Capítulos 21-25

David cos sacerdotes de Nob

 

Capítulo 21

 

1David ergueuse e marchou e Ionatán volveu para a cidade. 2David chegou a Nob, onda o sacerdote Ahimélec. Ahimélec saíu inquedo ó seu encontro e preguntoulle: ‑"¿Como é que vés só, sen compaña de ninguén?" 3David respondeulle ó sacerdote Ahimélec: ‑"O rei envioume a un asunto e ordenoume: que ninguén saiba nada do asunto que che mando nin das ordes que che dei. Teño citados en certo sitio os meus homes.

4Agora dáme cinco pans, se os tes á man, ou o que teñas". 5O sacerdote respondeulle a David: ‑"Non teño á man pan común; dareiche pan consagrado, se os teus homes se gardaron do trato con mulleres". 6David díxolle ó sacerdote: ‑"Non. As mulleres estannos prohibidas, coma sempre que saímos de batida. Os corpos dos meus homes están limpos. Mesmo se esta saída é ordinaria, os homes hoxe están limpos". 7O sacerdote deulle o pan consagrado, xa que non había alí outro pan, fóra dos pans da presentación, que foran retirados da presenza do Señor, para por os quentes do día.

8Aquel día había alí un home dos servos de Xaúl, detido no santuario, que se chamaba Doeg, edomita, xefe dos pastores de Xaúl. 9David preguntoulle a Ahimélec: ‑"¿Non terás aquí, á man, unha lanza ou unha espada? Non traio comigo nin espada nin arma ningunha, porque a encomenda do rei era urxente". 10O sacerdote respondeulle: ‑"Teño a espada de Goliat, o filisteo que ti mataches no val de Elah. Aí está, envolta nun pano, tras do efod. Se a queres, cóllea, pois aquí, fóra desa, non hai outra". David respondeulle: ‑"Non a hai coma ela. Dáma".

 

David co rei Aquix de Gat

 

11David foi fuxindo aquel día da presenza de Xaúl e chegou onda Aquix, rei de Gat. 12Os servidores de Aquix comentaron con el: ‑"¿Non é ese David, o rei do país? ¿Non era a el a quen lle cantaban en corro:

Xaúl matou os seus mil, pero David os seus dez mil?"

13David reparou naqueles comentarios e colleulle medo a Aquix, rei de Gat. 14Entón púxose a facer o tolo diante deles, para pasar por louco. Rabuñaba as portas cos dedos e deixaba esvarar o cuspe pola barba. 15Aquix díxolles entón ós seus serventes: ‑"Como vedes, este home está louco. ¿Para que mo trouxestes aquí? 16¿Seica ando eu escaso de tolos, para que traiades a este facer toladas diante miña? ¿Vai entrar este no meu pazo?"

 

David en Adulam e Mispah

 

Capítulo 22

 

1David marchou de alí e foise esconder á furna de Adulam. Soubérono os seus irmáns e toda a súa familia e foron alí onda el. 2O redor del xuntáronse xentes que estaban en apuros, homes cargados de débedas e desesperados da vida. David foi o seu xefe. Chegou a haber ó seu arredor coma catrocentos homes.

3De alí foi David a Mispah de Moab. E díxolle ó rei de Moab: ‑"Permite que meu pai e miña nai queden aquí convosco, ata que eu acabe de saber o que Deus quere de min". 4Presentoullos ó rei de Moab e eles quedaron alí todo o tempo que David estivo no refuxio.

5O profeta Gad díxolle a David: ‑"Non quedes nese refuxio. Vai e entra na terra de Xudá". David marchou de alí e meteuse no bosque de Háret.

 

Morte dos sacerdotes de Nob

 

6Chegoulle noticia a Xaúl de que se soubera de David e dos seus homes, mentres estaba el en Guibah, sentado debaixo dun tamarisco, no outeiro, coa lanza na man e rodeado dos seus servidores. 7Xaúl faloulles deste xeito: ‑"Escoitádeme, benxaminitas. Polo visto o fillo de Ixaí vai repartir entre todos vós agros e viñas e vaivos nomear a todos xefes de milleiro e de centuria, 8pois conspirades todos contra min e ninguén me informou do pacto de meu fillo co fillo de Ixaí. Ninguén de vós ten dó de min. Ninguén me descubriu que o meu fillo ergueu contra min a un servo meu, que me está axexando agora mesmo".

