Capítulos 1-6

 

Saúdo

 

CAPÍTULO 1

 

1Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por vontade de Deus, ós cristiáns e crentes en Xesús Cristo: 2deséxovos a braza e paz de Deus noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.

 

O designio salvífico de Deus

 

3¡Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito! 4Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha perante El polo amor.

5El decidiu xa daquela facernos fillos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o designio da súa vontade, 6para loanza da súa gloriosa benquerenza, coa que nos agraciou no Fillo amado, 7quen co seu sangue nos acadou a redención e o perdón dos pecados, en proba da xenerosidade da súa graza. 8E fíxoa rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, 9ó nos descubrir o misterio da súa vontade, conforme o designio que El tiña 10para levar a historia á súa plenitude e, por medio de Cristo, levar a cabo a unidade do universo, do que hai no ceo e do que hai na terra.

11Por El tamén nós tivemos a sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme o proxecto da súa vontade, 12para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

13Vós tamén, despois de escoitardes a mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido, 14que é garantía da nosa herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para loanza da súa gloria.

 

A Igrexa, instrumento da salvación

 

15Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a todos os crentes, 16non paro de lle dar grazas a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións, 17de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai glorioso, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para coñecer o ben; 18que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades as esperanzas que abre a súa chamada, a riqueza que supón a súa gloriosa herdanza destinada ós crentes, 19e o extraordinario portento que é o seu poder verbo de nós, os que cremos, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, 20que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, 21por riba de toda soberanía, autoridade, forza e dominio, e por riba de todo título recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro. 22Someteuno todo baixo os seus pés e deullo por riba de todo como cabeza á Igrexa, 23que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.

 

Traídos da morte á vida

 

CAPÍTULO 2

 

1E tamén vós estabades mortos polos vosos delitos e pecados 2e neles camiñabades daquela seguindo os criterios deste mundo e seguindo ó príncipe do poder do aire, do espírito que agora actúa nos fillos desobedientes... 3Entre eles viviamos daquela tamén todos nós, satisfacendo os nosos baixos instintos, cumprindo os baixos desexos e os caprichos dos instintos, sendo naturalmente fillos da ira, coma os mais.

4Pero Deus, que é farturento en misericordia, polo grande amor que nos amosou 5cando estabamos nós mortos polos nosos pecados, fíxonos revivir con Cristo (salváronvos por pura benquerenza) e 6resucitounos con El e con El fíxonos sentar no ceo en Cristo Xesús, 7para mostrarlles ós séculos vindeiros a desbordante riqueza da súa graza, manifesta na bondade que tivo connosco en Cristo Xesús. 8Porque vos salvaron por graza, mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus; 9e non vén das obras, para que ninguén se dea méritos. 10Somos, logo, feitura del, creados en Cristo Xesús para facermos o ben no que Deus dispuxo de antemán que camiñemos.

 

Un só pobo de salvados por Cristo

 

11Por iso debedes lembrar que vós, os que hai algún tempo erades xentís no corpo ‑tratados de incircuncisos polos da chamada circuncisión (pura obra humana no corpo)‑, 12estabades daquela sen Cristo, excluídos da cidadanía de Israel e alleos ás alianzas da promesa: viviades sen esperanza e sen Deus, no mundo.

13Pero vós, que antes estabades lonxe, agora grazas a Cristo Xesús estades cerca, no sangue de Cristo. 14El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira divisoria ‑a inimizade‑, e abolindo na súa carne 15aquela Lei de mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade, facendo a paz; 16e reconciliando con Deus ámbolos dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade. 17El veu e anunciou a paz: paz para vós ‑os de lonxe‑, e paz para os que estaban cerca: 18porque por el temos uns e outros acceso ó Pai, nun mesmo Espírito.

19Por tanto, xa non sodes estranxeiros nin xente de fóra: sodes concidadáns dos crentes e membros da casa de Deus, 20edificados sobre o alicerce dos apóstolos e dos profetas, sendo a pedra esquinal Cristo Xesús. 21Sobre el toda a construción se vai erguendo ata formar un templo santo no Señor. 22E nesa construción tamén entrades vós, para formardes unha morada de Deus, no Espírito.

 

A misión de Paulo

 

CAPÍTULO 3

 

1Por esa razón eu, Paulo, preso por mor de Cristo Xesús e por vos levar este ben a vós, os xentís... 2Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: 3xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio, tal como escribín antes en poucas palabras; 4polo que, ó lelo, podedes esculcar como entendo eu o misterio de Cristo, 5que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito ós seus santos apóstolos e profetas: 6que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo 7do que me fixo servidor a xenerosa graza que Deus me concedeu coa eficacia do seu poder. 8A min,  o máis cativo de todos os crentes, concedéuseme o honor de anunciarlles ós xentís a inimaxinable riqueza de Cristo 9e amosarlles a todos a realización do misterio escondido desde sempre en Deus, que creou todas as cousas. 10Así desde o ceo e por medio da Igrexa dáselles a coñecer a principados e autoridades a variedade de formas da sabedoría de Deus, 11contidas no proxecto eterno que se levou a cabo por medio de Cristo Xesús, noso Señor. 12Grazas a El temos a liberdade de acceso confiado, pola fe nel. 13Por isto pídovos que non vos desmoralicedes polas tribulacións que paso por causa vosa, que precisamente elas son a vosa gloria.

