteas amoucado. Pero ten por certo que de canto dixen non deixará de cumprirse nin unha soa palabra".

10Despois ordenou Holofernes ós servos que estaban na tenda que agarrasen a Ahicar e o levasen a Betulia, e que llelo entregasen ós israelitas. 11Os servidores tomárono e sacárono fóra do campamento, á chaira, e desta pasárono á rexión montañosa, ata atinxiren as fontes que hai debaixo de Betulia. 12Nada máis velos os da cidade, colleron as armas e saíron ó cume do monte e empezaron a tirarlles pedras, sen os deixar subir. 13Eles, entón, acochándose nas fendas do monte, ataron a Ahicar e abandonárono na  ladeira e retornaron onda o seu amo.

14Os israelitas baixaron da cidade, achegáronse, desatárono e levárono a Betulia e presentárono ós xefes da cidade, 15que por aquel tempo eran Ozías, fillo de Miqueas, da tribo de Simeón, Abrís, fillo de Gotoniel, e Carmís, fillo de Melquiel. 16Estes mandaron convocar a todos os anciáns da cidade. Xuntáronse tamén na asemblea todos os mozos e as mulleres, e, posto Ahicar no medio do pobo, preguntoulle Ozías sobre o sucedido. 17Ahicar respondeu contándolles canto ocorrera no consello de Holofernes: canto dixera ante os oficiais asirios e os descaros de Holofernes contra os israelitas. 18Entón o pobo prostrouse, adorou o seu Deus e berrou:

19‑"Señor, Deus do ceo, olla a fachenda deses e ten piedade de nós, pobo humillado, e mira hoxe ós teus consagrados".

20Deron, despois, ánimos a Ahicar e loárono grandemente. 21E, rematada a asemblea, Ozías levouno á súa casa e ofreceu un banquete ós anciáns. Toda aquela noite estiveron invocando a axuda do Deus de Israel.

 

 

II. O ASEDIO DE BETULIA

 

Os asirios atacan Betulia

 

Capítulo 7

 

1O día seguinte deu orde Holofernes a todo o seu exército e ás tropas auxiliares de levantar o campamento e atacar Betulia, empezando por ocupar a subida dos montes e abrir as hostilidades contra os israelitas. 2Preparáronse, pois, todos os homes de armas, en número de cento setenta mil infantes, e doce mil xinetes, ademais dos da intendencia e a gran multitude de homes de a pé que ían canda eles. 3Acamparon no val, onda Betulia, ó lado da fonte, e despregáronse todo ó  longo en dirección a Dotán ata Belmain, e ó longo desde Betulia ata Ciamón, que está en fronte de Esdrelón. 4Cando os fillos de Israel viron aquela multitude, cheos de espanto, dixéronse uns ós outros:

‑"Ben seguro que estes van arrasar toda a terra, e nin os altos montes, nin os outeiros, nin os vales, nin os barrancos, poderán aguantar tanto peso".

5E tomando cada un as súas armas, acenderon fogueiras nas torres e permaneceron en garda toda a noite.

6O segundo día, Holofernes fixo desfilar toda a cabalería á vista dos fillos de Israel que estaban en Betulia. 7Explorou as subidas á cidade, inspeccionou as fontes e ocupounas, deixando nelas guarnicións de soldados, e volveu xuntarse co seu exército. 8Entón acercáronselle os príncipes de Esaú, os xefes de Moab e os xenerais do litoral, e dixéronlle:

9‑"Escoite o noso señor unha soa palabra e non haberá nin un só ferido no seu exército. 10Este pobo dos fillos de Israel non confía nas súas lanzas, senón nas alturas dos montes onde viven, certamente difíciles de rubir.

11Polo tanto, señor, non loites contra eles como en batalla aberta, para que non caia nin un só dos teus. 12Fica ti no campamento, reserva a todos os teus soldados e déixanos ocupar a fonte que mana ó pé da montaña, 13pois de aí sacan a auga os de Betulia. A sede mataraos e acabarán por renderche a cidade. Entón nós rubiremos cos nosos a ocupar as alturas dos montes próximos e acamparemos nelas, facendo a garda, e impediremos que saia home ningún. 14Deste xeito, a fame acabará con homes, mulleres e nenos, e, aínda antes de que os alcance a espada, caerán tendidos polas prazas da cidade. 15Entón ti daraslles o castigo merecido pola súa malvada conduta, pois non quixeron saír ó teu encontro en son de paz".

