Capítulos 1-5

Saúdo

 

CAPÍTULO 1

 

 1Paulo, escravo de Cristo Xesús, chamado para ser apóstolo, escollido para o Evanxeo de Deus, 2que El prometera antes por medio dos seus profetas nas Escrituras santas, 3e que trata do seu Fillo Xesús Cristo o noso Señor, que como home naceu da semente de David, 4pero que polo Espírito santificador foi constituído Fillo de Deus con pleno poder ó ser resucitado dos mortos.

5Por medio del recibimos o don de ser apóstolos, para promovermos entre todos os pobos xentís a obediencia da fe, en honor do seu nome. 6Entre eles tamén vos contades vós, chamados por Xesús Cristo. 7A todos os predilectos de Deus, que estades en Roma, chamados a serdes santos, deséxovos graza e paz de parte de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.

 

Limiar

 

8Primeiro de todo, doulle grazas ó meu Deus por medio de Xesús Cristo, a causa de todos vós, porque a vosa fe ten sona no mundo enteiro. 9Deus, a quen dou culto no fondo do meu corazón anunciando o Evanxeo do seu Fillo, sabe moi ben que eu me estou a lembrar a cotío de vós 10en todas as miñas oracións, rogando que, se é a súa vontade, eu teña por fin a satisfacción de vos ir visitar como sexa. 11Teño moita gana de vos ver, para repartir convosco algún don espiritual que vos fortaleza; 12é dicir, para nos animar mutuamente coa fe duns e doutros: a vosa e mais a miña.

13Ademais quero que saibades, irmáns, que moitas veces me propuxen irvos visitar, coa intención de recoller algún froito tamén entre vós, coma entre os outros pagáns e polo de agora non puido ser. 14Estou en débeda con gregos, con estranxeiros, con sabios e con ignorantes; 15así que, en canto dependa de min, estou disposto a vos anunciar o Evanxeo tamén a vós, os de Roma.

 

 

A XUSTIFICACIÓN

 

Enunciación do tema

 

16Porque eu non me avergonzo do Evanxeo, que é unha forza de Deus para a salvación de todo o que cre; primeiramente do xudeu, pero tamén do grego. 17Porque nel a xustificación de Deus revélase desde a fe e para a fe, tal como está escrito: o que é xusto pola fe, vivirá.

 

Toda a humanidade pechada no pecado

 

18Ademais estase manifestando a ira de Deus desde o ceo sobre toda impiedade e inxustiza dos homes, que coa inxustiza asoballan a verdade. 19Porque o que se pode coñecer de Deus téñeno ben a vista, que Deus llelo puxo diante dos ollos. 20Porque o que de Deus é invisible, é dicir, a súa potencia eterna e a súa divindade, resúltalle visible, desde que o mundo é mundo, a quen reflexiona sobre as súas obras; de xeito que non teñen escusa.

21Porque, cando coñeceron a Deus, non o loaron coma tal, nin lle deron grazas; máis ben, parvearon con matinacións baleiras e o seu corazón insensato encheuse de tebras: 22téndose por moi listos volvéronse parvos, 23que trocaron a gloria do Deus inmortal por imaxes corruptibles de homes, de paxaros, de bestas e de réptiles. 24Por iso Deus abandonounos ás cobizas dos seus corazóns e chegaron a envilecer os seus propios corpos, 25por trocaren o Deus verdadeiro por un falso, e por honraren e daren culto á criatura en lugar do Creador (¡Bendito e loado polos séculos. Amén!).

26Por iso abandonounos Deus ás paixóns degradantes: as súas mulleres cambiaron o uso natural polo que é contra a natureza. 27E os homes, outro tanto: deixaron o uso natural da muller, arderon en cobizas duns polos outros, homes con homes, cometendo torpezas e recibindo o pagamento do seu extravío en si mesmos. 28E, como lles pareceu inadmisible seguir recoñecendo a Deus, Deus abandonounos ó perverso pensamento de faceren o que non é decente. 29Están ateigados de toda clase de inxustiza, maldade, cobiza, perversidade; cheos de envexa, de homicidios, de rifas, de enganos, de depravación; son detractores, 30murmuradores, inimigos de Deus, inxuriosos, soberbios, fachendosos, inventores de males, rebeldes cos seus pais; 31sen xuízo, sen palabra, sen afecto, sen misericordia. 32Eles coñecen ben a xustiza de Deus, que castiga coa morte ós que tal fan; pero, aínda así, eles fano e, por riba, apláudenlle a quen o faga.