 

Grandeza do amor de Cristo

 

14Por esta razón axeónllome perante o Pai, 15de quen toma nome toda paternidade no ceo e mais na terra, 16para que vos conceda ‑segundo a riqueza da súa gloria‑, que se robusteza poderosamente en vós o home interior por medio do seu Espírito; 17que Cristo habite pola fe nos vosos corazóns e que teñades a vosa raíz e o voso alicerce no amor, 18de xeito que poidades comprender, con todo o pobo crente, o ancho, o longo, o alto e o profundo que é 19o amor de Cristo, que supera todo coñecemento; e así quededes cheos da plenitude total, que é Deus.

 

Doxoloxía

 

20A aquel que, con esa potencia que actúa en nós, pode facer moito máis ‑inmensamente máis‑ do que nós poidamos pedir ou imaxinar, 21a El a gloria na Igrexa e en Cristo Xesús, por todas as xeracións de séculos de séculos. Amén.

 

Normas xerais

 

CAPÍTULO 4

 

1Por tanto, eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da chamada que recibistes, 2con total humildade, sinxeleza e paciencia, aturándovos uns a outros con amor, 3esforzándovos por manter a unidade do espírito no vínculo da paz. 4Hai un só corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha única esperanza na vosa vocación. 5Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, 6e un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos.

7A cada un de nós déusenos a graza segundo a medida do don de Cristo. 8Por iso di a Escritura: Subiu ó alto levando cativos; concedeulles os dons ós homes. 9Ese "subiu" ¿que quere dicir senón que tamén baixou ó fondo da terra?; 10e o que baixou foi o mesmo que subiu á cima do ceo para enchelo todo. 11E a uns fíxoos apóstolos; a outros, profetas; a outros, mensaxeiros do Evanxeo; e a outros, pastores e mestres, 12para fornecer cristiáns cara á tarefa do ministerio, para a edificación do corpo de Cristo, 13ata que todos academos a unidade na fe e no coñecemento do Fillo de Deus, a madurez do home perfecto, o desenvolvemento propio da plenitude de Cristo. 14Así xa non seremos nenos, batidos e levados á deriva polas ondas de calquera corrente de doutrina, á mercé do engano dos homes e de argucias demagóxicas, 15senón que, sendo auténticos no amor, medraremos en todo cara a Aquel que é a cabeza, Cristo. 16Del vén que o corpo todo ‑ben axustado e compacto por todas as xunturas que o alimentan, coa actividade propia de cada unha das partes‑, vaia medrando, construíndose el mesmo, no amor.

 

Vida pagá e vida cristiá

 

17Dígovos, por tanto, e recoméndovos en nome do Señor que non vivades máis coma os pagáns, coa mente baleira, 18coa intelixencia entebrecida, alleos á vida de Deus, pola ignorancia que hai neles, debido á cegueira do seu corazón. 19Os tales volvéronse insensibles, entregáronse ó vicio ata practicaren insaciablemente toda clase de inmoralidades.

20Vós, con todo, non foi así como coñecestes a Cristo. 21Supoño que vos falaron del e que vos ensinaron o que responde á verdade en Xesús; 22isto é, que vos ispades do home vello da vida anterior, que vai esmorecendo, seducido polas súas arelas; 23que cambiedes a vosa actitude mental, 24e que vistades o home novo, creado a imaxe de Deus, na xustiza e na relixiosidade auténticas.

 

Unha vida no amor

 

25Por iso rexeitade a mentira e dígalle cadaquén a verdade ó seu próximo, porque somos membros uns dos outros. 26Anoxádevos, pero non cheguedes a pecar: que o solpor non vos colla no voso incomodo, 27nin lle deades entrada ó demo.

28O que antes roubaba, que non roube máis e que se esforce en traballar honradamente coas súas mans, para poder compartir co necesitado. 29Que non saia da vosa boca unha palabra ruín: ó contrario, a palabra boa, para a edificación no momento preciso, para que faga ben ós que escoitan.

30Non aflixades ó Santo Espírito de Deus, que vos selou para o día da redención. 31Arredade de vós toda retranca, carraxe, ira, berros ou aldraxes e calquera outra maldade; 32máis ben sede bondadosos e misericordiosos uns cos outros, perdoándovos mutuamente, coma Deus vos perdoou en Cristo.

 

CAPÍTULO 5

 

1Facédevos, logo, imitadores de Deus, coma fillos queridos, 2e camiñade no amor, igual ca Cristo, que vos amou e que se entregou por nós coma ofrenda e vítima a Deus de recendo agradable.

