Capítulos 6-10

 

CAPÍTULO 6

 

1¿Que diremos logo? ¿Manterémonos no pecado, para que abunde a graza?

2‑De ningunha maneira. Os que xa morremos ó pecado, ¿como imos vivir aínda nel? 3¿Ou ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? 4Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. 5Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante.

6Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ó pecado. 7Porque o que morre queda liberado do pecado.

8Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; 9e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. 10Porque o seu morrer foi un morrer ó pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus. 11Así tamén, vós considerádevos mortos ó pecado, pero vivos para Deus en Cristo Xesús.

12Que non domine o pecado o voso corpo mortal, para obedecerdes as súas cobizas. 13Nin ofrezades os vosos membros coma armas da inxustiza ó servizo do pecado. Máis ben poñédevos á disposición de Deus, coma mortos que volvestes á vida. E ofrecede os vosos membros coma armas da xustiza ó servizo de Deus. 14Porque o pecado non vos dominará, que non estades xa debaixo da Lei, senón debaixo da graza.

 

Liberados do pecado

 

15¿E logo, que? ¿Ímonos pór a pecar, porque xa non estamos baixo a Lei, senón baixo a graza?

‑De ningunha maneira. 16Ben sabedes que se vos ofrecedes a alguén coma escravos para o obedecer, sodes escravos dese a quen obedecedes: se ó pecado, para acabar na morte; se á obediencia, para acadar a xustificación.

17Pero, grazas a Deus, vós, aínda que erades escravos do pecado, obedecestes de corazón a doutrina fundamental á que vos entregaron; 18e, liberados do pecado, fixéstesvos escravos da xustiza 19(falo á maneira humana por mor da vosa natural limitación). Así que, do mesmo xeito que antes puxestes os vosos membros ó servizo da inmoralidade e da desorde para caerdes na anarquía moral, así agora poñede os vosos membros ó servizo da xustiza para chegardes á santidade.

20Cando erades escravos do pecado, estabades ceibos fronte á xustiza. 21¿Que froito sacastes entón daquilo do que agora vos avergonzades? Porque a fin diso é a morte. 22Agora, en troques, liberados do pecado e feitos escravos de Deus, tedes coma froito a santidade e coma fin a vida eterna. 23Pois o xornal do pecado é a morte, pero o regalo de Deus é a vida eterna en Cristo Xesús noso Señor.

 

Liberados da Lei

 

CAPÍTULO 7

 

1¿Ou descoñecedes, irmáns ‑falo para os que coñecedes a Lei‑ que a lei domina no home unicamente mentres vive? 2Así a muller casada está sometida pola lei ó home mentres lle vive; pero, se morre o home, queda liberada da vinculación legal a el. 3Por iso, se mentres lle vive o home, vai con outro, será adúltera; pero, se lle morre o home, queda libre desa lei; de forma que xa non será adúltera se casa con outro home.

4Así que, meus irmáns, tamén vós quedastes mortos para a Lei mediante o corpo de Cristo, para pertencerdes a outro: a aquel que resucitou dos mortos; de xeito que deamos froitos para Deus. 5De feito, cando estabamos na nosa condición irredenta, os degoros do pecado suscitados pola Lei influían nos nosos membros, a fin de que frutificásemos para a morte. 6Pero agora, mortos a aquilo que nos encadeaba, quedamos liberados da Lei, de modo que poidamos servir na novidade do espírito e xa non máis na decrepitude da letra.

 

Relación entre a Lei e o pecado

 

7‑¿Temos que concluír, logo, que a Lei é pecado?

‑De ningunha maneira. Non obstante, eu non coñecín o pecado senón pola Lei, porque non coñecería a cobiza se a Lei non dixese "non cobizarás". 8O pecado, aproveitando a ocasión que lle ofrecía o mandamento, fixo inzar en nós toda clase de cobiza; fóra da Lei o pecado está morto. 9De feito houbo un tempo no que eu non estaba baixo a Lei, e vivía; pero, ó aparecer a Lei, recobrou a vida o pecado 10e morrín eu. Atopeime así con que o mandamento, que era para dar vida, daba a morte. 11Porque o pecado, aproveitando a ocasión que lle ofrecía o mandamento, extravioume e, valéndose del, levoume á morte.