 

Tamén os xudeus están no pecado

 

CAPÍTULO 2

 

 1Por iso, non tes escusa ti, home, quenquera que sexas, cando xulgas; pois ó dares sentencia contra outros, estaste condenando a ti mesmo, xa que fas aquilo mesmo que xulgas condenable. 2Pois sabemos que o xuízo de Deus contra todos os que tales cousas fan está conforme coa verdade.

3¿Seica pensas, home, que por xulgares os que fan esas cousas (facendo como fas ti o mesmo) xa vas escapar por iso ó xuízo de Deus? 4¿Ou é que abusas da súa inesgotable bondade, do seu aguante e da súa paciencia, e non te decatas de que esa benignidade de Deus está tratando de te encamiñar cara á conversión?

5Na medida da túa dureza e do teu impenitente corazón estás amoreando ira contra ti mesmo para o día da ira e da manifestación do xusto xuízo de Deus. 6Pois El daralle a cadaquén conforme ós seus feitos: 7ós que perseveran nas boas obras e buscan a gloria, a honra e a inmortalidade, halles dar vida eterna; 8pero ós que só pensan no seu e non seguen a verdade, senón a inxustiza, halles dar castigo e ira.

9Tormento e estreitura para todos cantos cometen o mal, primeiramente para o xudeu, pero tamén para o grego; 10gloria, honor e paz para todo o que fai o ben, primeiro para o xudeu, pero tamén para o grego. 11Pois Deus non fai acepción de persoas: 12os que pecaron sen estaren baixo a Lei, perecerán sen a Lei; e os que pecaron dentro da Lei serán xulgados por medio da Lei. 13Pois non abonda escoitar a Lei para estar a ben con Deus, senón que cómpre practicala para recibir o seu beneplácito. 14Cando os pagáns, con non teren Lei, practican naturalmente o que manda a Lei, entón aínda faltándolles a Lei, eles son lei para si mesmos. 15E así amosan que levan escrito nos seus corazóns o efecto da Lei; failles de testemuña a súa propia conciencia, e de acusadores ou defensores os seus razoamentos.

16Así será no día en que por medio de Xesús Cristo xulgue Deus as cousas escondidas dos homes conforme ó Evanxeo que eu predico.

 

A circuncisión exterior e a Lei non valen

 

17Imos ó caso: ti que te consideras xudeu e confías na Lei e te oufanas de Deus; 18ti que coñécar o súa vontade e, adoutrinado pola Lei, acertas o que é mellor; 19que estás convencido de seres guía dos cegos, luz dos que están na escuridade, 20educador dos ignorantes, mestre dos simples, porque tes na Lei a representación do saber e da verdade.

21Ben, pois ti, que adoutrinas ós outros, ¿non te adoutrinas ti? Ti, que predicas que non se roube, ¿roubas? 22Ti, que dis que non se pode adulterar, ¿adulteras? Ti, que abominas dos ídolos, ¿roubas nos templos? 23Ti, que te gabas de tar o Lei, ¿deshonras a Deus transgredindo a Lei?

24Por iso, como está escrito, pola vosa culpa maldín os pagáns o nome de Deus.

25Certo, a circuncisión é útil, se practicas a Lei; pero, se ti es un transgresor da Lei, a circuncisión convértese en incircuncisión. 26Pois, se o que é incircunciso practica o que manda a Lei, ¿non é certo que a súa incircuncisión se volve circuncisión?

27Fisicamente non está circuncidado, pero, se cumpre a Lei, hate de xulgar a ti, que, con teres a Escritura e a circuncisión, es transgresor da Lei.

28Porque non é xudeu quen o aparenta externamente, nin é auténtica a circuncisión só na carne; 29senón que é xudeu quen o é por dentro: e a verdadeira circuncisión é a do corazón, por obra do Espírito, non pola letra: ese tal recibe a gabanza non dos homes, senón de Deus.

 

Obxeccións

 

CAPÍTULO 3

 

1‑¿Cal é, logo, a vantaxe do xudeu? ¿Para que vale a circuncisión?

2‑Moita, en todos os sentidos. En primeiro lugar porque se lle confiaron as palabras de Deus. 3¿Que importa que algúns non cresen? ¿Ou é que a incredulidade deles vai anular a fidelidade de Deus? 4De ningunha maneira. Quede ben claro que Deus é veraz, e que todo home é mentireiro, como está escrito:

Os teus argumentos amosarán a túa inocencia e no xuízo sairás vencedor.