16Parecéronlle ben estes consellos a Holofernes e a todos os seus oficiais, e ordenou executar ó punto canto se dixera. 17Os fillos de Amón puxéronse en marcha con cinco mil asirios, acamparon no val e ocuparon as fontes e mananciais dos israelitas. 18Os edomitas e amonitas, á súa vez, rubiron e acamparon na montaña, fronte a Dotán, e mandaron destacamentos cara ó sur e ó leste, fronte a Ecrebel, onda Cux, sobre o torrente de Mocmur. O resto do exército asirio ficou acampado na chaira, cubrindo todo o terreo. As súas tendas e bagaxes formaban un campamento moi extenso, pois era unha multitude inmensa.

19O vérense cercados os israelitas polo inimigo, sen fuxida posible, gritaron ó Señor o seu Deus, pois empezaban a perder o ánimo. 20A infantería, cabalería e carros do exército asirio mantivo o cerco durante trinta e catro días, de maneira que ós habitantes de Betulia se lles acabaron todas as augas, 21quedaron baldeiras as cisternas, sen que nin un só día puidesen beber a fartar, senón que se lles distribuía a auga con medida. 22Os nenos aparecían enfraquecidos, as mulleres e mozos desfalecían coa sede e caían sen forza nas rúas da cidade e nos pasos das portas.

23Entón todo o pobo veu onda Ozías e os príncipes da cidade, os mozos, as mulleres e os nenos, e, dando grandes berros, dicían na presenza dos anciáns:

24‑"Que Deus xulgue entre nosoutros e vosoutros, pois cometestes contra nós unha gran inxustiza, ó non tratardes a paz cos fillos de Asur. 25Agora xa non temos ninguén que nos veña socorrer, senón que Deus nos vendeu e nos entregou nas súas mans para que morramos de sede e nos vexamos nunha desfeita total. 26Polo tanto, chamádeos e entregádelles a cidade, como botín a Holofernes e a todo o seu exército. 27Pois vale máis para nós ser entregados ó seu furor, ser os seus escravos, pero seguir vivindo, que ver cos nosos ollos a morte dos nosos fillos e o esmorecemento das nosas mulleres e dos nosos mozos. 28Conxurámosvos polo ceo, a terra, e o noso Deus e Señor de nosos pais, que nos aflixe polos nosos pecados e os de nosos pais, que escoitedes canto hoxe vos pedimos".

29Entón no medio desta gran asemblea elevouse un gran clamor, chorando todos xuntos e suplicando ó seu Señor con grandes berros.

30Entón díxolles Ozías:

‑"Tede ánimo, irmáns; resistamos outros cinco días máis, a ver se mentres vén sobre nós a misericordia do noso Deus, pois non nos abandonará para sempre. 31Se nestes días non nos chegan os seus auxilios, farei canto dicides".

32E despediu a seguido a xente, mandando a cadaquén ó seu posto, uns ós muros, outros ás torres da cidade, e as mulleres e os nenos ás súas casas. Había en toda a cidade unha gran tristura.

 

 

III. XUDIT

 

Xudit, a heroína

 

Capítulo 8

 

1Neste tempo coñeceu isto Xudit, filla de Merarí, fillo de Uz, fillo de Xosé, fillo de Uziel, fillo de Alcana, fillo de Hananías, fillo de Guideón, fillo de Rafaím, fillo de Aquitob, fillo de Elías, fillo de Helquías, fillo de Eliab, fillo de Natanael, fillo de Xelumiel, fillo de Saraxadai, fillo de Israel. 2O seu marido, Menaxés, da súa mesma tribo e familia, morrera polo tempo da seitura da cebada. 3Estaba á fronte dos que ataban os monllos no campo, cando a forza do sol lle afectou á cabeza, véndose obrigado a se meter na cama, e morreu na súa cidade natal de Betulia; foi enterrado con seus pais no campo que hai entre Dotán e Bel-Amón. 4Xudit levaba xa tres anos e catro meses de viúva, vivindo na súa casa. 5Levantara unha tenda na parte alta da casa, e levaba un saco cinguido ó van, e os seus vestidos eran os da viuvez. 6Xexuaba todos os días, bardante os sábados e as vixilias dos sábados, as vixilias dos novilunios, das festas e dos días de ledicia da casa de Israel. 7Era fermosa e moi ben parecida. O seu home Menaxés deixáralle ouro e prata, criados e criadas, gando e terras, e era ela a dona deses bens, 8e non había ninguén que puidese dicir cousa contra ela, pois o seu temor de Deus era extremo.