12‑Por conseguinte, en si a Lei é santa e o mandamento santo, xusto e bo. 13¿Resulta, logo, que o que era bo se fixo morte para min?

‑Non, abofé. Pero o pecado, valéndose do que era bo, causoume a morte, mostrándose así no seu auténtico carácter de pecado; dese xeito, grazas ó mandamento, resalta extraordinariamente o carácter criminal do pecado.

14Certo que sabemos que a Lei é espiritual; pero eu son carnal, vendido coma escravo ó pecado. 15Realmente, o que fago non o entendo: posto que non fago aquilo que quero, senón que fago precisamente aquilo que detesto. 16E, se o que fago é o que non quero, con iso recoñezo que a Lei é boa.

17Pero entón xa non son eu o que obro, senón, máis ben o pecado que mora en min. 18Pois sei que non é o ben o que mora en min, é dicir, na miña condición irredenta, porque o querer está dentro de min, pero o obrar o ben, non.  19Pois non fago o ben que quero, senón que fago o mal que non quero. 20E se o que fago é xustamente o que non quero, non son eu quen o fai, senón o pecado que mora en min.

21Atopo, por tanto, en min esa lei: que, ó querer facer o ben, o que me sae é o mal. 22Na intimidade do meu ser comprázome coa Lei de Deus, 23pero vexo outra lei no meu corpo, que lle fai a guerra á lei da miña razón, escravizándome á lei do pecado, que levo no meu corpo. 24¡Pobre de min! ¿Quen me librará deste meu corpo instrumento da morte? 25‑¡Pero, si: grazas a Deus por medio de Xesús Cristo o noso Señor!

Así que eu mesmo coa razón sirvo á Lei de Deus, pero cos baixos instintos á lei do pecado.

 

A vida no Espírito

 

CAPÍTULO 8

 

1Como consecuencia: nin resto de condenación hai agora para os que están unidos a Cristo Xesús. 2Porque a lei do Espírito, que rexe a vida unida a Cristo Xesús, libroume da lei do pecado e da morte. 3Pois o imposible para a Lei, por estar incapacitada por culpa da nosa condición irredenta, realizouno Deus: mandando, por cousa do pecado, o seu propio Fillo nunha condición semellante á condición do pecado, condenou o pecado nesa propia condición. 4Deste xeito o mandato da Lei pode cumprirse en nós, que non vivimos xa conforme a esa condición, senón conforme ó Espírito.

5Pois os que viven conforme os baixos instintos buscan as cousas dos mesmos, pero os que viven conforme o Espírito buscan as do Espírito. 6A cobiza dos baixos instintos é morte, pero a arela do espírito é vida e paz. 7Porque a cobiza da baixa condición é inimiga de Deus, posto que non se somete á Lei de Deus, nin sequera pode; 8e os que viven conforme tal condición non poden agradar a Deus.

9Pero vós non vivides así, senón conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo. 10Se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o Espírito é vida por causa da xustiza. 11Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo dos mortos vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.

12Polo tanto, irmáns, somos de certo debedores; pero non da baixa condición, para vivirmos segundo ela. 13Porque, se vivides segundo a baixa condición, teredes que morrer pero, se coa axuda do Espírito mortificades as obras do corpo, viviredes.

14Cantos se deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus. 15Pois non recibistes un espírito de escravitude, para volverdes ó medo. Non. Vós recibistes un espírito de fillos adoptivos, grazas ó que podemos gritar: ¡"Abbá": Pai! 16Este mesmo Espírito, xuntamente co noso, dá testemuño de que somos fillos de Deus. 17E, se fillos, tamén herdeiros: herdeiros de Deus e coherdeiros con Cristo; xa que, se padecemos con el, é para sermos tamén despois glorificados con el.

 

A gloria vindeira

 

18Pois penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós. 19Pois a esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus. 20Porque a creación está sometida ó fracaso; non pola propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, aínda que coa esperanza 21de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus.

22Pois sabemos que toda a creación vén xemendo ata hoxe e coma con dores de parto. 23E non só isto, senón que nós mesmos, que temos xa as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo. 24Pois é en esperanza como estamos salvados. Ora, a esperanza do que se ve non é esperanza, pois o que un xa ve ¿como o pode esperar? 25Pero, se esperamos o que non vemos, demostramos esperar con constancia.