5‑Pero se a nosa inxustiza fai salientar a xustiza de Deus, ¿que diremos? Falando ó xeito humano: ¿non será inxusto Deus, descargando a súa ira?

6‑De ningunha maneira. Se así fose, ¿como vai xulgar Deus ó mundo?

7‑Xa, pero se, por contraste coa nosa mentira, a verdade de Deus queda destacada para a gloria súa, ¿por que por riba se me condena como pecador? 8¿E por que non dicir xa (como algúns con calumnia din que dicimos nós): "Fagamos o mal para que resulte o ben?".

‑Esa xente merece a condenación.

9‑En resumidas contas, ¿temos algunha vantaxe?

‑En definitiva, ningunha, pois acabamos de deixar convictos tanto ós xudeus coma ós gregos, de estaren todos baixo o pecado. 10Como está escrito:

Non hai nin sequera un xusto,

11non hai nin un ben asisado,

nin un que busque a Deus.

12Todos se extraviaron, xuntamente se perderon;

non hai quen faga o ben,

non hai nin un.

13Sartego aberto é a súa gorxa,

coas súas linguas tecen dolos,

veleno de víbora hai nos seus beizos.

14A súa boca está chea de maldición e amargura.

15Lixeiros son os seus pés para verter sangue,

16sufrimento e miseria deixan nos seus camiños,

17non atoparon camiño de paz.

18O temor de Deus non existe para eles.

19Ora, sabemos que canto se di na Lei se refire ós que están baixo a Lei: para que toda boca quede pechada, e todo o mundo quede convicto ante Deus. 20Porque ninguén se poderá xustificar ante El polas obras da Lei, xa que a Lei só serve para dar conciencia do pecado.

 

A xustificación só vén pola fe

 

21Mais agora, con total independencia da Lei, manifestouse a xustiza de Deus; a que atestaran a Lei e mais os Profetas. 22Esta é a xustiza de Deus por medio da fe en Xesús Cristo, para todos os que cren. Porque non hai distinción ningunha: 23todos pecaron, e carecen da gloria de Deus. 24Pero todos quedan xustificados, sen o mereceren, pola súa graza, mediante a redención que se realizou en Cristo Xesús. 25Pois Deus púxoo a El coma propiciatorio no que, pola fe, se expían os pecados mediante o seu sangue. Así mostra que era xusto cando deixaba sen castigo os pecados cometidos antes, 26no tempo da paciencia de Deus, ó demostrar agora a súa xustiza no tempo presente; de xeito que se vexa que El é xusto e que xustifica a quen ten fe en Xesús.

27‑¿Onde está, logo, o orgullo?  Quedou eliminado.

‑¿Por que Lei? ¿Pola das obras? ‑Non; pola lei da fe. 28Pois afirmamos que o home é xustificado pola fe, con independencia das obras da Lei.

29‑¿Ou é que Deus é Deus dos xudeus soamente? ¿Non o é tamén dos xentís? ‑Certo, tamén dos xentís. 30Porque hai un só Deus, que xustificará a ambos: ós circuncisos pola fe, e ós incircuncisos tamén pola fe.

31‑¿Logo coa fe derrogamos a Lei? ‑De ningunha maneira, máis ben a confirmamos.

 

O exemplo de Abraham

 

CAPÍTULO 4

 

1‑¿Que diremos, entón, que conseguiu Abraham, o proxenitor da nosa estirpe? 2Porque, se Abraham foi xustificado polas obras, ten razón de se gabar.

‑Si, pero non diante de Deus. 3Porque ¿que di a Escritura?: Fiouse Abraham en Deus e iso valeulle a xustificación. 4O traballador non se lle conta o xornal coma regalo, senón coma algo debido. 5En troques, ó que non traballa, pero que se fía daquel que xustifica ó impío, a súa fe válelle para xustificación. 6Xa David declara ditoso o home a quen Deus lle concede a xustiza sen as obras:

7Benia aqueles a quen se lles perdoaron as súas iniquidades,

ós que lles enterraron os seus pecados.

8Benia o home a quen o Señor

non lle ten en conta o pecado.

9Ora, ¿esta benaventuranza tócalles só ós circuncisos ou tócalles tamén ós incircuncisos? Pois dicimos: A Abraham a fe valeu a xustificación. 10Pero ¿como lle valeu? ¿Estando na circuncisión ou na incircuncisión?