 

Palabras de Xudit

 

9Chegou a coñecemento de Xudit canto o pobo dixera cheo de amargura diante do xefe da cidade, pola falta da auga. Soubo tamén Xudit todo o que Ozías lles dixera, e como lles xurara que dentro de cinco días entregaría a cidade ós asirios. 10Entón, mandou a serva que coidaba de todos os seus bens que fose chamar a Abrís e Carmís, anciáns da cidade. 11Cando chegaron, díxolles:

‑"Escoitádeme, vós que sodes os xefes dos habitantes de Betulia: non está ben o que hoxe falastes diante do pobo, cando interpuxestes entre Deus e vós un xuramento, dicindo que entregabades a cidade ós vosos inimigos se neses días non viña o Señor no voso auxilio. 12¿E quen sodes vós para ter o atrevemento de tentar hoxe a Deus desta maneira, substituíndoo en medio dos fillos dos homes? 13¿Como é que tentades así o Deus omnipotente? ¿Nunca acabaredes de aprender? 14Vós que non sodes capaces de esculcar o corazón dos homes, sen penetrar endexamais nos pensamentos do seu espírito, ¿como vides sondar a súa intelixencia e os seus pensamentos? Non, irmáns, non alporicedes ó Señor, o noso Deus. 15Se non ten a ben socorrernos no prazo de cinco días, sempre ten o poder de nos protexer no día que queira; como de nos deixar perecer diante dos ollos dos nosos inimigos. 16Así, pois, non tratedes de forzar os designios do Señor, o noso Deus, pois Deus non é coma os homes, que se mova con ameazas, nin coma un fillo de home para lle esixir un deber. 17Polo contrario, agardemos a salvación que del vén, e pidámoslle que acuda no noso auxilio. Se o ten a ben, oirá a nosa voz.

18Pois non hai ninguén da nosa raza no día de hoxe, ningunha tribo, familia, liñaxe, ningunha cidade, que adore deuses feitos pola man do home, como ocorreu nos tempos pasados, 19motivo polo que foron entregados os nosos pais á espada e á pillaxe, e se viron perdidamente derrotados polos nosos inimigos. 20Pero polo que a nós toca, non recoñecemos outro Deus fóra del, de aí a nosa esperanza de que non nos desprezará, nin a nós nin a ninguén da nosa raza.

21Pois se nós fosemos tomados, toda a Xudea caería connosco, o noso santuario sería saqueado, e sería vingada a profanación que fixesen eles, co noso sangue. 22Imputaríanos a morte de nosos irmáns, a catividade da nosa raza e a desolación da nosa herdade: todo isto caería sobre a nosa cabeza, no medio das nacións ás que teremos que servir; nas que seriamos a mofa e escarnio dos nosos amos. 23E a nosa escravitude non nos sería de proveito, antes o Señor, noso Deus, converteríaa en motivo de vergonza. 24Agora, pois, irmáns, mostrémoslles ós nosos concidadáns que a súa vida depende de nós, e que nós somos o sostén do santuario, e do templo e do altar.

25E ante todo, deámoslle grazas ó Señor, o noso Deus, que nos proba coma a nosos pais. 26Lembrádevos do que fixo con Abraham, como probou a Isaac, e canto lle ocorreu a Xacob en Mesopotamia de Siria, cando gardaba as ovellas de Labán, irmán de súa nai. 27Pois, o mesmo que o Señor os probou a eles para sondar os seus corazóns, así tamén agora nos castiga a nós, non certamente para se vingar de nós, senón para reprendernos ós que estamos ó seu servizo".

