CAPÍTULO 6

 

Institución dos sete diáconos

 

1Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala grega no servizo diario. 2Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron:

‑Non está ben que deixemos a palabra de Deus para nos dedicarmos ó servizo das mesas. 3Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. 4Nosoutros continuaremos dedicados a oración e ó servizo da palabra.

5A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Filipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolás, prosélito de Antioquía; 6presentáronllelos ós apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlles as mans.

7A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.

 

Arresto e xuízo de Estevo

 

8Estevo, cheo de graza e poder, realizaba grandes prodixios e sinais entre o pobo. 9Apareceron algúns da sinagoga chamada dos libertos, dos de Cirene, dos de Alexandría e dos de Cilicia e Asia, para discutiren con Estevo. 10Pero non lle daban replicado á ciencia e ó Espírito con que falaba.

11Entón subornaron uns homes, para que dixesen: "Sentímoslle blasfemar contra Moisés e contra Deus".

12Así encirraron ó pobo, ós anciáns e ós mestres da Lei; e, arremetendo contra el, levárono ó consello. 13Presentaron falsas testemuñas, que dicían: "este home non para de blasfemar contra este lugar santo e contra a Lei; 14sentímoslle dicir que ese Xesús de Nazaret destruirá este sitio e cambiará os costumes que nos transmitiu Moisés". 15Entón todos os que estaban sentados no consello, fixaron a vista nel e o seu rostro pareceulles mesmamente o dun anxo.

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

Discurso e testemuño de Estevo

 

1Daquela o xefe dos sacerdotes preguntoulle:

‑¿Son así as cousas?

2El respondeu:

‑Irmáns e pais, escoitade: o Deus da gloria aparecéuselle ó noso pai Abraham, cando estaba na Mesopotamia, antes de se establecer en Harán, 3e díxolle: Sae da túa terra e de onda os teus, e ven á terra que che indicarei. 4Entón, saíu da terra dos caldeos, habitou en Harán e de alí, logo que finou seu pai, trasladouno Deus a esta terra na que vivides vós agora. 5E non lle deu nela herdanza ningunha, nin sequera un pé de terreo, mais prometeulle que lla daría en propiedade, e despois del á súa descendencia, aínda que non tiña fillos. 6E faloulle Deus: A túa descendencia será peregrina en terra allea e hana escravizar e maltratar durante catrocentos anos; 7pero eu xulgarei a nación a quen sirvan como escravos, dixo Deus, e logo disto sairán e adoraranme neste sitio. 8E deulle a alianza da circuncisión e así, ó lle nacer Isaac, circuncidouno ó oitavo día; e Isaac a Xacob, e Xacob, ós doce patriarcas.

9Os patriarcas, envexosos de Xosé, vendérono con destino a Exipto. Pero Deus estaba con el, 10librouno de todos os seus traballos, e deulle graza e sabedoría diante do Faraón, rei de Exipto, que o constituíu gobernador do Exipto e de toda a súa casa.

11Veu despois unha fame tan negra e tanta miseria sobre todo o Exipto e Canaán, que nosos pais non achaban alimentos. 12Cando Xacob sentiu dicir que había trigo en Exipto, mandou alí a nosos pais por primeira vez. 13A segunda vez, Xosé deuse a coñecer ós seus irmáns, e o Faraón soubo a súa orixe. 14Entón Xosé mandou chamar a seu pai Xacob e a todos os seus parentes, en total setenta e cinco persoas; 15e Xacob baixou a Exipto. Morreu el e mais os nosos pais, 16e leváronos a Xequem e puxéronos na sepultura que Abraham comprara con prata ós fillos de Hamor, en Xequem.

17A medida que se achegaba o tempo da promesa que Deus lle fixera a Abraham, o pobo medrou e inzou en Exipto, 18ata que subiu ó trono do Exipto outro rei, que non coñecía a Xosé. 19Obrando raposeiramente contra a nosa xente, maltratou a nosos pais, facéndolles abandonar os seus picariños para que non vivisen.