9Respondeulle Doeg, o edomita, un dos servidores de Xaúl: ‑"Eu vin o fillo de Ixaí chegar a Nob, onda Ahimélec, fillo de Ahitub, 10que consultou ó Señor por el, forneceuno de provisións e deulle a espada de Goliat, o filisteo".

11O rei mandou chamar polo sacerdote Ahimélec, fillo de Ahitub, e por toda a súa familia de sacerdotes de Nob. Compareceron todos onda o rei 12e Xaúl dixo: ‑"Escóitame, fillo de Ahitub". E el respondeu: ‑"Aquí estou, meu Señor". 13Xaúl preguntoulle: ‑"¿Por que vos conxurastes contra min ti e o fillo de Ixaí? Ti décheslle pan e unha espada e consultaches a Deus por el, para que se repuxese contra min e me axexase, cousa que está facendo xa".

14Ahimélec respondeulle ó rei: ‑"¿Quen dos teus servos é de fiar coma David, xenro do rei, xefe da túa garda, honrado no teu pazo? 15¿É hoxe a primeira vez que consulto a Deus por el? Mais ¡Deus me libre! Non lle apoña o rei ó seu servidor nin á súa familia esas cousas, pois o teu servo non sabe nin pouco nin moito sobre iso". 16O rei díxolle: ‑"Vas morrer, Ahimélec, ti e toda a túa familia".

17O rei mandoulles ós soldados da súa garda: ‑"Cercade os sacerdotes do Señor e matádeos, xa que se puxeron de parte de David e sabendo que fuxía non me deron aviso". Pero os servidores do rei non quixeron erguer as mans para matar os sacerdotes do Señor. 18O rei díxolle entón a Doeg: ‑"Acércate ti e mátaos". E Doeg o edomita achegouse, pegou nos sacerdotes e matounos: oitenta e cinco homes, que levaban efod de liño. 19Na cidade sacerdotal de Nob, Xaúl fixo matar co gume da espada homes e mulleres, rapaces e nenos; e mesmo bois, asnos e ovellas caeron polo gume da espada.

20Salvouse un fillo de Ahimélec, fillo de Ahitub, que se chamaba Abiatar, fuxindo para onda David. 21Abiatar contoulle a David como Xaúl fixera matar os sacerdotes do Señor. 22E David díxolle a Abiatar: ‑"Xa sabía eu aquel día que, estando alí Doeg o edomita, informaría a Xaúl. Eu son o responsable da morte de toda a túa familia. 23Ti queda comigo e non teñas medo. O que intente matarte a ti, terá que matarme a min. Onda min estarás seguro".

 

David en Queilah

 

Capítulo 23

 

1Comunicáronlle a David: ‑"Os filisteos atacan Queilah e saquean as súas  eiras".  2David consultoulle ó Señor: ‑"¿Debo subir e baterme con eses filisteos?" O Señor respondeulle: ‑"Vai. Vencerás os filisteos e salvarás Queilah". 3Pero os homes de David dixéronlle: ‑"Ves que, mesmo aquí, en Xudá, nós temos medo, canto máis se nos levas a Queilah contra as hostes dos filisteos".

4David volveu consultar o Señor e o Señor respondeulle: ‑"Vai, baixa a Queilah, pois vouche poñer nas mans os filisteos". 5David foi a Queilah cos seus homes, loitou contra os filisteos, colleulles os seus rabaños e inflixiulles unha grave desfeita. Daquela salvou David ós veciños de Queilah. 6Abiatar, fillo de Ahimélec, que fuxira para onda David e que fora con el a Queilah, levaba consigo o efod.

7Informaron a Xaúl de que David chegara a Queilah e pensou: ‑"Deus pono nas miñas mans, pois, meténdose nunha cidade con portas e ferrollos, encérrase a si mesmo". 8Xaúl convocou á guerra a todo o exército, a fin de baixar a Queilah e pórlle o cerco a David e ós seus homes.

9O saber David que Xaúl estaba tramando a súa perdición, díxolle ó sacerdote Abiatar: ‑"Trae aquí o efod". 10E David consultou: ‑"Señor, Deus de Israel, o teu servo oíu dicir que Xaúl decidiu vir a Queilah e arrasar, por culpa miña, a cidade. 11Señor, Deus de Israel, ¿baixará Xaúl, conforme o teu servo oíu dicir? Respóndelle ó teu servo". O Señor respondeulle: ‑"Baixará". 12David preguntou: ‑"¿Entregarannos, os donos de Queilah, a min e ós meus homes, nas mans de Xaúl?" E o Señor respondeulle: ‑"Entregaranvos".