 

O Espírito en nós

 

26Do mesmo xeito, tamén o Espírito acode a axudar a nosa debilidade. Nós non sabemos como debemos orar para pedir o que convén; pero o Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras. 27E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.

28Sabemos ademais que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escolleitos segundo os seus designios. 29Pois El distinguiunos primeiro e predestinounos a reproducirmos a imaxe do seu Fillo, de tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns. 30E a eses que predestinou, tamén os chamou; e a eses que chamou, tamén os xustificou; e a eses que xustificou, tamén lles deu a súa gloria.

 

O amor de Deus

 

31¿Que máis se pode dicir despois disto? Se Deus está connosco, ¿quen contra nós? 32Aquel que non aforrou a seu propio Fillo senón que o entregou por todos nós, ¿como non nos vai regalar todo xunto con El?

33¿Quen acusará ós escolleitos de Deus? ‑Sendo Deus o que perdoa,

34¿quen os vai condenar? ¿Cristo Xesús, o que morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus e que intercede por nós?

35¿Quen nos pode arredar do amor de Cristo? ¿a tribulación, a angustia, a persecución, a fame, a nudez, o perigo, ou a espada? 36Porque está escrito:

Por causa túa estamos ás portas da morte o día enteiro, parecemos ovellas listas para o sacrificio.

37‑Pero en todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou. 38Porque estou seguro de que nin a morte nin a vida, nin os anxos nin os principados, nin o presente nin o porvir, nin as potestades, 39nin a altura nin o abismo, nin calquera outra criatura nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor.

 

 

O MISTERIO DE ISRAEL

 

A elección de Israel

 

CAPÍTULO 9

 

1Coma discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: 2que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido. 3Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe. 4Eles son israelitas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria de Deus e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas; 5a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo coma home. O Deus que está sobre todo, sexa bendito polos séculos. Amén.

6Non é, de ningún xeito, que a palabra de Deus fallase. O que pasa é que non todos os que veñen de Israel son israelitas, 7nin todos os que nacen de Abraham son fillos seus. Máis ben: en Isaac estará a túa descendencia;  8isto é, non os fillos da carne son por iso fillos de Deus, senón que só os fillos da promesa son recoñecidos coma descendencia. 9Pois as palabras da promesa son: Por este mesmo tempo virei e Sara terá un fillo.

10Pero isto non é todo. Tamén Rebeca tivo dous fillos dun só home, de Isaac, o noso pai. 11E, cando aínda non naceran, nin puideran facer nada, nin bo nin malo ‑a fin de que continuase firme o plan de Deus, que depende da súa elección: 12non das obras senón del, que chama‑ xa se lle dixo a Rebeca: o máis grande servirá ó máis pequeno, 13tal como está escrito: quixen a Xacob, preferino a Esaú.

14¿Tiramos, logo, a conclusión de que Deus é inxusto?

‑De ningunha maneira. 15Pois díxolle a Moisés:

Heime compadecer de quen eu queira,

e hei ter misericordia de quen eu queira.

16Polo tanto, non depende do querer ou do correr do home, senón de que Deus se compadeza. 17Pois di a Escritura ó Faraón: Para isto te levantei: para mostrar en ti o meu poder e para que se proclame o meu nome en toda a terra. 18En resumo: de quen quere compadécese, e a quen quere enduréceo.

 

Liberdade e misericordia de Deus

 

19Quizais me dirás: ¿por que aínda se queixa, logo? ¿Quen é capaz de contradicir a súa vontade?

20¡Home! ¿E quen es ti para contradicires a Deus? ¿Poderalle dicir o barro a quen o modela: por que me fas así? 21Ou ¿non ten poder o oleiro para facer da mesma masa un cacharro nobre ou un cacharro para usos comúns? 22¿E que, se Deus, querendo mostrar a súa ira e dar a coñecer o seu poder, soportou con moita paciencia ós que eran obxecto de reprobación, listos xa para a destrución; 23e isto para dar a coñecer a abundancia da súa gloria en favor dos que eran obxecto de misericordia, que de antemán preparou para a gloria? 24(Estes somos nós, que nos chamou non só de entre os xudeus, senón tamén de entre os xentís).