20Nese tempo naceu Moisés, que atopou graza diante de Deus. Criárono durante tres meses na casa do pai; 21e, cando o abandonaron, recolleuno a filla do Faraón e criouno coma se fose fillo dela. 22Moisés educouse en toda a ciencia dos exipcios, e era poderoso en palabras e mais en obras. 23Cando ía nos corenta anos, veulle o desexo de visitar os seus irmáns, os israelitas. 24Vendo un que estaban maltratando, tomou a súa defensa, matou ó exipcio, vingou ó oprimido. 25Coidaba el que seus irmáns entenderían que pola súa man Deus lles ofrecía a salvación; pero non entenderon. 26Para o outro día presentouse cando uns estaban a berrar e tratou de os poñer a ben, dicíndolles: "¡Sodes irmáns! ¿Por que pelexades un co outro?". 27Pero o que ofendía ó seu próximo, refugouno dicindo: ¿Quen te nomeou a ti xefe e xuíz noso? 28¿Quéresme matar a min, como mataches onte ó exipcio?  29Cando tal sentiu, escapou e viviu coma estranxeiro na terra de Madián, onde tivo dous fillos.

30Logo de corenta anos, aparecéuselle un anxo no deserto do monte Sinaí, na lapa do lume dunha silveira. 31Moisés, vendo isto, ficou admirado coa aparición. O se achegar para ver, sentiuse a voz do Señor: 32Eu son o Deus de teus pais, o Deus de Abraham, de Isaac, e de Xacob. Pero Moisés, arrepiado, non ousaba mirar. 33E díxolle o Señor: Quita os zapatos dos teus pés, porque o lugar onde estás é terra santa; 34vin a aflición do meu pobo en Exipto, escoitei os seus laios e baixei para liberalos. Ven logo aquí, que te vou mandar a Exipto.

35A este Moisés, de quen renegaran dicindo: "¿quen te constituíu xefe e xuíz?", foi a quen Deus mandou coma xefe e liberador pola man do anxo, que se lle aparecera na silveira. 36Foi el quen os fixo saír, obrando prodixios e sinais na terra de Exipto, no mar Rubio e no deserto, durante corenta anos. 37Foi este Moisés quen lles dixo ós fillos de Israel: Deus fará xurdir un profeta coma min de entre os vosos irmáns. 38Foi el quen na asemblea do deserto estivo coma mediador entre o anxo que lle falaba no monte Sinaí e os nosos pais; el foi quen recibiu palabras de vida para nolas transmitir. 39Foi el a quen nosos pais non quixeron obedecer, senón que o refugaron e no seu corazón volvéronse a Exipto, 40dicíndolle a Aharón: Fainos deuses que vaian diante de nós, pois non sabemos que foi deste Moisés, que nos quitou da terra de Exipto.

41E naqueles días fabricaran un becerro, ofreceran un sacrificio ó ídolo, e festexaran a obra das súas mans. 42Pero Deus volveulles as costas, e entregounos ó culto dos astros, como está escrito no libro dos profetas: ¿Seica me ofrecestes vítimas e sacrificios durante corenta anos no deserto, casa de Israel? 43Levastes a tenda de Molok e a estrela do Deus Refán (imaxes que vós fixestes), para adoralas. ¡Pois eu deportareivos alén de Babilonia!

44Os nosos pais tiñan no deserto a tenda da Alianza, como ordenara aquel que lle dixo a Moisés que a fixese conforme ó modelo que vira. 45Os nosos pais recibírona en herdanza e, con Xosué á fronte, introducírona na terra dos pagáns, que Deus expulsou diante deles. Así foi ata os días de David, 46que achou graza diante de Deus e que lle pediu permiso para lle facer unha morada ó Deus de Xacob. 47Con todo, foi Salomón quen lla construíu. 48Anque o Altísimo non habita en edificios feitos por mans de home; como di o profeta: 49O ceo é o meu trono e a terra o estrado dos meus pés: ¿que casa me construiredes, di o Señor, ou que sitio para o meu repouso? 50¿Non foi a miña man a que fixo todo iso?

51¡Duros de testa e incircuncisos de corazón e oídos! ¡Vós sempre resistides o Espírito Santo! Sodes coma vosos pais. 52¿A que profeta non perseguiron vosos pais? Mataron ós que anunciaron por adiantado a vinda do Xusto, do que vós agora vos fixestes traidores e asasinos: 53¡vós que recibistes a Lei por mandado dos anxos e non a gardastes!