28Ozías respondeulle:

‑"Todo canto dixeches proba a bondade do teu corazón, e non pode haber ninguén que se opoña ás palabras da túa boca. 29Pois non é hoxe a primeira vez que se manifesta a túa sabedoría, senón que desde o comezo dos teus días, todo o pobo soubo da túa intelixencia, e comprendeu as boas disposicións do teu corazón. 30Mais o pobo sufría moito coa sede, e forzáronnos a facer o que lles dixemos, comprometéndonos cun xuramento que xamais non poderemos quebrantar. 31Agora, pois, pide por nós, ti que es unha muller piadosa; e o Señor mandará a auga para encher as nosas cisternas e así non perezamos".

32Xudit respondeu:

‑"Escoitádeme. Vou facer unha cousa que pasará de xeración en xeración en toda a posteridade do noso pobo. 33Vós estádevos esta noite á porta da cidade. Eu sairei coa miña serva, e o Señor visitará a Israel pola miña man dentro do intervalo deses días fixados para entregar a cidade ós nosos inimigos. 34Pola vosa parte, non intentedes saber que é o que vou facer, pois non volo direi ata que o poña por obra".

35Ozías e os demais xefes da cidade respondéronlle:

‑"Vai en paz e que o Señor Deus vaia canda ti, a fin de que te vingues dos nosos inimigos".

36E deixando a tenda, marchou cada un ó seu posto.

 

Pregaria de Xudit

 

Capítulo 9

 

1Xudit prostrouse rostro a terra, botou cinsa na cabeza, descubriu o saco con que se cinguira e, á mesma hora en que se ofrecía o incenso daquela tarde en Xerusalén no templo de Deus, orou ó Señor en voz alta, dicindo:

2‑"Señor, Deus de meu pai Simeón,

na súa man puxeches unha espada para que se vingase dos estranxeiros

que tiveran o atrevemento de desatar a cintura dunha virxe, para a súa deshonra,

que espiron a súa cadeira

para cometeren unha acción vergoñenta,

profanando o seu seo e aldraxándoa.

Contra os teus mandamentos obraron eles,

3e por iso entregaches os seus príncipes á morte violenta,

e o seu leito, testemuña dos seus enganos, deixáchelo cuberto de sangue.

Feriches os príncipes xunto cos escravos e os escravos xunto cos príncipes.

4Entregaches as súas mulleres como botín, as súas fillas á catividade,

todos os seus espolios para seren repartidos

entre os teus fillos ben queridos,

que se mostraron cheos de celo  por ti,

e aborreceron a impureza no seu sangue

e que suplicaron a túa axuda.

¡Oh Deus, meu Deus, escóitame tamén na miña viuvez.

5Ti, en efecto, es o autor das fazañas pasadas, das de agora e das que virán despois,

Ti planeas o presente e o futuro,

o que ti queres, faise;

6os teus designios preséntanse e din:

Aquí estamos.

Pois todos os teus camiños foron preparados

e todos os teus xuízos encérranse na túa presciencia.

7Olla agora para as forzas que multiplicaron os asirios,

fachendosos dos seus cabalos e xinetes,

fiados dos seus escudos e das súas lanzas,

arcos e fondas;

e non saben que ti es o Señor,

que quebrantas as guerras.

8O teu nome é Señor.

Desbarata as súas forzas co teu poder;

reprime o seu dominio coa túa cólera,

pois teñen a intención de profanaren o teu santuario,

lixaren o tabernáculo no que repousa

a gloria do teu nome,

e abateren co ferro os cornos do altar.

9Mira o seu orgullo,

fai baixar a túa cólera sobre as súas cabezas,

e dá forzas á miña man

para que poida executar o que cavilo,

eu que non son máis ca unha pobre viúva.

10Fire pola astucia dos meus beizos

ó que obedece e ó que manda,

ó que goberna e ó que o serve;

quebranta a súa fereza

pola man dunha muller.

11Pois a túa forza non está na multitude,

e o voso poder non depende dos que son poderosos,

antes ti es o Deus dos humildes,

o socorro dos pequenos,

o protector dos que se ven abandonados,

o salvador dos que xa non teñen outra esperanza.

12Si, si, Deus de meu pai,

Deus dese pobo de Israel, que é a túa herdanza,

Mestre soberano dos ceos e da terra,

Creador das augas,

Rei de todas as túas criaturas,

escoita a miña pregaria.

13Dáme unha linguaxe sedutora

para ferir e quebrantar

a eses homes que maquinan plans aleivosos

contra a túa alianza,

contra a casa por ti consagrada,

contra a montaña de Sión,

e contra a casa que habitan os teus fillos.