13Entón David e os seus homes, en número duns seiscentos, saíron de Queilah e camiñaron por onde lles pareceu. Informaron a Xaúl de que David fuxira de Queilah e desistiu da súa expedición.

 

Xaúl tras de David no deserto de Zif

 

14David refuxiouse no ermo e morou na montaña do deserto de Zif. Xaúl andaba todos os días na súa busca pero Deus non o deixou caer nas súas mans. 15Estando en Horex, no deserto de Zif, David tivo medo, pois soubo que Xaúl saíra para matalo.

16Ionatán, fillo de Xaúl, chegouse a Horex, onda David, para fortalecerlle a confianza en Deus. 17Díxolle: ‑"Non teñas medo. A man de meu pai Xaúl non te tocará. Ti serás rei de Israel e eu serei o teu segundo. Sábeo mesmo o meu pai Xaúl". 18E fixeron os dous un pacto diante do Señor. Despois David quedou en Horex e Ionatán tornou para a súa casa.

19Algúns homes de Zif subiron a Guibah, onda Xaúl, e informárono: ‑"David escóndese onda nós, nos refuxios de Horex, no alto de Haquilah, ó sur de Ieximón. 20Xa que logo, rei, baixa, se queres. Entregalo nas mans do rei queda da nosa conta".

21Xaúl díxolles: ‑"Que o Señor volo pague, pois compadecéstesvos de min. 22Ide e asegurádevos. Informádevos e vede por onde anda e quen son os que o viron por alí, pois dixéronme que é home moi arteiro. 23Rexistrade os recunchos onde se esconde e volvede cos datos precisos. Entón irei eu convosco e, se se encontra nesa bisbarra, buscareino entre todas as familias de Xudá".

24Eles colleron entón e fóronse a Zif, adiantándose a Xaúl. David retirárase cos seus homes cara ó deserto de Maón, na estepa, ó sur de Ieximón. 25Xaúl púxose a buscalo cos seus homes. Pero informaron diso a David e baixou para onda os penedos que hai no deserto de Maón. Cando Xaúl o soubo, foi polo deserto adiante, perseguíndoo. 26Xaúl ía por un lado do monte e David cos seus homes polo outro. David ía de présa, para escapar de Xaúl, e Xaúl cos seus homes cercaba a David e ós seus, para atrapalos.

27Estando niso, chegoulle unha mensaxe a Xaúl: ‑"Vén de seguida, que os filisteos están invadindo o país". 28Xaúl entón deu a volta e deixou de perseguir a David, para ir e saírlles ó paso ós filisteos. Por iso se lle chamou a aquel sitio rocha da separación.

 

No deserto de En-Guedí

 

Capítulo 24

 

1David marchou de alí e asentouse nos refuxios de En-Guedí. 2Cando voltaba Xaúl de perseguir os filisteos, informárono: ‑"David está no deserto de En-Guedí". 3Entón colleu Xaúl tres mil soldados escolleitos de todo Israel e foise en busca de David e dos seus homes por fronte dos rochedos de Ielim.

4Chegaron onda os currais de ovellas que hai á beira do camiño, onde había unha cova, e Xaúl entrou nela para facer as necesidades, cando David e os seus homes estaban no fondo da cova. 5Os homes dixéronlle a David: ‑"Este é o día do que che falou o Señor: eu poreiche nas mans o teu inimigo. Fai con el o que mellor che pareza". David ergueuse caladamente e cortoulle a Xaúl un anaco do manto.

6Despois diso a David latexáballe con forza o corazón por cortar o anaco do manto de Xaúl 7e díxolles ós seus homes: ‑"Deus me libre de facerlle ó meu señor, o unxido de Deus, unha cousa así, coma pór enriba del a miña man, sendo como é o unxido do Señor". 8Con esas palabras David contivo os seus homes e non deixou que se botasen a Xaúl.

9Logo que Xaúl saíu da cova e colleu o camiño, tamén David saíu da cova detrás del e berroulle: ‑"¡Rei, meu señor!" Xaúl volveu a vista atrás e viu a David baixando a cabeza e prostrándose polo chan.