 

Martirio de Estevo

 

54O sentiren isto, adoecían e renxían os dentes contra Estevo. 55Pero el, cheo do Espírito Santo e cos ollos cravados no ceo, viu a gloria de Deus e a Xesús de pé á dereita de Deus, 56e dixo:

‑Ollade, vexo o ceo aberto e o Fillo do Home, de pé, á dereita de Deus.

57Entón pegaron a berrar, taparon os oídos, e todos á xunta arremeteron contra el; 58quitárono fóra da cidade e comezaron a apedralo. As testemuñas deixaron os seus vestidos ós pés dun mozo chamado Saulo.

59Apedraban a Estevo, que invocaba así: "¡Señor Xesús, recibe o meu espírito!" 60E posto de xeonllos, berrou con voz forte: "¡Señor, non lles teñas en conta este pecado!" Dito isto, adormeceu para sempre.

 

 

 

CAPÍTULO 8

 

Persecución da Igrexa. Saulo entre os perseguidores

 

1Saulo aprobaba a súa morte. Aquel día levantouse unha grande persecución contra a Igrexa de Xerusalén, e todos, agás os apóstolos, dispersáronse polas terras da Xudea e da Samaría. 2Uns homes piadosos enterraron a Estevo e fixeron por el un gran pranto. 3En canto a Saulo, maltrataba a Igrexa: entraba polas casas, arrastraba homes e mulleres e mandábaos á cadea.

 

 

EXPANSIÓN DA IGREXA POR PALESTINA

 

Filipe evanxeliza Samaría

 

4Os que se dispersaron ían por todas partes, anunciando a Boa Nova da Palabra. 5Filipe baixou á cidade de Samaría e predicoulles o Mesías. 6O pobo, dun acordo, atendía ó que dicía Filipe, sentindo e vendo os sinais que facía; 7pois de moitos posuídos saían espíritos impuros a berros, e moitos paralíticos e coxos quedaban curados. 8A cidade encheuse de alegría.

9Había un home naquela cidade, chamado Simón, que exercía de meigo e pasmaba á xente de Samaría, dicíndolles ser alguén importante. 10Todos, desde o máis pequeno ó máis grande, facíanlle caso, porque dicían: "Este é a forza de Deus, chamada a Grande". 11E facíanlle caso, porque había tempo que os tiña pasmados con meiguerías. 12Pero cando creron a Filipe, que anunciaba o Reino de Deus e o nome de Xesús Cristo, fixéronse bautizar homes e mulleres. 13O mesmo Simón tamén creu e, despois de bautizado, andaba sempre con Filipe e ficaba abraiado ó ver os sinais e milagres que se facían.

14O sentiren dicir os apóstolos, que estaban en Xerusalén, que Samaría acollera a palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán. 15Baixaron logo alí, e oraron polos samaritanos, para que recibisen o Espírito Santo, 16pois aínda non baixara sobre ningún deles: só os bautizaran no nome do Señor Xesús. 17Entón, fóronlles impoñendo as mans e recibiron o Espírito Santo.

18Vendo Simón que pola imposición das mans dos apóstolos se daba o Espírito, ofreceulles cartos, 19dicindo:

‑Dádeme a min tamén ese poder para que aquel a quen lle impoña as mans, reciba o Espírito Santo.

20Mais Pedro respondeulle:

‑¡Así rebentes ti e mais o teu diñeiro! ¿Ti coidas que o don de Deus se pode adquirir con cartos? 21Non tes parte nin sorte neste asunto, porque o teu corazón non é recto diante de Deus. 22Arrepíntete desa malicia túa, e pídelle ó Señor, a ver se che perdoa o sentir do teu corazón, 23pois vexo que estás destinado á amargura do fel e ás cadeas dos malvados.

24Simón respondeu:

‑Rezade vós por min ó Señor, para que non me acaia nada do que acabades de dicir.

25Eles entón, despois de testificaren e anunciaren a palabra do Señor, volveron para Xerusalén, evanxelizando en moitas aldeas de Samaría.

 

Filipe evanxeliza e bautiza un etíope

 

26Un anxo do Señor faloulle a Filipe deste xeito:

‑Anda, diríxete cara ó sur polo camiño que baixa de Xerusalén a Gaza, a través do deserto.