14Fai que todo o teu pobo e todas as tribos saiban

que ti es Iavé, o Deus de todo poder e de todo imperio,

e que non hai ninguén fóra de ti que protexa a estirpe de Israel".

 

 

IV. XUDIT E HOLOFERNES

 

Baixa Xudit ó campamento asirio

 

Capítulo 10

 

1Rematada a súa pregaria ó Deus de Israel, e ditas estas palabras, 2levantouse Xudit do lugar onde se prostrara, chamou pola súa serva e baixou á casa na que tiña o costume de pasar os sábados e as festas. 3Quitou o saco co que se cinguira e os vestidos de viuvez; lavou o corpo con auga e perfumouno cun ungüento exquisito; compuxo os seus cabelos e puxo unha fita na cabeza; vestiuse coas roupas de festa, as que levaba cando aínda vivía o seu marido Menaxés. 4Púxose sandalias, colares, brazaletes, aneis, pendentes e todas as súas xoias, en fin, que se cubriu de todo o de máis atracción para seducir os ollos de cantos homes a visen. 5Deu logo á súa serva un fol de viño e unha botella de aceite, e encheu o seu saco de tortas de figos e pans puros. Envolveuno todo e deullo tamén á criada. 6Entón saíron e camiñaron ata a porta da cidade de Betulia, onde se atoparon con Ozías e cos anciáns da cidade, Abrís e Carmís. 7O vela co seu rostro transfigurado e mudados os vestidos, asombrados da súa beleza, dixéronlle:

8‑"Que o Deus de nosos pais te favoreza

e cumpra canto te propós,

para gloria dos fillos de Israel

e exaltación de Xerusalén".

9Ela adorou a Deus e díxolles:

‑"Mandade que me abran a porta da cidade e eu irei poñer por obra iso que me dixestes".

Eles ordenaron ós mozos que lle abrisen a porta, segundo pedía. 10Así o fixeron e Xudit saíu xunto coa súa serva. Os homes da cidade seguírona coa mirada ata que baixou a montaña e atravesou o val; despois disto xa non a viron máis.

11Elas seguiron dereitiñas polo val ata que unha patrulla dos asirios lles saíu ó paso. 12Detivérona e preguntáronlle:

‑"¿De que pobo es ti? ¿De onde vés? ¿A onde vas?".

Ela respondeu:

‑"Son unha filla dos hebreos; escapei deles, porque vos serán entregados en presa. 13Veño presentarme a Holofernes, o xeneralísimo do voso exército, para falarlle a linguaxe da verdade, e expoñer diante del o camiño a seguir para se facer dono de todas esas montañas, sen que pereza ningún dos seus homes".

14Aqueles homes, despois de escoitar a súa fala e de contemplar o seu rostro, que lles parecía admirable, dixéronlle:

15‑"Salvaches a túa vida ó dáreste présa para vires á presenza do noso señor. Agora, pois, vai á súa tenda, que algúns dos nosos te acompañarán ata que esteas nas súas mans. 16Cando te vexas na súa presenza, non teñas medo; dille o que a nós nos dixeches e tratarate ben".

17E elixiron de entre eles cen homes para que a escoltasen, xunto coa súa serva, e leváronas ata a tenda de Holofernes.

18A noticia da súa chegada foise correndo por todas as tendas e xuntouse moita xente no campamento. E cada un que chegaba rodeábaa, mentres ela seguía agardando fóra da tenda de Holofernes, en tanto non se informase. 19Todos se pasmaban da súa beleza e por ela pasmábanse dos israelitas, e dicíanse uns ós outros:

‑"¿Quen desprezará a este pobo que ten no seu seo tales mulleres? Non convén que quede nin un só home de entre eles; pois un só que quede é capaz de enganar a toda a terra".

20Nisto saíron os da escolta persoal de Holofernes e cantos o servían e metérona na tenda. 21Holofernes estaba repousando no seu leito, baixo un dosel de púrpura e ouro, recamado con esmeraldas e pedras preciosas. 22Anunciáronlla e saíu ata a parte exterior da súa tenda, precedido de lámpadas de prata. 23Cando Xudit chegou diante de Holofernes e de cantos o servían, admiraron todos a fermosura do seu rostro. Entón ela prostrouse diante del, rostro en terra, e os servos levantárona.