10David díxolle: ‑"¿Por que lles dás creto ós que che din: mira que David busca o teu mal? 11Cos teus mesmos ollos puideches hoxe ver que o Señor te entregou nas miñas mans dentro da cova. Dixéronme que te matase, pero eu respecteite pensando: non erguerei as miñas mans contra o meu señor; el é o unxido do Señor. 12Olla, meu pai, e mira aquí na miña man un anaco do teu manto. Se cortei un anaco do teu manto e non te matei, podes ver que nas miñas mans non hai traizón nin maldade. Eu non che faltei en nada e ti andas á caza da miña vida para quitarma.

13Sexa o Señor o noso xuíz e que el me vingue de ti. Pero a miña man non se erguerá contra ti. 14Como di o vello refrán: dos malvados sae a maldade. Pero a miña man non se erguerá contra ti. 15¿Tras de quen anda o rei de Israel? ¿A quen está perseguindo? A un can morto, a unha pulga. 16Que xulgue e decida o Señor entre ti e min; que vexa El e defenda a miña causa; que El me faga xustiza, librándome da túa man".

17Cando acabou David de dicir esas palabras, Xaúl exclamou: ‑"David, meu fillo, ¿é esa a túa voz?" E rompeu en saloucos. 18Despois díxolle: ‑"Ti es máis xusto ca min, pois ti págasme con bens e eu correspóndoche con males. 19Hoxe mostraches ben a túa bondade comigo: o Señor púxome nas túas mans e ti non me mataches. 20Se un se atopa co seu inimigo, ¿deixarao marchar en paz? 21Que o Señor che pague a bondade que hoxe mostraches comigo.

Agora sei certamente que ti chegarás a ser rei, que o reino de Israel se consolidará nas túas mans. 22Xúrame, logo, polo Señor que non anicarás os meus descendentes tras de min, nin borrarás o meu nome da casa de meu pai". 23David xuroullo. Despois volveuse Xaúl para a súa casa e David subiu ó refuxio cos seus homes.

 

David, Nabal e Abigail

 

Capítulo 25

 

1Samuel morreu e todo Israel se xuntou para choralo. Enterrárono en Ramah na súa propiedade. Despois diso David baixou cara ó deserto de Maón.

2En Maón había un home que tiña os seus eidos en Carmel. Era moi rico. Tiña tres mil ovellas e mil cabras. Fora a Carmel para tosquiar as súas ovellas. 3Chamábase Nabal e a súa muller Abigail. A muller era asisada e belida; pero o home, un calebita, era áspero e retorto.

4David oíu no deserto que Nabal facía o tosquiado das ovellas 5e mandou vinte homes coa encomenda: ‑"Subide a Carmel, chegádevos onda Nabal e saudádeo da miña parte. 6Dicídelle: ¡Saúde! A paz contigo, coa túa familia e con toda a túa facenda.

7Souben que andas no tosquiado. Ora os teus pastores estiveron connosco e nós nunca os molestamos nin lles faltou cousa ningunha, mentres estiveron connosco en Carmel. 8Pregúntallelo ós teus criados, que eles cho dirán. Atende, logo, benevolamente ós meus homes, xa que chegamos nun día de ledicia e dálles ós teus servos e ó teu fillo David o que teñas á man".

9Chegados os homes de David onda Nabal, repetíronlle esas palabras no nome de David e quedaron á espera. 10Pero Nabal respondeulles: ‑"¿Quen é David e quen o fillo de Ixaí? Hoxe abundan os escravos que foxen de onda os seus amos. 11¿Seica vou coller eu o meu pan e a miña auga e as ovellas que matei para os meus tosquiadores e darllos a unha xente que nin sei de onde vén?" 12Os homes de David deron volta polo mesmo camiño e, en chegando, contáronllo todo palabra por palabra.

13David ordenoulles entón: ‑"Cinguídevos cada un a vosa espada". E todos cinguiron as espadas, o mesmo David coma os seus homes. Catrocentos deles subiron, seguindo a David, e douscentos quedaron gardando a equipaxe.

14Un dos criados avisou a Abigail, a muller de Nabal: ‑"Mira que David mandou desde o deserto mensaxeiros, que saudaran ó noso amo e este tratounos mal. 15Eles, pola súa parte, tíñannos tratado sempre ben; nunca nos molestaron, nin nos faltou cousa ningunha, mentres nós estivemos fóra. 16Foron a nosa defensa, de noite e de día, todo o tempo en que estivemos preto deles gardando os rabaños. 17Pensa, logo, que podes facer, porque a desgraza do noso amo e da súa familia está xa decidida, ó ser el un parvo que non atende a razóns".