27Púxose en camiño e dirixiuse cara alá. Un etíope, eunuco, funcionario de Candaces, raíña da Etiopía, que estaba encargado de todos os seus tesouros, fora a Xerusalén como peregrino. 28De volta, sentado no seu carro, ía lendo no profeta Isaías.

29Díxolle o Espírito a Filipe:

‑Achégate e ponte a par dese carro.

30Correndo Filipe, sentiu que ía lendo no profeta Isaías e preguntoulle:

‑¿Entendes o que les?

31Contestoulle:

‑¿Como o vou entender, se ninguén mo explica?

E convidou a Filipe a que subise a sentar con el. 32A pasaxe da Escritura que lía era esta:

Coma ovella levárono ó matadoiro;

e coma año mudo diante de quen o rapa,

así El non abría a súa boca.

33Humillárono, negándolle a xustiza,

¿quen contará a súa descendencia?

A súa vida foi arrincada da terra.

34Diríxíndose a Filipe, díxolle o eunuco:

‑Por favor ¿de quen di isto o profeta? ¿De si mesmo ou doutro?

35Filipe entón tomou a palabra e partindo desa pasaxe da Escritura, anuncioulle a Boa Nova de Xesús. 36De camiño, chegaron a un sitio con auga e dixo o eunuco:

‑Aquí hai auga, ¿por que non me podo bautizar eu?

38E mandou parar o carro. Baixaron os dous á auga, Filipe e mais o eunuco, e Filipe bautizouno. 39Cando subiron da auga, o Espírito do Señor arrebatou a Filipe. O eunuco xa non o viu máis, pero seguiu o seu camiño cheo de alegría.

40Filipe atopouse en Azoto e evanxelizaba todas as vilas por onde pasaba, ata chegar a Cesarea.

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

Conversión de Saulo

 

1Saulo, respirando aínda ameazas e morte contra os discípulos do Señor, presentouse ó Sumo Sacerdote 2e pediulle cartas para as sinagogas de Damasco, a fin de que, se encontraba algúns que fosen deste novo camiño, tanto homes coma mulleres, os puidese levar presos a Xerusalén.

3De camiño, cerca xa de Damasco, aconteceu que, de súpeto, unha luz do ceo o envolveu co seu fulgor. 4Caeu no chan e sentiu unha voz que lle dicía:

‑Xaúl, Xaúl, ¿por que me persegues?

5El preguntou:

‑¿Quen es ti, Señor?

Contestoulle:

‑Eu son Xesús a quen ti persegues. 6Pero érguete, entra na cidade, e xa se che dirá o que tes que facer.

7Os compañeiros de viaxe quedaron parados, abraiados: sentían a voz, mais non vían ninguén. 8Saulo ergueuse do chan, pero, malia ter os ollos abertos, non vía nadiña. Levárono pola man, introducírono en Damasco. 9Alí botou tres días sen ver, sen comer e sen beber.

10Había en Damasco un discípulo, chamado Ananías, e o Señor díxolle nunha visión:

‑¡Ananías!

El respondeu:

‑Aquí estou, Señor.

O Señor volveulle falar:

11‑Vai á rúa Dereita, e procura na casa de Xudas a un home chamado Saulo de Tarso, que está orando. 12(En visión, viu Saulo a un home chamado Ananías entrar e impoñerlle as mans para que recobrase a vista).

13Ananías respondeu:

‑Señor, teño oído falar moito dese home e do mal que lles ten feito ós teus santos en Xerusalén. 14E aquí ten poderes dos xefes dos sacerdotes, para prender a todos os que invocan o teu nome.

15Pero o Señor díxolle:

‑Vai, que ese home é un instrumento escollido por min, para levar o meu nome diante dos pagáns, dos seus reis e mais dos israelitas. 16¡Heille mostrar o que ten que sufrir polo meu nome!

17Entón Ananías, poñéndose en camiño, entrou na casa, e impoñéndolle as mans, díxolle:

‑Irmán Saulo, quen me manda é o Señor Xesús, que se che apareceu cando viñas polo camiño, para que recobres a vista e te enchas do Espírito Santo.