‑Non na circuncisión, senón na incircuncisión. 11E recibiu o sinal da circuncisión como marca da xustificación que recibira pola fe, estando aínda na incircuncisión. Desa maneira chegou a ser pai de todos os crentes incircuncisos, para que se lles conte coma xustificación; 12e pai tamén daqueles circuncisos que non só están circuncidados, senón que ademais seguen as pegadas da fe que o noso pai Abraham tivo antes de se circuncidar.

 

A promesa cúmprese por medio da fe

 

13Pois a promesa a Abraham ou á súa liñaxe, de que el herdaría o mundo, non se lle fixo pola Lei, senón pola xustificación da fe. 14Xa que se fosen herdeiros pola Lei, a fe quedaría baleira e a promesa non se cumpriría: 15porque a Lei o que fai é traer o ira, dado que onde non hai Lei, tampouco hai infracción.

16Por iso a promesa depende da fe, para que sexa por graza, e así se manteña firme para toda a liñaxe: non só para o que nace na Lei, senón tamén para o que nace pola fe de Abraham, 17conforme está escrito: púxente como pai de moitas nacións, el é pai de todos nós ante o Deus en quen el creu, o que fai vivir os mortos e que chama á existencia mesmo ás cousas que non existen.

18Contra toda esperanza el creu na esperanza e así chegou a ser pai de moitas nacións, como se lle dixera: así será a túa liñaxe. 19E non abalou na fe, aínda que ben vía que o seu corpo xa estaba morto ‑tiña ó pé de cen anos‑ e que morto estaba tamén o seo de Sara. 20Ante a promesa de Deus non dubidou por incredulidade, senón que se fortaleceu na fe, dando gloria a Deus, 21plenamente seguro de quen é poderoso para cumprir o que promete. 22Por iso valeulle a xustificación. 23Estas palabras non se escribiron soamente por el, 24senón tamén por nós. Pois tamén nos vai "valer" a nós que cremos naquel que resucitou dos mortos a Xesús, noso Señor, 25que foi entregado por culpa dos nosos pecados e foi resucitado por mor da nosa xustificación.

 

 

A SALVACIÓN

 

A salvación, efecto da xustificación

 

CAPÍTULO 5

 

1Xustificados, logo, pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. 2Por El temos tamén entrada a esta graza na que nos mantemos; e estamos orgullosos coa esperanza de lograr a gloria de Deus. 3E non só isto, senón que estamos orgullosos nas tribulacións, sabendo que a tribulación xera a paciencia, 4a paciencia proba a fidelidade e a fidelidade produce a esperanza. 5E a esperanza non falla, porque o amor de Deus vértese nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.

6De certo, xusto cando nós aínda estabamos sen forzas, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. 7Non é fácil, en verdade, que alguén queira morrer por un home xusto (aínda que por un home bo, quizais se atreva alguén a morrer); 8pero Deus demostrounos o seu amor no feito de que, sendo aínda nós pecadores, Cristo morreu por nós. 9Con máis razón logo, agora  que xa estamos xustificados polo seu sangue, seremos por El salvos da ira.  10Porque, se cando eramos aínda inimigos, fomos reconciliados con Deus mediante a morte do seu Fillo, moito máis, xa reconciliados seremos salvos pola súa vida. 11Aínda máis: mesmo orgullosos estamos en Deus por medio do noso Señor Xesús Cristo, por quen agora recibimos a reconciliación.

 

Adam e Cristo

 

12Isto enténdese cun exemplo: o pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a todos os homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado. 13Porque, de feito, antes da Lei había pecado no mundo; aínda que o pecado non se ten en conta cando non hai Lei; 14a pesar diso, a morte dominou desde Adam ata Moisés, mesmo sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adam. E Adam é unha figura arquetípica daquel que está para vir.

15Pero de ningún modo hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun morreron todos os demais, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a graza e o don de Deus rebordaron sobre todos. 16Nin pasou co don o mesmo que coas consecuencias do pecado dun único home: porque o xuízo, partindo dunha soa transgresión, rematou en condena; en troques, o don, partindo de tantos delitos, rematou en absolución. 17Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, ¡canto máis os que recibiron a abundancia da graza e do don da benevolencia reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!

18Por tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre todos os homes, así tamén pola xustificación doutro só vén para todos os homes a xustificación que dá a vida. 19Como a desobediencia dun único home volveu pecadores a todos os homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos. 20Porque a Lei entrou para que a transgresión abundase; pero onde abundou o pecado, sobreabundou a graza, 21para que, como reinou o pecado traendo a morte, así tamén a graza reinaría pola xustiza, que produce a vida eterna, por medio de Xesús Cristo noso Señor.