3De inmoralidades ou de cobizas que nin sequera se fale entre vós, como corresponde a cristiáns. 4Nin haxa tampouco groserías, estupideces ou choqueiradas: son cousas que non proceden. En vez diso dádelle grazas a Deus. 5Tede por certo que quen se dea á prostitución, á inmoralidade ou á cobiza (que é unha idolatría) non herdará o Reino de Cristo e de Deus.

 

Vivir "na luz"

 

6Que ninguén vos engaiole con palabras baleiras, que por estas cousas vén a ira de Deus sobre os fillos rebeldes. 7Non vos fagades cómplices delas; 8porque antes, si, erades tebras pero agora sodes luz no Señor. Así que andade coma fillos da luz, 9(porque a luz é toda bondade, xustiza e verdade), 10tendo en conta o que agrada ó Señor. 11E non compartades as obras estériles das tebras; polo contrario, denunciádeas, 12que do realizado por eses tales ás agachadas dá vergonza mesmo falar. 13Pero todo iso, cando o delata a luz, queda ó descuberto, 14pois todo o que se manifesta é luz. Por iso dise:

Acorda, ti que estás a durmir,

érguete do medio dos mortos

e Cristo iluminarate.

15Mirade, logo, con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos, 16aproveitando ben este tempo, que corren días malos. 17Por iso, non sexades irreflexivos; ó contrario, tratade de comprender cal é a vontade do Señor.

18Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso enchédevos de Espírito, 19falando entre vós con salmos, himnos e cánticos espirituais, cantando e salmodiando con toda a alma para o Señor 20e dándolle grazas decote a Deus Pai, por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo.

 

As relacións domésticas

 

21Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo: 22as mulleres sométanse ós propios maridos, coma se fose o Señor, 23pois o marido é cabeza da muller, coma tamén Cristo é cabeza da Igrexa, o salvador do corpo. 24E, coma a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres ós seus maridos, en todo.

25Homes, amade as vosas mulleres, coma tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela 26para santificala, purificándoa co baño de auga na palabra, 27e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin engurra nin cousa polo estilo senón santa e inmaculada. 28Así deben tamén os maridos amar as súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller, ámase a si mesmo, 29porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e aquece, como fai Cristo coa Igrexa, 30porque somos membros do seu corpo.

31Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un único ser. 32Grande misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa. 33En calquera caso, todos e cada un de vós, debe amar a súa muller coma a si mesmo; e a muller, que respecte ó seu marido.

 

CAPÍTULO 6

 

1Os fillos obedecede a vosos pais no Señor, que iso é de razón.

2Honra a teu pai e a túa nai, é o primeiro mandamento que trae emparellada unha promesa: 3de xeito que todo che saia ben e vivas moitos anos na terra. 4E vós, pais, non sexades rigorosos de máis cos vosos fillos; non: educádeos na disciplina e na doutrina do Señor.

 

Escravos e amos

 

5Escravos, obedecede escrupulosamente ós vosos amos neste mundo con sinceridade coma a Cristo; 6e non só para que vos vexan, para compracer ós homes, senón coma escravos de Cristo que cumpren de corazón a vontade de Deus, 7servindo de boa gana, coma se fose ó Señor e non a homes, 8sabendo que quen fai o ben, escravo ou libre, recibirá recompensa do Señor. 9E vós, amos, facede o mesmo con eles, prescindindo de ameazas, sabendo que eles e vós tedes un Señor no ceo, e que El non anda con favoritismos.

 

A vida cristiá como combate

 

10E remato. Fortalecédevos no Señor e na puxanza do seu poder. 11Revestídevos da armadura de Deus, para que poidades resistir as estrataxemas do demo. 12Porque non é a nosa loita contra homes de carne e óso senón contra os principados, contra as potestades, contra os que dominan neste mundo tenebroso, contra os espíritos do mal, que andan polo aire.

13Por iso, collede a armadura de Deus, para lles poder facer fronte no día malo, e, despois de superalo todo, quedar aínda en pé. 14Estade, logo, en pé: cinguídevos co cinto da verdade, revestidos coa coiraza da xustiza 15e calzados os pés co afervoamento do Evanxeo da paz. 16Tede sempre no brazo o escudo da fe, que con el poderedes apagar todos os dardos incendiarios do maligno. 17Collede o casco da salvación e a espada do Espírito, que é a palabra de Deus, 18con toda clase de oracións e de súplicas, orando decote no Espírito e velando por iso con asiduidade e súplicas por todos os cristiáns, 19e tamén por min, a fin de que se me dea a palabra en abrindo a miña boca, para anunciar abertamente o misterio do Evanxeo 20do que son pregoeiro, mesmo na cadea; que teña valor para anuncialo abertamente, como debo.

 

Conclusión

 

21Para que tamén vós saibades que é de min e como me vai, informaravos de todo iso Tíquico, o noso irmán benquerido e axudante fiel no Señor. 22Mándovolo para que saibades de nós e para que vos anime.

23Paz ós irmáns e amor con fe, de parte de Deus Pai e do Señor Xesús Cristo. 24Que a graza acompañe a todos os que aman ó noso Señor Xesús Cristo con amor indefectible.