18No instante, caéronlle dos ollos como unhas escamas e recuperou a vista; ergueuse, e bautizouse. 19Despois comeu e volvéronlle as forzas.

 

Saulo en Damasco

 

Pasou algúns días cos discípulos de Damasco, 20e axiña comezou a predicar a Xesús nas sinagogas, proclamando que era o Fillo de Deus. 21Todos os que o sentían ficaban pasmados e dicían: "Pero ¿non é este o que en Xerusalén fixo estragos entre os que invocan ese Nome, e viñera aquí para os levar presos diante dos sumos sacerdotes?". 22Pero Saulo con máis ánimos confundía ós xudeus de Damasco, demostrando que Xesús era o Mesías.

23Logo de bastantes días, os xudeus ordenaron de o matar, 24mais Saulo chegou a saber o que andaban argallando. Día e noite vixiaban as portas da cidade, para lle daren morte. 25Pero algúns dos seus discípulos collérono de noite e descolgárono pola muralla metido nun cesto.

 

Saulo en Xerusalén e en Tarso

 

26Chegado a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos; pero todos lle tiñan medo, non crendo que fose discípulo de verdade. 27Pero Bernabé, colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que vira o Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente no nome de Xesús. 28Conviviu con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor. 29Falaba e discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar. 30O sabelo, os irmáns levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso.

 

A Igrexa medra en toda Palestina

 

31Daquela, a Igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaría. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ó Señor e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número.

 

Pedro visita as Igrexas: curación dun paralítico

 

32Pedro, que as visitaba todas, baixou a visitar os santos que vivían en Lida. 33En-controu alá un tal Eneas, que xacía paralítico nun catre desde había oito anos. 34Díxolle Pedro:

‑¡Eneas, Xesús Cristo vaite curar! Érguete e fai ti mesmo o teu leito.

E no intre púxose en pé. 35Todos os habitantes de Lida e de Sarón vírono e convertéronse ó Señor.

 

Pedro vólvelle a vida a Tabita

 

36Había en Iope unha discípula de nome Tabita (que traducido quere dicir Gacela), chea de boas obras e de caridades. 37Por aqueles días enfermou e morreu. Despois de a lavaren, puxérona no cuarto de arriba.

38Como Lida está cerca de Iope, sentindo dicir os discípulos que Pedro estaba alí, mandáronlle dous homes con este recado: "non tardes en achegarte aquí". 39Pedro foi con eles. Cando chegou levárono á sala de arriba onde se lle presentaron chorando todas as viúvas, amosándolle as túnicas e os mantos que facía a Gacela cando estaba con elas.

40Pedro entón, mandou saír a xente toda, púxose de xeonllos e orou; despois volveuse ó cadáver e dixo:

‑¡Tabita, érguete!

Ela abriu os ollos e, ó ver a Pedro, incorporouse. 41Pedro colleuna pola man, levantouna e chamando os santos e as viúvas presentóullela viva.

42Isto sóubose en toda a cidade de Iope e moitos creron no Señor. 43Pedro, ficou bastantes días en Iope, na casa dun curtidor chamado Simón.

 

 

 

CAPÍTULO 10

 

O Espírito abre as portas da Igrexa ós pagáns: conversión de Cornelio

 

1Había en Cesarea un home chamado Cornelio, capitán da compañía chamada italiana. 2Era piadoso e seguidor da relixión xudía, así como todos os da súa casa. Dáballe moitas esmolas ó pobo e decote oraba a Deus.

3A iso das tres da tarde, tivo unha visión e viu claramente o anxo do Señor entrar cabo del e dicirlle:

‑¡Cornelio!

4Cheo de medo, e mirando fixo para el, respondeu:

‑¿Que é, Señor?

O anxo respondeulle:

‑As túas oracións e as túas esmolas subiron diante de Deus e tenas presentes; 5manda, logo, uns homes a Iope e manda chamar por un certo Simón, tamén chamado Pedro. 6Está parando en cas dun tal Simón, curtidor, que ten a casa á beira do mar.

7Cando marchou o anxo, chamou a dous criados e un soldado piadoso dos que lle eran máis fieis, 8contoulles todo e mandounos a Iope.