25Pois iso é o que se di en Oseas:

Hei chamar "meu pobo" a quen non é o meu pobo,

e á non amada, "a miña amada"; 26e no lugar onde se lles dixo:

"vós non sodes o meu pobo",

alí mesmo hanse chamar "fillos do Deus vivo".

27E Isaías proclama a propósito de Israel:

Aínda que o número dos fillos de Israel sexa coma o das areas do mar,

hase salvar un resto soamente:

28Totalmente e sen tardanza cumprirá o Señor a súa palabra na terra.

29E conforme dixo tamén Isaías:

Se o Señor dos Exércitos

non nos deixase unha descendencia,

pasaríanos coma ós de Sodoma,

semellariámonos ós de Gomorra.

 

Israel seguiu a Lei

 

30¿Temos que concluír, logo, que os pagáns, que non buscaban xustificación, conseguiron a xustificación? Si, pero a xustificación que vén da fe. 31Israel, en cambio, que buscou con gran esforzo unha lei que dese a xustificación, non conseguiu tal lei.

32¿E por que? ‑Porque non a buscaron pola fe, senón polas obras: bateron na pedra 33da que fala a Escritura:

¡Ollo! Que poño en Sión unha pedra de tropezo, un rebo que fai caer;

pero quen crea nel non quedará defraudado.

 

CAPÍTULO 10

 

1Irmáns as arelas do meu corazón e a miña oración a Deus por eles é para que se salven. 2Eu dou fe en favor deles de que teñen fervor relixioso, pero non é un fervor ben entendido. 3Pois ignorando a xustificación de Deus, e procurando establecer a súa propia, non se someteron á xustificación de Deus. 4Porque a culminación da Lei é Cristo, para xustificar a todos os que cren.

 

Salvación para todos

 

5Pois Moisés escribe da xustificación que vén pola Lei: quen a practica, sálvase por ela. 6Pero a xustificación que vén pola fe di así: Non digas no teu corazón, ¿quen subirá ó ceo? (é dicir, para facer baixar a Cristo). 7Ou ¿quen baixará ó abismo? (é dicir, para facer subir a Cristo de entre os mortos). 8¿Que di, logo, positivamente?

‑Cerca de ti está a palabra,

na túa boca e no teu corazón.

Esa é a palabra da fe que anunciamos. 9Porque, se confesas coa túa boca que Xesús é Señor e cres de corazón que Deus o resucitou dos mortos, serás salvo. 10Pois é crendo co corazón como se chega á xustificación; e é confesando coa boca como se chega a salvación. 11Porque di a Escritura: todo o que crea nel non quedará defraudado. 12Pois non hai diferenza entre o xudeu e o grego, xa que un mesmo é o Señor de todos, rico para todos os que o invocan; 13por-que todo o que invoque o nome do Señor será salvo.

14Ora, ¿como han de invocar a aquel en quen non creron? ¿Como han de crer naquel de quen non oíron falar? ¿Como han de oír, sen alguén que anuncie? 15¿Como han de anunciar, se non os mandan? Por iso está escrito: Benvidos os pés dos que anuncian o ben.

A infidelidade de Israel

16Pero non todos aceptaron a Boa Nova. Pois xa di Isaías: "Señor, ¿quen fixo caso da nosa predicación?". 17Polo tanto, a fe é suscitada pola predicación, e a predicación vén pola palabra de Cristo. 18E digo eu: ¿Eles non oirían? ‑¡Por forza! Por toda a terra se espallou a súa voz, e ata o cabo do mundo as súas palabras.  19Pero insisto: ¿será que Israel non entendeu? ‑Moisés é o primeiro en dicir:

Eu vouvos meter celos por un pobo que nin tan sequera o é; por un pobo parvo vouvos enfurecer.

20Isaías atrévese a dicir:

Atopáronme os que non me buscaban,

e manifesteime ós que non preguntaban por min.

21E referíndose a Israel, di:

Todo o día estiven a estender as miñas mans cara a un pobo desobediente e teimudo.

 

En Israel Deus reservou un "resto"