18Abigail, a toda présa, colleu douscentos pans, dous pelellos de viño, cinco cordeiros cocidos, cinco tegas de gran torrado, cen acios de uvas pasas e duascentas tortas de figos e carrexou todo en burros. 19E díxolles ós criados: ‑"Ide diante de min; eu seguireivos". O seu home Nabal non lle dixo nada.

20Ia a cabalo do burro, baixando, ó amparo do monte. David e os seus homes baixaban na súa dirección e atopáronse con ela. 21David ía cismando: ‑"Perdín o tempo gardando as habenzas dese no deserto. Non lle faltou cousa ningunha e agora págame mal por ben. 22Que Deus castigue a David, se mañá deixo con vida un só dos homes de Nabal".

23En canto Abigail viu a David, baixouse ás présas do burro e prostrouse diante del co rostro cara ó chan. 24Axeonllada ós seus pés, díxolle: ‑"Que a culpa, señor, recaia sobre min. Pero permite á túa serva que che fale; escoita as palabras da túa serva. 25Que o meu señor non tome en serio a ese perverso de Nabal, pois, como di o seu nome, Nabal é un parvo, no que a necidade se acubilla. A túa serva non viu eses homes que ti, meu señor, mandaches.

26Agora, meu señor, ¡polo Señor e pola túa vida! O Señor impediu que chegases a verter sangue e que colleses a xustiza pola man. Que se vexan coma Nabal os teus inimigos e os que tentan facerche mal. 27Rógoche que este agasallo, que a túa serva lle trouxo ó meu señor, sexa repartido entre os homes que seguen ó meu señor. 28Pídoche que perdoes o erro da túa serva. Certamente o Señor halle dar ó meu señor unha familia duradeira. Xa que o meu señor pelexa nas guerras do Señor, o mal non te acadará en toda a túa vida.

29Se alguén se erguese perseguíndote coa intención de matarte, a vida do meu señor está gardada no acio dos que viven co Señor, o teu Deus, mentres a vida dos teus inimigos será posta no coiro da fonda. 30Cando o Señor cumpra co meu señor todo o ben que lle prometeu e o teña establecido por rei de Israel, 31que o meu señor non teña o pesar nin o remorso de conciencia de verter sangue sen razón e de tomar a xustiza pola man. Cando o Señor te colme de bens, lémbrate da túa serva".

32David respondeulle a Abigail: ‑"Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, que te mandou neste intre ó meu encontro. 33Bendito sexa o teu xuízo e bendita ti, que me impediches hoxe verter sangue, 34pois, pola vida do Señor, Deus de Israel, que me impediu facerche mal, que se non viñeses con tanta présa ó meu encontro, non lle quedaría a Nabal un só home ó lumbrigar do día". 35David tomou da súa man o que ela lle trouxera e logo díxolle: ‑"Sube en paz á túa casa. Ves que fago o que me pediches e que che teño consideración".

36Cando Abigail chegou onda Nabal, encontrouno celebrando unha esmorga de rei na súa casa. Tiña contento o corazón e estaba moi chispo. Ata ó amencer ela non lle dixo unha palabra, nin máis alta nin máis baixa. 37Pola mañá, cando xa o viño saíra de Nabal, ela contoulle o que pasara. A Nabal paralizóuselle o corazón dentro do peito e quedou coma unha pedra. 38Dez días despois, o Señor feriu a Nabal e este morreu.

39Cando soubo David que morrera Nabal, exclamou: ‑"Bendito sexa o Señor, que me fixo xustiza da aldraxe que me fixera Nabal e que librou a este seu servo de facer mal, mentres fixo caer a maldade de Nabal sobre a súa propia cabeza". Despois David mandou dicir a Abigail que quería que fose a súa muller.

40Os criados de David chegaron a Carmel onda Abigail e propuxéronlle da súa parte: ‑"David mándanos onda ti, pedirche que sexas a súa muller". 41Ela deitouse no chan e respondeulles: ‑"Aquí está a túa serva, disposta a lavar os pés dos criados do meu señor".

42E axiña ergueuse, montou no burro e, acompañada de cinco criadas que a servían, marchou cos mensaxeiros de David e foi a súa muller. 43David casou tamén con Ahinoam de Iezrael. As dúas foron as súas mulleres. 44Xaúl, polo outro lado, déralle por muller a súa filla Micol, muller de David, a Paltí, fillo de Láix de Galim.