9Para o outro día, indo eles de camiño e xa cerca da cidade, subiu Pedro á azotea a orar. Era polo mediodía, 10e sentindo fame quixo tomar algo. Mentres llo preparaban, tivo unha éxtase: 11viu o ceo aberto e como un gran lenzo, que, pendurado polas catro puntas, baixaba cara á terra. 12Había nel toda clase de cuadrúpedes e réptiles da terra  e de todos os paxaros do ceo. 13Unha voz díxolle:

‑¡Érguete, Pedro, mata e come!

14Mais Pedro respondeu:

‑De ningunha maneira, Señor, porque nunca comín cousa impura ou profana.

15De novo, por segunda vez, chegoulle unha voz:

‑O que Deus purificou non o chames ti profano.

16Isto sucedeu por tres veces, e, de súpeto, aquel obxecto volveuse para o ceo. 17Estaba Pedro moi sorprendido cavilando que quería dicir aquela visión que tivera, cando os homes mandados por Cornelio, ó acertaren coa casa de Simón, presentáronse na porta 18e, dando un berro, preguntaron se paraba alí Simón, o chamado Pedro.

19Estando Pedro matinando na visión, díxolle o Espírito:

‑Hai aí uns homes que te buscan; 20baixa e vaite con eles sen escrúpulos, porque os mandei eu.

21Pedro baixou ó encontro deles e díxolles:

‑Son eu o que buscades, ¿que é o que vos trae?

22Eles responderon:

‑O capitán Cornelio, home cabal e adepto ó xudaísmo, moi estimado por toda a nación xudía, recibiu aviso dun santo anxo para que te mandase chamar á sua casa e que te escoitase.

23Entón Pedro fíxoos entrar e deulles pousada. Para o outro día levantouse e marchou con eles, acompañado por algúns irmáns de Iope, 24e chegou a Cesarea ó outro día. Cornelio, que xuntara os seus parentes e amigos máis íntimos, xa os estaba agardando.

25Cando Pedro ía entrar, foi Cornelio á porta e botándoselle os pés, prostrouse. 26Pero Pedro levantouno, dicíndolle:

‑Érguete, que eu tamén son un home.

27E, falando con el, entrou. Encontrou moita xente xunta 28e díxolles:

‑Vós sabedes que non se lle permite a un xudeu ter trato cun estranxeiro ou entrar na súa casa; pero Deus ensinoume que non se debe chamar profano ou impuro a home ningún. 29Por iso, ó me chamardes, vin sen reparos. E pregúntovos, logo: "¿por que me mandastes chamar?".

30Respondeulle Cornelio:

‑Hai catro días, ás tres da tarde, estaba eu rezando na miña casa, cando se presentou un home con vestiduras brancas que relucían 31e dixo: "Cornelio, a túa oración escoitouse, e as túas esmolas recórdanse diante de Deus; 32manda, logo, uns homes a Iope, e manda buscar un tal Simón, tamén chamado Pedro, que para en cas Simón o curtidor, a rentes do mar". 33Mandeiche recado de contado e tiveches a amabilidade de vir. Agora, todos nós estamos na presenza de Deus para oírmos todo o que o Señor che mandou.

34Tomou entón Pedro a palabra e dixo:

‑Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, 35senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa. 36El mandoulles -la súa palabra ós fillos de Israel, anunciándolles a Boa Nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos. 37Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: 38como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. 39E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. 40A este resucitouno Deus ó terceiro día e concedeulle que se deixase ver, 41non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós que comemos e bebemos con el, logo de que resucitou de entre os mortos. 42E mandounos que predicásemos ó pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos. 43El é de quen todos os profetas dan este testemuño: todos os que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.

44Aínda Pedro estaba a dicir estas cousas, cando o Espírito Santo veu sobre todos os que escoitaban a palabra. 45Todos os crentes da circuncisión, que viñeran con Pedro, ficaron cheos de asombro, ó veren que o don de Espírito Santo tamén se espallaba sobre os pagáns, 46pois sentíanos falar en linguas e loar a Deus. Entón Pedro dixo:

47‑¿Pode alguén negarlle a auga do bautismo ós que recibiron o Espírito Santo o mesmo ca nós?

48E mandou que os bautizasen no nome de Xesús Cristo. Entón pedíronlle que quedase con eles algúns días.